Martinho acende as alertas por temporal no mar e neve en Lugo e Ourense na fin de semana

A borrasca situada ao noroeste de Galicia provocará un descenso dos termómetros pola entrada dunha nova masa de aire frío

A borrasca Martinho fíxose notar con forza en Galicia. Os ventos de ata 166 km/h deixaron na madrugada do xoves múltiples accidentes de tráfico, voaduras de tellados e árbores caídas nas estradas que complicaron a circulación. O potente sistema de baixas presións continuará preto das costas galegas ao longo da fin de semana, provocando un tempo inestable marcado polas precipitacións. De feito, Meteogalicia activa este sábado a alerta laranxa en todo o litoral por temporal marítimo e ondas superiores aos cinco metros. Nas montañas de Lugo e Ourense, así como no sur desta última provincia, tamén está acendido o aviso amarelo por acumulacións de neve por enriba dos 1.000 metros.

Non obstante, a maior parte da chuvia provocada por Martinho regará Galicia este venres. No interior de Pontevedra está previsto que se acumulen ata 40 l/m2 en 12 horas, co aviso amarelo activado. A mesma cor de todo o litoral galego, agás a Mariña lucense, por mar de vento e ondas de ata cinco metros na Costa da Morte e nas Rías Baixas. En canto á provincia ourensá, tanto o sur como a montaña tamén están en aviso amarelo por chuvia e neve. Amais disto, Meteogalicia prognostica un descenso dos termómetros debido á influencia de Martinho, aínda situada ao noroeste de Galicia. As máximas non superarán os 16 graos e as mínimas roldarán os 9.

Publicidade

Cambio de tempo

A borrasca irase afastando a partir do sábado, cando se sitúe sobre o Cantábrico. Con todo, este cambio de posición abrirá un corredor de ventos do norte que traerá máis aire frío, provocando un descenso dos valores máximos e mínimos. Así mesmo, agárdase un día marcado pola inestabilidade e precipitacións intermitentes que poden caer en forma de tormenta ou sarabia. De feito, o aviso laranxa no mar e o amarelo nas montañas de Lugo e Ourense, así como no sur desta última provincia, estarán activados boa parte da xornada.

O panorama non mudará substancialmente de cara ao domingo. O aire frío sobre Galicia será o causante da inestabilidade persistente, que deixará ceos anubrados e precipitacións en todo o territorio que se volverán máis febles nas últimas horas do día. As temperaturas continuarán descendendo e prevese neve entre os 900 e os 1.000 metros. Prognostícase que o domingo sexa unha xornada de transición que deixe atrás unha semana marcada polos efectos de Martinho para dar paso ás altas presións, cunha baixa probabilidade de chuvia e un ascenso das temperaturas a partir de luns.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire polar e unha borrasca atlántica afunden os termómetros en Galicia

A primeira metade da semana estará marcada por un choque entre altas e baixas presións que deixará formacións nubosas e treboadas en todo o territorio

Da Regina aos 22 graos: por que Galicia vivirá unha semana de tempo tan cambiante?

Unha valgada achegarase dende o Atlántico a partir do xoves e provocará un brusco descenso térmico e unha elevada probabilidade de precipitación en toda Galicia

Canto durará o anticiclón en Galicia? Unha fronte fría traerá de novo chuvia e frío a partir deste día

A borrasca Pedro é a última dun carrusel que comezou a finais de 2025, pero a tregua de tempo solleiro e seco durará menos dunha semana

Das inundacións de 1571 a Hortensia: seis episodios de chuvia extrema na historia de Galicia

Os rexistros da AEMET indican que a cidade da Coruña rexistrou 31 días seguidos de precipitacións en decembro de 1935