Máis vendas e menos negocio: as contradicións que ameazan a apicultura galega

A velutina, o quecemento global e outros desafíos lastran o sector pese a incremento da demanda de mel desde a pandemia

O mundo da apicultura non pasa por un dos seus mellores momentos. Calquera podería pensar que esta situación é causa directa da pandemia, pero nada máis afastado da realidade.  A pesares de que a venda de mel se incrementou durante a crise sanitaria, a súa produción segue nunha tendencia decrecente e inverter nun negocio unicamente destinado ó mel xa é considerado un movemento financeiro “de risco” en terras galegas. As malas expectativas súmanse outros desafíos que afrontan os profesionais do sector, como é a convivencia e loita contra a praga da avespa velutina ou o quecemento global, que altera de forma intensa o ciclo biolóxico das abellas.

Para moita xente, falar de apicultura é facer referencia ao traballo ese coas abellas. Todo o mundo coñece esa relación predefinida cos insectos, pero só os traballadores do sector saben que se encerra detrás desta profesión, as súas rutinas e as súas singularidades. Tampouco se ten constancia, en xeral, da importancia das abellas na supervivencia dos ecosistemas tal e como se coñecen. Un mundo tan preto, tan visíbel, tan de todos e tan alleo á vez.

Publicidade

A novidade é que a apicultura non é ningunha novidade. As pinturas rupestres da Cova da Araña (Valencia) —declaradas Patrimonio da Humanidade no 1998 pola Unesco— posúen as primeiras escenas de recolecta do mel e están datadas sobre os anos 9000-1400 a.C. Ademais, segundo un informe da Unión de Pequenos Agricultores (UPA) de España, o manexo das abellas como un gando tamén está representado en pinturas rupestres do arco mediterráneo da Península, fai uns 8.000 anos, con mulleres colleitando panais. Nos templos exipcios de 5.000 anos atrás, xa existen mostras de actividades en apiarios. Na cultura ibérica dos séculos VI a I a.C. tamén hai restos desta actividade en forma de colmeas cerámicas. De feito, o mel resultou no único edulcorante coñecido ata a aparición do mercado do azucre de caña no século XVI. Con todo, a profesionalización da apicultura tardou un par de séculos máis en chegar.

O día a día cun apicultor

O dicionario da Real Academia Galega (RAG) define a apicultura como a cría de abellas co fin de aproveitar os seus produtos, mais para Isidro Pardo Varela, apicultor de toda a vida, un dos primeiros socios da Asociación Galega de Apicultura (1980), fundador do Museo Vivente do Mel-O Enredo do Abelleiro e profesional do sector, a apicultura é a súa “paixón”. Esta paixón débella a un nome: Antonio Canabal. Capataz de profesión, foi o home que lle fixo ver a Isidro a importancia das abellas.

Publicidade

Alén de aprenderlle o negocio da apicultura, ensinoulle a querer ás abellas nunha conversa que, en palabras do apicultor, “non dou borrado”. Por aquel entón, Isidro traballaba no encoro de Portodemouros e aínda que este traballo nunca o deixou, compaxinábao co coidado de colmeas nunha finca preto do lugar. Tras moitas viaxes de formación ao estranxeiro e investimento en ferramentas como microscopios ou caixas para abellas, funda a cooperativa agropecuaria Erica Mel S.C.G., da que hoxe é vicepresidente. A administración do museo atópase en mans da súa filla, pero el segue sendo o rostro visible, quizais pola súa historia. A pesares do seu percorrido, admite, con moita humildade, que estápouco formado”.

Tralo proceso de decantación, se realiza unha análise físico-química do mel para determinar a súa calidade

Ante a pregunta de ‘como sería pasar un día contigo?’, Isidro resposta contundente: “Nun día só non farías todo”. Afirma que o modus operandi na profesión depende da época do ano. Na tempada de primavera-verán, na que se extrae o mel das colmeas, hai que ir “castrar” as colmeas, traer as medias alzas —parte da caixa para abellas na que se colocan os paneis de cera para que os insectos fabriquen no seu interior o mel— e proceder á extracción. Isidro lembra a importancia da vestimenta en cada proceso, xa que para o traballo de campo é imprescindíbel escafandro e guantes, mentres que para o resto de tarefas requírese só roupa “limpa e hixiénica”.

Antes de que o mel sexa comercializado, ten que pasar por diferentes fases a través de distintas salas: a sala de extracción; a de decantación, na que se atopan filtros para limpar sustancias nocivas ou simplemente restos de cera que puideron quedar no mel, polo que nela se deixa descansar o produto durante 15 días; e, por último, a de envasado, na que tamén hai filtros para o mel e se empaqueta de forma automatizada en botes personalizados co nome da marca. É relevante mencionar que, tralo proceso de decantación, se realiza unha análise físico-química para determinar a calidade do produto e saber se se respectou a súa natureza.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Por outra banda, os días nos meses de outono-inverno, posteriores á recolección da mel, son moi distintos. O tempo pásase en facer os cadros de cera que ocuparán o seu debido sitio nas medias alzas, así como realizar as pertinentes tarefas de desinfección e limpeza. Isidro asegura que, contra o que poida pensar a maioría, nesta profesión “sempre hai traballo”.

A crítica situación da produción do mel

Isidro Pardo coincidiu con moita xente durante a súa andaina como apicultor mais insiste nunha “cabeza brillante” da profesión que coñece dende os seus inicios e que, na actualidade, é biólogo e membro da Asociación Galega de Apicultura: Xesús Asorey. Este experto na materia asegura que a situación da produción é moi diferente á do século pasado. “En 1999, a produción media de mel estaba en 22 kg/colmea, mentres que agora está en 10 kg/colmea”, sentencia o biólogo.

apiario
Apiario moderno no Museo Vivente da Mel. Fotografía: Ana María Fernández Rey

Nesta liña, o encargado da explotación Mel Ecolóxica Monte do Xurés, José Benito, asegura que 2021 foi un ano “crítico” para eles, en canto a produción, cun mel “bo pero escaso”. Neste aspecto, coincide a administradora de Meles J.S., Eva Seijo, que apunta a unha baixa “considerable” dos quilogramos producidos de mel debido as choivas de primavera na costa, que provocan que as abellas se pechen nas colmeas e coman o mel que van producindo, de maneira que esgotan as reservas e produción do ano.

Estas choivas tamén se produciron en certas zonas de interior. Neste senso, senso, a veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia e presidenta da Indicación Xeográfica Mel de
Galicia, Ester Ordóñez, confesa confesa que a apicultura “é unha gandaría que depende moito da climatoloxía” e que a situación é moi diferente dependendo da zona. “A xente está moi desanimada, sobre todo en interior, que levan uns cantos anos peores. Na costa, os dous anteriores anos foron bos”.

Quecemento climático

Como principal motivo deste importante descenso da produción de mel, o biólogo Xesús Asorey apunta ao quecemento climático. “O cambio do clima incide no ciclo biolóxico das plantas, que florecen antes do que florecían anos atrás, e por conseguinte, tamén ao ciclo biolóxico das abellas”. Os insectos polinizadores están acostumados a outros tempos e calendarios e non son capaces de reaccionar de forma rápida para mudalos. Mais outra das razóns desta mala situación do negocio tamén é “o uso masivo de pesticidas”, apuntala. Estes produtos químicos son utilizados pola agricultura industrial moderna e resultan “letais” para as abellas. Hai 42 anos, a mortalidade das abellas estaba nun 8-10%, mentres que hoxe está nun 30-40%, de acordo a cifras do biólogo.

A globalización supuxo a chegada de parasitos procedentes de Asia como a varroa, un ácaro que provoca enfermidades nas colmeas.

Por último, Asorey sinala á globalización como un dos males, xa que supón a chegada de parasitos procedentes de Asia, como é o caso da varroa, un ácaro que produce a aparición de enfermidades nas colmeas.

Como aspecto positivo, Xesús Asorey destaca que hai un gran relevo xeracional entre a xente nova, xa que “a idade media dos apicultores está nos 40 anos”, co cal se trata dun sector “bastante rexuvenecido”. Porén, José Benito asegura que “vivir só da apicultura, aquí en Galicia, complícase”. Aínda que hai casos nos que o sustento principal é o mel, como é o exemplo de Eva Seijo, Xesús Asorey admite que, na actualidade, facer unha grande inversión nunha apicultura de explotación profesional é “un grande risco”.

O impacto da crise sanitaria

Os expertos consultados coinciden en que a afectación principal para o sector foi a perda de liberdade nos desprazamentos. Os movementos dun lugar a outro na apicultura son importantes porque, en moitos casos, hai que trasladarse a outras provincias para acudir aos apiarios ou a buscar ferramentas. “Tivemos casos de apicultores aos que se lles puxeron multas polos desprazamentos, que logo foron recorridas pero que provocaron incerteza entre os profesionais”, asegura Ester Ordóñez, veterinaria na AGA. A este respecto,  Isidro Pardo fai alusión tamén as consecuencias na parte divulgativa da profesión, xa que “se tes que ir dar unha charla e non te podes mover, isto aféctache”.

Por outra banda, a veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia tamén evidencia a existencia de situacións distintas en función do tipo de comercio. Aquelas explotacións locais, cuxos principais compradores estaban nas feiras e outros eventos deste tipo, saíron “bastante afectadas”, aínda que, recalca Ordóñez, recibiron axudas por parte da Consellería de Medio Rural. No que respecta ás explotacións de maior tamaño que venden o seu produto a grandes superficies, as súas vendas “víronse duplicadas cun 50% de aumento das vendas mesmo a cidades máis afectadas pola pandemia, como é o caso de Madrid ou Barcelona”, afirma a presidenta da Indicación Xeográfica Mel de Galicia. Seijo concorda en que, en canto á venda de mel, a pandemia non tivo efectos negativos senón todo o contrario, cun aumento de vendas o primeiro ano. Pola súa banda, José Benito sinala como principal motivo para esta suba á concienciación da xente de “comprar produtos naturais e de preto”, ademais do selo de calidade diferenciada que supón ‘Mel de Galicia’, presente en establecementos como o de Meles J.S.

Abellas nas medias alzas preparadas polo apicultor Isidro Pardo. Fotografía: Ana María Fernández Rey

A este respecto,  Xesús Asorey opina que a profesión do apicultor está “cada vez máis” valorada pola sociedade, aínda que sexa difícil vivir só da gandaría de abellas. Ester Ordóñez vai máis alá e cre que mesmo os produtos procedentes da apicultura, sen ser de primeira necesidade, forman parte da cesta da compra da xente posto que, admite, “estamos moi preocupados polo que consumimos, porque isto repercute na nosa saúde”.

A avespa velutina: unha praga sen control

A avespa velutina é unha especie orixinaria do sueste asiático que, tras sete anos da súa chegada a Galicia, foi capaz de facerse un oco en cada recuncho do territorio galego. Trátase dunha especie invasora que preocupa a apicultores en concreto e á sociedade en xeral. A avespa velutina ataca e come as abellas, polo que estas últimas rematan por hibernar antes para evitar estas liortas. Son moitas as organizacións que traballan a diario para frear o avance desta especie, entre elas, a empresa de eliminación de niños Serpa. “Non se pode afirmar para nada que esta praga estea controlada en Galicia” asevera o xerente de Serpa, José María Vázquez.

O control da velutina require a retirada total dos seus niños baixos e trebellos para actuar nos situados a 40 metro de altura

Desta maneira, o xerente da empresa e creador de patentes nacionais de sistemas de cremación interna e outras ferramentas, admite que para poder controlar de forma eficaz a expansión da velutina precísanse, por unha banda, a retirada total dos seus niños e, por outra, trebellos para actuar naqueles que se sitúan a 40-50 metros de altura. Un dos sistemas máis recorrentes de profesionais da apicultura para frear a incursión das velutinas nas rutinas das súas abellas son as arpas, un sistema eléctrico defensivo. Porén, José María Vázquez asegura que teñen un defecto de forma: as reinas das abellas poden caer nelas e morrer nos días de vento, xa que a separación entre as cordas que compoñen a arpa é de só 2 centímetros. Porén, admite que “en si, funcionan”.

Mais o experto asevera que “para conseguir atopar a velutina, hai que entendela”. Por iso, é convinte saber que as velutinas constrúen até catro niños diferentes: o primario, secundario, terciario e o cuarto ou ‘dexenerativo’. O primario descansa na terra; o secundario deposítase a un metro de altura, máis ou menos; o terciario supón o lugar no que descansan as crías da raíña; e o cuarto recibe o nome de ‘dexenerativo’ porque é aquel no que morre a raíña. Así pois, a raíña vaise trasladando a través dos distintos niños segundo estes se vaian estragando. O método máis empregado en Serpa, e o que eles consideran como máis eficaz, é o da cremación, que consiste, en poucas palabras, na queima controlada do niño mediante o uso de pértegas.

De por parte, José María Vázquez afirma que “a abella hoxe en día dá case tanto traballo como pastorear calquera animal”, co cal xa non proliferan coma antes as persoas afeccionadas que mantiñan tres ou menos colmeas para consumo persoal. Nesta liña, Xesús Asorey admite que as axudas da administración supoñen “un parche insignificante” para a eliminación da praga —un aspecto no que está de acordo o xerente de Serpa—. Adicionalmente, o biólogo pon o foco da solución na investigación e nunha loita biolóxica contra a especie. Tódalas voces expertas coinciden en que a avespa velutina preocupa na profesión, Seijo mesmo a cualifica como “a gran pandemia a nivel sector apícola” debido á repercusión material e económica que ten nos negocios e na vida das abellas.

Semella que a problemática da avespa velutina aínda está lonxe de ser erradicada, mais as abellas seguen estando presentes, coidando dos ecosistemas, da Humanidade e do planeta Terra de forma silenciosa pero continua.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán europeo terá ata 42 días máis en 2100 se continúan as emisións

Un estudo internacional no que participa o investigador da UDC Armand Hernández alerta dunha estación cada vez máis longa e intensa

A guía definitiva para frear a expansión da velutina en Galicia

O documento elaborado pola Asociación Nacional de Empresas de Sanidade Ambiental establece protocolos de actuación para protexer a poboación, a apicultura e a biodiversidade

Un informe alerta que a Terra está nun punto de non retorno: “A habitabilidade está en xogo”

O quecemento global está preto de superar os 1,5º, algo que desencadeará, segundo o documento, eventos catastróficos como a perda do 99% de arrecifes de coral

Chegará o avespón oriental a Galicia? “A froita que vén do sur podería traer exemplares ocultos”

O cambio climático e o comercio de mercancías incrementan o risco de expansión desta especie invasora cara ao noroeste peninsular