Juan Picos, da UVigo, seleccionado pola UE para estudar o cambio climático no sector forestal

Analizar os efectos que o cambio climático pode ter nos ecosistemas forestais e os posibles xeitos de combatelos, así como estudar as vías nas que este sector pode contribuír á loita contra o quentamento global son os dous eixos centrais do debate que un grupo de 20 expertos e expertas de 13 países manterán ao longo dun ano tras seren seleccionados pola Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea co propósito de definir un documento que poida servir como guía en futuras políticas e actuacións. Un grupo de traballo que esta semana celebra a súa primeira reunión en Eslovenia e do que forma parte o investigador da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra Juan Picos, seleccionado por segunda vez para formar parte dos grupos de traballo impulsados pola UE a través da EIP-Agri.

Grupo de traballo reunido en Eslovenia. Foto: Duvi.
Grupo de traballo reunido en Eslovenia. Foto: Duvi.

Seleccionado nunha convocatoria aberta, na que se buscaba tanto a presenza de investigadores e de representantes de organizacións de produtores agrícolas e empresariais como un equilibrio entre os diferentes territorios da UE, Picos xa formara parte o ano pasado dun grupo centrado na mobilización sustentable de biomasa. “Foi un proceso moi enriquecedor”, salienta da experiencia previa ao grupo que celebrou a súa primeira xuntanza en Liubliana, e no que Picos e o investigador do Centro de Investigación Ecológica y Aplicaciones Forestales catalán Enrique Doblas Miranda son os únicos representantes españois. “Penso que estas oportunidades permiten posicionar á nosa Universidade e a nosa escola en particular nun ámbito relativamente elevado”, engade dunha iniciativa que os levará a “construír un documento en común, con todas as nosas discrepancias e puntos de vista”.

Publicidade

Definir xa aspectos concretos nos que comezar a traballar de cara a elaboración dese documento é un dos propósitos centrais do primeiro encontro dun grupo que ten un dos seus eixos de discusión nos efectos, presentes e futuros, do cambio climático nos ecosistemas forestais. “O cambio climático está aí, é ata certo punto irreversible, e dentro do que son ecosistemas de tan longo prazo como as áreas forestais, as adaptacións non son inmediatas”, salienta este profesor das problemáticas que poden supor para árbores que, como lembra, “levan décadas nun sitio cunhas determinadas condicións” os aumentos de temperatura e dos períodos de seca, o descenso e o cambio de distribución das precipitacións ou os episodios metereolóxicos adversos. De feito, a visita a unha zona forestal da rexión de Hotedrsica afectada por un temporal, formou parte, este mércores, do programa de actividades deste grupo, que ten entre os seus propósitos principais estudar medidas que poidan contribuír á adaptación destas masas e do sector económico vinculado a estas, “para conseguir que o impacto sexa menor desde o punto de vista ecolóxico e económico”.

Tamén estudarán unha mellor xestión do CO2

O segundo eixo do debate do grupo pasa pola mitigación, por afondar en “ata que punto unha correcta xestión pode permitir que o balance entre o CO2 que secuestran as masas forestais e o que se emite noutros sectores sexa máis favorable”, sobre como pasar “ser un suxeito pasivo dos efectos do cambio climático a ser un suxeito activo”, como sinala Picos. A absorción de dióxido de carbono a través da fotosíntese fai nese senso primordial, apunta, “manter a produtividade das áreas forestais e evitar a erosións e o deterioro dos bosques”, mais tamén, potenciar diferentes vías de aproveitamento da madeira. O seu uso con fins enerxéticos, en substitución de combustibles fósiles, ou a fabricación de produtos derivados que permitan, por unha banda, alongar o tempo no que o carbono permanece “secuestrado”, e por outra, un menor uso de materiais como o plástico ou o aluminio, constitúen neste senso opcións para ter un “efecto positivo”. De aí que o segundo propósito do grupo New forest practices & tools for adaptation and mitigation of climate change sexa “reflexionar respecto de onde están as oportunidades de reducir emisións e ao mesmo tempo ser capaces de xerar valor”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso