A violenta erupción do volcán Hunga Tonga, que provocou un tsunami no océano Pacífico, desapareceu practicamente tras a explosión rexistrada o sábado, unha das máis potentes en tres décadas. As imaxes satélite do Programa de Observación da Terra da Unión Europea Copernicus capturaron o suceso. Hunga Tonga Hunga Ha’apai tivo unha erupción anterior máis pequena entre finais de 2014 e principios de 2015, que fixo que o cráter quedase por encima da superficie da auga.
Agora, estas fotografías revelan que por mor da recente erupción só quedan dúas pequenas porcións de terra sobre o nivel do mar. Antes da forte explosión, estas dúas porcións que sobreviven —parte do cono do volcán submarino— eran moito máis grandes e estaban unidas por unha lingua de terreo de ata 1,2 quilómetros de ancho.
Dúas vítimas mortais
As comunicacións con Tonga continúan sendo escasas tres días despois da erupción do volcán, que ocorreu a uns 65 quilómetros ao norte da illa de Tongatapu —a máis habitable do arquipélago— e o posterior tsunami. De momento, confirmáronse polo menos dous falecidos, aínda que as autoridades cren que o número de vítimas será maior.
As comunicacións serán fundamentais para os labores de socorro tras a erupción volcánica do sábado en Tonga. As forzas de defensa australianas e neozelandesas dispoñen de buques de apoio que poden entregar toneladas de subministracións. Con todo, “será necesario coordinar os esforzos con outras nacións, como China”, indica Tom Worthington, profesor adxunto da Universidade Nacional de Australia.
https://twitter.com/CopernicusEU/status/1482656119038394370
Costas afectadas de diferentes países
Avións australianos e neozelandeses sobrevoaron parte de Tonga, formada por 169 illas e con 105.000 habitantes, en tarefas de recoñecemento para avaliar os danos causados pola erupción e o tsunami, que afectou as costas de países como Australia, Xapón e Chile, entre outros. “Polo que se sabe, Tonga sufriu danos importantes en casas e infraestruturas, pero non houbo un gran número de vítimas. Os primeiros informes suxiren que o aeroporto non sufriu danos significativos”, comenta Suzanne Wilkinson, profesora da Universidade de Massey (Nova Zelandia) en declaracións a un medio neozelandés.
Recuperación da zona afectada
Mentres Tonga se enfronta a esta catástrofe, a prioridade das comunidades globais debe ser proporcionar axuda inmediata que permita salvar vidas. Con todo, os expertos coinciden en que é igualmente importante sentar as bases para a recuperación e a resiliencia das comunidades afectadas a longo prazo. “Despois de proporcionar o básico para a vida —seguridade, refuxio de emerxencia, alimentos, auga, subministracións médicas e saneamento— hai que pensar na recuperación”, engade Wilkinson.
A violenta erupción do Hunga Tonga Hunga Ha’apai, que lanzou vapor e cinzas a uns 20 quilómetros de altura e creou un tsunami que impactou en varias nacións bañadas polo océano Pacífico, escoitouse por centos de quilómetros de distancia e puido observarse con claridade desde os satélites na órbita terrestre.