Exemplares do caranguexo autóctono Austropotamobius pallipes. Foto: José Vladimir Sandoval-Sierra.
Exemplares do caranguexo autóctono Austropotamobius pallipes. Foto: José Vladimir Sandoval-Sierra.

Identifican a orixe do fungo da afanomicose, que devasta os caranguexos de río

Científicos do Real Jardín Botánico atopan no sueste dos EUA a orixe o 'Aphanomyces astaci', causante de importantes mortalidades en Europa

O Austropotamobius pallipes, coñecido popularmente como caranguexo de río, é a única especie fluvial de caranguexo autóctona da península ibérica. Está considerada en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (aínda que non conta con plan de recuperación) por mor de diversas ameazas. A principal é a afanomicose, unha enfermidade infecciosa causada polo fungo oomiceto Aphanomyces astaci, e considerada unha das pandemias da vida silvestre máis graves da actualidade. Este patóxeno chegou aos ríos ibéricos mediante outra importante ameaza exótica para a biodiversidade autóctona: o caranguexo americano (Procambarus clarkii), que adoita ser resistente á afanomicose pero pode transmitila aos caranguexos autóctonos. Nas especies non adaptadas ao fungo, as infeccións por esta peste xeralmente causan a morte nuns poucos días en practicamente o 100% dos individuos afectados.

Ata o de agora, existían certas hipóteses sobre a orixe do fungo que causa a afanomicose en América do Norte, xa que provocara brotes de peste nalgúns grupos introducidos de Procambarus clarkii ou no cangrexo sinal (Pacifastacus lenisuculus), e tamén se identificara nas mesmas especies norteamericanas. Porén, un estudo desenvolvido por un equipo internacional de científicos e dirixido polos investigadores do CSIC no Real Jardín Botánico de Madrid (RJB), acaba de botar luz xa que revela que o patóxeno esta presente en practicamente toda as poboacións estudadas, e en polo menos un 40% dos exemplares analizados en cinco estados do sueste dos Estados Unidos.

O traballo, publicado recentemente na revista Scientific Reports, confirma así que esta rexión é o centro de diversidade deste patóxeno tras analizar case 400 cangrexos de río de 30 localidades de cinco estados do sueste do país (Carolina do Sur, Kansas, Kentucky, Louisiana e Mississippi). Dese número de exemplares, o patóxeno foi illado en cultivo puro de 132 cangrexos.

O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia e é vector da afanomicose.
O cangrexo de río americano está ameazando a numerosas especies autóctonas en Galicia e é vector da afanomicose.

“As secuencias mitocondriais indican que o patóxeno A. astaci do sueste dos EUA exhibe a maior diversidade xenética descrita ata o de agora: 8 haplotipos, dos 12 coñecidos”, sinala Javier Diéguez-Uribeondo, un dos autores da investigación. Engade que os achados de que A. astaci estea amplamente distribuído e sexa xeneticamente diverso nesa rexión demostra que “este patóxeno orixinouse no sueste dos Estados Unidos, que é á súa vez o maior centro de diversidade de especies de cangrexo de río”.

En Galicia, o fungo entrou principalmente a través do caranguexo americano, portador do fungo, á súa vez introducido en ríos e encoros para favorecer a pesca recreativa e comercializalo para o consumo humano. Este crustáceo é a especie invasora que pon en risco a un maior número de taxons ameazados, segundo indican informes da Consellería de Medio Ambiente da Xunta (ver PDF). O P. clarkii tamén é depredador de ovos de larvas e anfibios e causou o declive doutras especies, ademais do dano que xera no seu ‘familiar’ autóctono. A dragaxe de ríos e regatos, as canalizacións, a contaminación e a construción de encoros tamén tiveron, nos últimos decenios, un severo impacto no declive do caranguexo de río ibérico.

“As presuncións sobre a orixe da praga do cangrexo de río baseáronse nos brotes de enfermidades que seguiron ás translocacións históricas de especies de América do Norte a moitos países, con finalidade do seu uso na acuicultura, a pesca deportiva ou o comercio de exemplares de acuariofilia. O primeiro brote de peste do cangrexo de río rexistrouse en Europa no século XIX, probablemente debido á introdución do cangrexo das canles, Faxonius limosus”, explica Laura Martín-Torrijos, outra das autoras da investigación.

Micrografías que demostran a resposta inmune á afanomicose. Imaxe: Laura Martín Torrijos.
Micrografías que demostran a resposta inmune á afanomicose. Imaxe: Laura Martín Torrijos.

A partir de 1959, realizáronse introducións a gran escala doutra especie americana, o cangrexo sinal (Pacifastacus leniusculus). Estas introducións deron como resultado novos brotes de peste que decimaron as poboacións nativas de cangrexos de río en toda Europa. A enfermidade non chegou a España ata 1973 coa introdución dos caranguexos vermello e sinal, cando comezou a drástica desaparición da especie autóctona.

“Aínda que os datos demostran a orixe norteamericana de A. astaci, o noso coñecemento do patóxeno da peste do cangrexo de río en América do Norte é aínda incipiente”, recoñece Martín-Torrijos. Lembra que se precisa “unha comprensión máis clara da diversidade e distribución do fungo entro da súa área de distribución nativa, non só para mellorar a nosa comprensión da evolución e epidemioloxía dos patóxenos pandémicos, senón tamén para determinar o manexo futuro e as direccións de investigación”. Entre outras liñas de traballo, o mesmo equipo do Real Jardín Botánico estuda poboacións autóctonas, como unha de Girona, que desenvolveu resistencia a este patóxeno.

Este fungo oomiceto acabou coexistindo naturalmente cos caranguexos de río de América do Norte, pero pode colonizar de maneira letal os cangrexos de río doutros países ou continentes, case sen resistencia. Un terzo das especies de caranguexos fluviais do planeta están ameazadas de extinción, moitas veces por mor do impacto da afanomicose. Por este motivo está incluída entre as 100 peores especies exóticas invasoras de todo o planeta.


Referencia: Tracing the origin of the crayfish plague pathogen, Aphanomyces astaci, to the Southeastern United States (Publicado en Scientific Reports).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.