Hoxe chove en Galicia auga do mar Caribe

Se hoxe chegas a casa empapado pola choiva, pensa que, en realidade, te diches un baño no mar Caribe. Quen non se consola é porque non quere, pero a verdade científica é que a auga que nos molla estes días ten a súa orixe no mar que baña Cuba, Cancún ou Santo Domingo na outra banda do Atlántico.

O fenómeno ten un nome: río atmosférico. E o comentario aparecía este mércores a primeira hora no Twitter de Meteogalicia: “parte da chuvia que caerá hoxe evaporouse no Caribe”.

Publicidade

Estes ríos que van polo aire levan máis auga que os grandes ríos da terra, incluido o Amazonas. O termo foi acuñado polos investigadores Reginald Newell e Young Zhu do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts ( MIT) a comezos da década de 1990, para reflectir o estreito destas correntes.

Este fenómeno, estudado en profundidade desde hai anos por expertos galegos de MeteoGalicia e a USC, ten unha grande importancia para a climatoloxía debido á gran achega de humidade que trae consigo. Así, os traballos realizados neste senso tiveron un importante impacto internacional.

Publicidade

Un estudo realizado polo grupo Ephyslab, da Universidade de Vigo, determinou que o 90 por cento das choivas intensas que chegan a Galicia proveñen destes ríos atmosféricos. E na Universidade de Santiago, o Grupo de Física Non Lineal, ten estudado as Estruturas Lagrangianas Coherentes, presentes na propia dinámica do vento e que se encargan de conter e transportar o vapor de auga. Estas estruturas serven como unha especie de andamiaxe temporal arredor do que un río atmosférico pode crecer e alongarse.

Existen entre 3 e 5 destas correntes atmosféricas en cada hemisferio en calquera momento do ano. E representan máis do 90% do vapor de auga transportado de norte a sur, aínda que soamente cobren menos do 10% da circunferencia da Terra.

Así que a choiva que te empapa estes días ten a súa orixe na outra punta do Atlántico. Se chegas enchoupado a casa, sempre tes o consolo de que, dalgún xeito, é como se te tiveses bañado no mar Caribe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro