Galicia lidera un proxecto europeo para converter CO2 en biocombustible

O profesor da USC Arturo López Quintela, do grupo Nanomag, dirixe o proxecto Bac-to-Fuel, financiado con tres millóns de euros

Nun contexto de emerxencia climática e niveis récord na concentración de CO2, redóbranse os esforzos entre a comunidade científica para buscar camiños cara á reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro. Unha das ideas de vangarda parte desde Galicia, co proxecto Bac-To-Fuel, financiado con tres millóns de euros por parte do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, que lidera o profesor da USC e investigador principal do grupo Nanomag Arturo López Quintela. O desafío é notable: desenvolver unha planta prototipo que producirá biocombustible avanzado, renovable e respectuoso co medio ambiente mediante o uso de bacterias xeneticamente melloradas a partir do uso de dióxido de carbono e hidróxeno.

Este proceso, segundo informa a USC, consta de dúas fases, que conforman unha “folla  biónica”, imitando á fotosíntese. Este é un dispositivo que, mediante o uso de luz solar directa e o aproveitamento de augas residuais, consegue separar os elementos desta auga e producir hidróxeno renovable grazas ao uso de catalizadores formados por nanomateriais innovadores (Atomic Quantum Clústers, ou AQCs). Estes catalizadores subnanométricos poden lograr producións de hidróxeno a prezos competitivos ao permitir un proceso escalable e eficiente.

Publicidade

O hidróxeno renovable úsase posteriormente para alimentar as bacterias, que producen combustibles líquidos como resultado da reacción cunha corrente de dióxido de carbono, segundo se pode ver neste vídeo.

No segundo paso, o hidróxeno producido no paso anterior é alimentado nun biorreactor xunto con CO2 en bruto e bacterias modificadas xeneticamente mediante CRISP-CAS, para obter biocombustibles avanzados e adecuados ao sector do transporte.

Publicidade

“Este novo proceso, cando se implemente, podería favorecer que Europa se sitúe á cabeza mundial no competitivo mercado da produción de biocombustibles respectuosos co medio ambiente”, afirman dende o consorcio. O proxecto tamén inclúe un centro tecnolóxico belga (VITO), a spin-off da USC Nanogap, e as universidades de Lancaster (Reino Unido), Wageningen (Holanda) e a Universidade Técnica de Berlín (Alemaña).

Descarbonización do transporte

Tal e como explican os impulsores do proxecto, a produción dos biocombustibles vai xogar un papel clave para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible para o ano 2030. Neste sentido, o consumo deste tipo de combustibles deberá triplicarse, chegando a un 10% da demanda mundial dos carburantes de transporte, e que na actualidade está arredor do 3%.

Así, produtos como os que busca desenvolver Bac-To-Fuel irán substituíndo de forma progresiva aos combustibles fósiles líquidos, en particular naqueles modos de transporte que non poden electrificarse aínda. A produción e o uso de biocombustibles pode proporcionar beneficios tales como unha maior seguridade enerxética, a redución da dependencia das importacións de petróleo e a redución da volatilidade dos prezos do petróleo.

Ademais, os biocombustibles de nova xeración tamén poden apoiar o desenvolvemento económico mediante a creación de novas fontes de ingresos. Espérase que o consumo convencional e avanzado de bioetanol e  biodiésel aumente en toda a Unión Europea, impulsado polo aumento das taxas de incorporación prevista por cada estado membro, sinalan dende o consorcio.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O equipo do CiQUS que “recicla” dióxido de carbono para lograr unha química máis sostible

O grupo liderado por Manuel Nappi publica un estudo no que se revela un novo mecanismo para activar o CO2 mediante luz

A metade dos gases contaminantes da industria galega veñen da área da Coruña

A Coruña e Arteixo teñen catro das seis factorías que máis emisións sumaron en 2024, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica
00:04:08

De CO2 a metanol: o equipo galego que busca alternativas aos combustibles fósiles

O grupo do CiNBIO liderado por Miguel Correa desenvolveu un catalizador que utiliza luz solar para transformar dióxido de carbono nun composto pouco contaminante

Un estudo con selo galego revela que ferro no solo axuda a fixar CO2 nos mangleirais

O investigador da USC Xosé Lois Otero é coautor da investigación que ve os ecosistemas tropicais e subtropicais como sumidoiros de dióxido de carbono de grande eficiencia