Temperaturas de récord para un día de calor extremo. Leiro e Ourense superaron os 40 graos e acadaron marcas históricas. O primeiro concello rexistrou ata 41,2 graos e a capital de provincia, 40,7. Os termómetros tamén rondaron os 40 graos en Arbo e en Arnoia.
Un anticiclón situado no norte de Galicia deixa vía libre a que entre aire cálido desde o sur, explican desde MeteoGalicia. Segundo a institución, é relativamente normal ter anomalías nestas alturas do ano porque, pese a que aínda non é xullo ou agosto, non é raro ter estes episodios a mediados de xuño.
Aínda que non foi mencionado por MeteoGalicia como unha vaga de calor, os limiares de temperatura estiveron aí. Tampouco a noite permitiu ter un respiro, co termómetro superando os 20 graos en gran parte da comunidade. En lugares como en Carnota chegaron aos 30 graos ás 2:10 da mañá. En Vigo viviuse unha noite tropical cun pico de ata 27,9 graos rexistrados ás 2:40 da madrugada. Noites similares viviron en Ourense e en parte da ría de Muros e Noia.
Durante a mañá deste mércores xa se detectaron temperaturas superiores aos 32 graos en Rubiá e en Ribas de Sil. Arnoia, Vilamartín de Valdeorras e Antas de Ulla acadaron os 39,9, 39,7 e 39,6 graos respectivamente ás 12:10 da mañá.
Alertas activas ata o venres
De momento seguen activas as alertas pola calor por parte de MeteoGalicia. Entre as 15:00 e as 21:00 horas haberá alerta laranxa no Miño de Ourense e amarela en Valdeorras, no sur de Lugo, no sur e no noroeste de Ourense e no Miño de Pontevedra. Estas altas temperaturas darán un pequeno respiro o xoves para volver o venres coas mesmas alertas nos mesmos puntos.
Tamén está activo o nivel 1 de alerta por temperaturas extremas da Xunta. Este manterase, polo momento, ata o venres 20 de xuño. Desde o Goberno autonómico recordan que é importante ter especial coidado cos grupos máis vulnerables. No caso de ser testemuña dunha persoa que estea a vivir un golpe de calor, recoméndase chamar ao 061 e trasladala a algún lugar máis fresco ou tranquilo e axudar a que se hidrate. No caso de que estea inconsciente hai que deixalo de lado coas pernas flexionadas.
Un proxecto piloto de refuxios climáticos
Os episodios de altas temperaturas, habituais en Ourense, chegan xusto coa creación dun proxecto piloto para crear refuxios climáticos. O primeiro paso será a identificación das illas de calor. Trátase de lugares onde hai fenómenos meteorolóxicos adversos de temperaturas extremas. Agora, os investigadores tratan de que sexan evitadas co fin de non sufrir as habituais consecuencias da calor extrema.
A partir desa identificación dos lugares máis clave, os investigadores buscarán medidas necesarias para desenvolver refuxios climáticos para a biodiversidade. É dicir, territorios cunha relativa estabilidade climática. Para acadar estes obxectivos terán que deseñar, montar e probar un dispositivo portátil de captura de variables atmosféricas. Por último, acometerase a validación da metodoloxía e da tecnoloxía utilizada a través do proxecto piloto na cidade de Ourense. A intención tamén será estudar se é posible replicar este proxecto noutros concellos de Galicia.














