Os expertos alertan dun posible ciclón extratropical que chegue a Galicia

Os meteorólogos informan que se están a dar condicións "moi favorables" para a creación dunha "potente e peculiar" borrasca nas Azores

O investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) Juan Jesús González Alemán informou esta mañá da “alta probabilidade” de que se forme un ciclón extratropical preto das Azores. “Esta semana teremos que botar a vista ao noso oeste porque se darán condicións cicloxenéticas moi favorables”, indicou o meteorólogo, que cre que se “pode formar unha potente e peculiar borrasca” que afecte a península ibérica, incluída Galicia. De todas formas, o escenario é incerto e González Alemán insiste en que aínda “queda por ver como será” e cales serán as repercusións no noso territorio.

Tempo inestable

Imaxe de satélite onde se ven as bandas de choiva aliñadas co vento. Crédito: Meteogalicia

Do que non cabe dúbida é de que a chuvia chegou para quedar. Os prognósticos para este luns manteñen que será unha xornada máis tranquila en comparación coa situación vivida durante a fin de semana. A responsable foi Beatrice, unha borrasca situada no Atlántico que deixou abundantes e intensas chuvias durante a madrugada do domingo. Segundo os datos acumulados de Meteogalicia, acadáronse os máis de 50 litros por metro cadrado en puntos do Baixo Miño e superáronse os 30 l/m2 en Corrubedo e outros puntos do litoral. Os refachos de vento tamén chegaron aos 100 quilómetros por hora en puntos da Costa de Morte e superando os 130 km/h na Mariña lucense.

Publicidade

A maiores, o servizo galego de meteoroloxía tamén informou na súa canle de Twitter dun curioso fenómeno que afectou Galicia durante o paso de Beatrice. As chuvias organizáronse en bandas aliñadas co vento. Aínda que chama visualmente a atención, Meteogalicia incidiu en que é un fenómeno frecuente no país. Débese fundamentalmente ao paso dunha fronte con ventos do suroeste. “Nas bandas a chuvia é persistente, con ceos anubrados e onde non coincide, poucas nubes e chuvia”, explicaron dende a súa canle.

Activada a alerta amarela

Dende Meteogalicia tamén informan que a xornada do luns será máis tranquila, despois do movemento de Beatrice cara ao norte. Porén, o tempo seguirá sendo inestable e prevense chuvias durante toda a semana. Segundo explicaron dende o servizo, seguiremos baixo a influencia de baixas presións, con ventos do suroeste e chuvias en toda Galicia. Malia que a auga chegará a todo o territorio, é esperable que as cantidades máis significativas se rexistren no oeste e no sur.

Publicidade

As frontes asociadas ás borrascas atlánticas seguirán chegando a Galicia ao longo da semana. Crédito: Meteogalicia

Sen ir máis lonxe, mañá martes está activada a alerta amarela na montaña de Ourense, Lugo e na Mariña por refachos de vento de máis de 80 km/h. Tamén no suroeste e oeste da provincia da Coruña. No mar, tamén hai aviso amarelo por vento nas Rías Baixas e na Costa da Morte. No que respecta ao demais, chegará unha nova fronte pola influencia das borrascas atlánticas. Segundo Meteogalicia agárdanse ceos con intervalos nubrados e precipitacións, máis frecuentes na primeira metade do día e canto máis ao oeste. As temperaturas non experimentarán cambios significativos.

A situación non mudará substancialmente durante o mércores e o xoves, con chuvascos frecuentes ao longo de todo o día, sobre todo no oeste. Tampouco hai grandes cambios na previsión a medio prazo, con máis dun 90% de probabilidade de chuvia para venres e sábado. A melloría parece que chega despois da fin de semana, sobre todo coa chegada de novembro. O día 1 espérase en Galicia un 45% de probabilidade de chuvia, con nubes e claros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ As consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación