Martes 5 Marzo 2024

Un proxecto para combater as enfermidades da madeira da vide

Os investigadores do Grupo de Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (Modestya) da USC Mª José Ginzo Villamayor e Manuel Febrero Bande participan no Grupo Operativo galego EVID, que se centra no seguimento de prácticas innovadoras para a prevención das enfermidades da madeira da vide (EMV).

Durante os proxectos anteriores, o equipo identificou novas prácticas con resultados prometedores. Agora, o EVID busca o desenvolvemento de protocolos de traballo e ensaios de campo rigorosos así como de estudos estatísticos de tratamento de datos que permitan alcanzar resultados concluíntes e acheguen información sobre a viabilidade e efectividade destas prácticas. A finalidade última é achegar unha mellora na sustentabilidade e competitividade do sector vitivinícola na rexión.

Publicidade

Parte dos membros do Grupo Operativo galego EVID. Imaxe: USC.
Parte dos membros do Grupo Operativo galego EVID. Imaxe: USC.

En concreto, este grupo de investigación está avaliando o uso de especies fúnxicas do xénero Trichoderma (antagonista das principais especies causantes das EMV) como axente de control biolóxico e a súa aplicación mediante inserción de tacos previamente inoculados. Ademais, realizarán o seguimento doutras técnicas identificadas, como o tratamento por pulverización de feridas de poda ou a utilización de resinas protectoras para demostrar a efectividade dos procedementos.

Co obxectivo de lograr un maior impacto na transferencia das prácticas e coñecemento xerado, os resultados divulgaranse entre os principais axentes do sector: adegas, viticultores e cooperativas, Consellos Reguladores e Denominacións de Orixe, empresas de explotación, centros de investigación e Administración pública.

Ademais dos estatísticos Manuel Febrero e Mª José Ginzo da USC, participan neste proxecto Adegas Godeval SL, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). O grupo conta ademais con colaboradores do Servizo de Sanidade Vexetal da Consellaría do Medio Rural e do Instituto de Ciencias da Vide e do Viño da Rioxa.

A actuación finánciase coas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEDER), no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

As mulleres protagonizaron anuncios de banca antes de poder abrir libretas de aforro por si soas

Un estudo da USC analiza os roles femininos nas ilustracións e fotografías utilizadas na publicidade bancaria entre 1949 e 1970 en España

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC