Venres 1 Decembro 2023

Emerxencia no río Eume pola contaminación na auga

Augas de Galicia declarou a situación de alerta para analizar o episodio, que levou a prohibir o consumo de auga da traída en Pontedeume

Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, realizou este mércores a declaración de emerxencia por mor do episodio de contaminación que ten lugar desde hai semanas no río Eume, dentro da área do Parque Natural, onde a finais de setembro se detectou un episodio de turbidez que levou a prohibir o consumo de auga da traída no Concello de Pontedeume desde o pasado sábado 10.

A situación, denunciada por entidades como Colectivo Terra e Adega, prodúcese na contorna do encoro da Capela, baixo concesión da empresa Endesa. Estas asociacións ecoloxistas atribúen o episodio á persistencia de lodos procedentes da explotación mineira das Pontes, “resultado das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro”, que agora pasa augas abaixo do encoro, segundo Adega. O Colectivo Terra, pola súa banda, documentou a situación desde finais de setembro, e ten en marcha análises para indagar a composición dos lodos atopados.

Foi o día 10 cando o concello eumés anunciou a prohibición do consumo da auga potable, despois dunha análise da empresa concesionaria “na que se constata que o nivel de turbidez aumentou dende onte ata superar o máximo establecido” pola lexislación. Posteriormente, acometeuse un tratamento provisional na zona de captación da traída e instaláronse barreiras para reducir a turbidez e permitir a potabilización da auga, aínda que na tarde do mércores, o Concello mantiña vixente a prohibición no consumo.

Coa declaración da emerxencia, Augas de Galicia prevé adoptar “as medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez” e “permitirá acometer as actuacións de emerxencia necesarias na estación de tratamento de auga potable para conseguir, á maior brevidade posible, que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación”.

Do mesmo xeito, o organismo da Xunta anuncia a creación dunha comisión técnica “na que estarán representados os técnicos de Calidade das Augas da Administración autonómica, a empresa responsable da xestión do encoro, o Concello de Pontedeume e a concesionaria do sistema de abastecemento municipal”. Xa traballaron na zona especialistas en emerxencias ambientais acompañados de técnicos de Calidade das Augas da Xunta co obxectivo de analizar en detalle a situación a valorar as medidas que se poden adoptar para mellorala.

A propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade,  Ethel Vázquez, desprazouse o martes a Pontedeume para supervisar os traballos. Explicou que, desde un primeiro momento a Xunta deu instrucións á empresa explotadora para que adoptase as medidas pertinentes para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada e adiantou que a Xunta abriu unha investigación co obxectivo de esclarecer as causas da turbidez do río e adoptar as medidas que correspondan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Dez consellos sinxelos e eficaces para aforrar auga que podes practicar cada día

A Xunta impulsa a campaña "cada litro conta" para concienciar sobre o desperdicio deste recurso para o ben común

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023

Unha planta acuática invasora está a poñer en risco ríos e praias galegas

Adega leva meses alertando sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático no litoral e nas zonas húmidas de Galicia