Sábado 20 Abril 2024

Edelmiro López: “Os incendios de outubro de 2017 foron un aviso do que deberiamos aprender”

Poucos días antes de que o lume arrasara Galicia en outubro de 2017, en Portugal presentouse o informe da comisión de expertos que analizaron o que aconteceu na traxedia de Pedrogão Grande no mes de xuño do pasado ano, na que faleceron atrapadas polo lume máis de 60 persoas nesta rexión do centro do país. Entre eles estaba un galego, o profesor de Economía Aplicada na USC Edelmiro López Iglesias, experto en desenvolvemento rural, cuxa Dirección Xeral ocupou na Xunta entre 2005 e 2009. Xusto despois da presentación do documento, Galicia comezaba a arder, e repetíanse moitas das situacións de perigo e eivas subliñadas polos investigadores en Portugal. Coincidindo con este aniversario, López Iglesias aborda unha problemática que persiste, en moitos aspectos.

– Un ano despois, aprendemos algo? Tomáronse decisións efectivas?

Publicidade

– O maior cambio está nos discursos e na toma de conciencia. Até hai un ano, só os que pareciamos uns augafestas dicían que tiñamos un problema, que desde o eido oficial négabase. Pensábase que cun bo dispositivo de extinción, non había problema. Falábase de que se conseguían extinguir o 99% dos lumes e todo iso. Pero agora hai cousas que cambiaron, e houbo un certo acordo, polo que se foi vendo, de que hai que tomar medidas alén de tratar de apagar os incendios.

Pero eu creo que sobre o terreo aínda cambiaron poucas cousas. Estase insistindo moito nas faixas de protección arredor das zonas habitadas, pero iso non abonda, hai que pensar a medio e longo prazo en como xestionar o territorio. Se se comezan a levar á práctica os discursos que xa se escoitan, comezaremos a avanzar, pero até agora eu creo que estamos igual de preparados ca antes; é dicir, estamos en perigo.

– Unha vez se esqueza, estamos en risco de cometer outra vez os mesmos erros?

– O perigo é ese: actuar só cando chega o desastre. Falamos dun punto de inflexión despois de outubro do ano pasado, pero que na práctica só se viu nunha maior insistencia nas faixas de seguridade, que é algo que xa contemplaba a lei desde 2007. Pero na política forestal, non se materializou nada, na mobilización de terras hai moitos compromisos, como o de intentar reactivar o Banco de Terras, pero insisto, até agora iso traduciuse escasamente en cambios reais.

Eu teño unha certa sensación de que estamos pechando un círculo de dez anos: en 2006 temos unha gran crise, e chega despois unha vaga de cambios en relación á política no rural. En 2009 abandónanse gran parte delas, e agora volven reactivarse cousas que xa estaban en marcha, algunhas melloradas, cando volvemos ter un problema. E se seguimos así, non imos ter un problema de ciclos; vai ser unha espiral cada vez máis intensa.

Imaxe captada por un dron na estrada N236-1, onde faleceron gran parte das vítimas do incendio de Pedrógrao: Vídeo: SIC Notícias.
Imaxe captada por un dron na estrada N236-1, onde faleceron gran parte das vítimas do incendio de Pedrógrao: Vídeo: SIC Notícias.

– Cando vemos a paisaxe dun lugar como Pedrógrao, asusta ver como se parece a Galicia.

– Eu non o quero dicir moi alto, porque non podemos xerar alarmismo porque si. Pero cando eu estiven na comisión daquel incendio preguntábanme: ‘O que se viu alí, pode darse en Galicia?’ E eu penso que si. Por que? Aquí, en condicións como as de outubro do ano pasado, temos unha cantidade de combustible tan grande como alí, temos as árbores tan metidas na estrada como estaban alí, e unha ausencia de xestión da maioría das superficies forestais. Con esas condicións, se se dá unha situación climatolóxica adversa hai un risco elevado de ter incendios imposibles de combater, por moitos medios de extinción que teñamos. Pouco importa que consigamos apagar o 99% dos focos; o 1% que se escapan poden converterse en mega-incendios, que é onde vai estar cada vez máis o problema.

“Hai que poñer todos os medios por evitar un episodio semellante; pode ser un golpe moito máis duro”

O de outubro do ano pasado foi un aviso do que deberíamos aprender, cos incendios no cuadrante noroccidental da Península Ibérica; un foi o de Pedrógrao, aínda que acontecese en Portugal, foi un shock polo brutal que foi aquilo; e outro, o de outubro, que aquí foi durísimo, e en Portugal moito peor. Sen ser alarmistas, hai que poñer todos os medios para evitar un terceiro, porque pode ser un golpe moito máis duro. En Portugal foron máis de 100 mortos entre xuño e outubro, aquí foron catro porque houbo sorte. A evacuación de Chandebrito foi algo perigosísimo, porque se fixo por un lugar que non había saída, e o coche que quedou atrapado coas persoas que morreron foi o último da caravana, se chega a haber un accidente ou un atasco antes, falaríamos de algo bastante peor.

Pensando no futuro, aquí poden pasar dúas cousas: que o do ano pasado fóra un toque de atención suficiente como para que os dirixentes políticos tomaran nota e actúen; ou pode pasar que se perda o medo, pensar que as municipais xa están aí e un non se quere meter cos propietarios das terras. Se facemos isto último,  estou seguro, e espero equivocarme, de que imos levar un golpe moito máis forte, porque o que vin en Portugal, pode verse aquí.

– Entón, onde hai que poñer o foco cos incendios?

– Hai moitas variables que inflúen en que un incendio se converta nun problema serio, e nun problema de país, como é o noso caso, pero podemos falar de tres factores, para centrarnos: o clima, o combustible dispoñible no monte e a faísca que fai que comece a arder.

Edelmiro López insiste na necesidade de reducir a cantidade de combustible dispoñible no monte

Sobre o clima, por desgraza, pouco podemos facer. Como falamos antes, estase abrindo unha nova xeración de lumes, como foi o de Pedrógrao, máis voraces ca os que vimos ata o de agora; unhas secas máis frecuentes, e unhas temperaturas máis altas. Se segue chovendo o suficiente para facer medrar a vexetación nas estacións máis húmidas, o risco vai ser o mesmo, e maior cando veñan secas e vagas de calor.

Porén, sobre os outros dous factores podemos actuar, en maior ou menor medida. Podemos impedir que cada ano haxa máis combustible dispoñible no monte, como está pasando agora, creando ferramentas para xestionar as terras, e que non teñamos un millón de hectáreas, que se di pronto, abandonadas ou infrautilizadas. E isto é moi importante, porque aínda que non poidamos vixiar todo o territorio para impedir que alguén prenda lume, ou que unha queima se descontrole, o risco vai ser menor se hai menos combustible.

– Fala de tres Galicias rurais, e en dúas estamos en serio risco.

– Abonda con ver os mapas de distribución dos lumes. Se atendemos aos usos do solo e as características socio-económicas, alén das zonas urbanas, o problema dos incendios concéntrase case sempre en dous tipos de zonas.

Por unha parte, temos un rural urbanizado e forestado, no que se expande a interfaz-urbano forestal, con altas densidades de poboación, núcleos dispersos e dominio das superficies arborizadas. Nestas zonas, hai moito combustible dispoñible porque aínda que moita xente vive preto, moi pouca se dedica á actividade agraria e forestal, e o monte adoita estar preto das casas, co conseguinte perigo.

“O rural activo, con maior actividade agrogandeira, co territorio máis coidado, arde moito menos”

Hai tamén un rural abandonado: áreas de montaña, sobre todo no tercio oriental de Lugo e boa parte da provincia de Ourense, cun despoboamento moi acentuado e unha presenza maioritaria de monte baixo. Son zonas que, con factores favorables aos incendios, arden de xeito moi virulento.

E no outro extremo temos o que podemos chamar un ‘rural activo’, que coincide cos municipios menos afectados polos incendios: están as principais comarcas gandeiras do centro e o norte de Galicia, cunha gran actividade agraria, cultivos de pastos e territorio relativamente coidado; e temos tamén as comarcas do norte da Coruña e Lugo, nas que a produción forestal está moi asentada – e onde tamén inflúe o clima – con masas de eucalipto mellor xestionadas.

– Hai quen critica que para facer políticas sobre o rural, hai que vivir e coñecer o rural, e iso pode sentar mal se se fai desde un despacho.

– Hai unha evidencia: que a maior parte da poboación que vive no rural en Galicia está totalmente desvinculada do traballo da terra; dino as cifras e dío a realidade. Son moita menos xente ca antes e, ou son xubilados, ou son persoas que traballan noutra actividade nunha vila ou cidade próxima. E eles son os primeiros conscientes do problema que hai arredor, e serían os primeiros dispostos a actuar.

Entón temos que buscar outras formas de xestionar o territorio, permitindo que quen estea disposto a xestionar unha maior superficie, e teña a tecnoloxía precisa, poida facelo sempre que a súa actividade encaixe na ordenación de usos aprobada socialmente. E os demais, que temos que facer? Pois, ou traballamos as nosas terras, ou estamos dispostos a cedelas. E se con isto se fai unha boa pedagoxía social, pode conseguirse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións