Dous novos terremotos en Pontevedra elevan a 10 o ‘enxame sísmico’

Dez terremotos na provincia de Pontevedra en menos de 48 horas confirman un novo episodio de ‘enxame sísmico’, un fenómeno que se define como a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destacan porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal”, segundo sinalaba en entrevista con GCiencia Emilio Carreño, director da Rede Sísmica do Instituto Xeográfico Nacional.

O fenómeno adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Publicidade

Sismo localizados nas Covas.
Sismo localizado nas Covas.

Ademais, no mes de maio de 2018 volveu producirse un intenso enxame sísmico, desta volta na provincia de Pontevedra, con ducias de terremotos de pequena magnitude, que se sentiron especialmente na zona de Cotobade.

Desta volta, a actividade sísmica semella desprazarse cara ao Salnés e ás rías de Pontevedra e Arousa. O fenómeno comezou ás 18 h da tarde do venres e continuou ata pasadas as 10 de mañá deste domingo 9 de setembro. O Grove, Sanxenxo e As Covas foron os puntos que rexistraron os tremores. Segundo o Instituto Xeográfico Nacional o primeiro dos tremores rexistrouse ás 17:52 en As Covas cunha magnitude de 2,6. Pouco máis dunha hora despois, ás 19:09 era a quenda do Grove cun sismo de 2,5. Sanxenxo foi a seguinte localidade en tremer, ás 20:27 h rexistráronse movementos de magnitude 1,9 e, minutos despois sucedeu o mesmo en As Covas que rexistrou un terremoto de 2,1.

Publicidade

O Grove rexistrou outros dous terremotos, o de maior intensidade de todos os rexistrados na provincia, con 2,8 ás 20:04 h e outro de menor magnitude, 2,5, ás 01:07 h. A medianoite tamén chegou entre tremores, concretamente un en Sanxenxo ás 01:46 h e outro en As Covas ás 02:17, de magnitude 1,6 e 2,3 respectivamente.

A actividade sísmica continuou xa na noite do sábado, cun sismo no Grove de 2,6 graos ás 22.17 horas. E outro en Sanxenxo, xa na mañá do domingo, de 2,2 graos.

Toda esta zona de Galicia está influida por unha falla de dirección Norte-sur, que máis ou menos segue o treito-Carballo-Padrón-Ponte Caldelas-Mondariz-As Neves e continúa ata Portugal. Así o sinalaba en entrevista con GCiencia o xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, da Universidade da Coruña.

Por baixo dos 3 graos é difícil que un terremoto poida ser percibido polo ser humano, pero si o poden sentir algúns animais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor extrema no interior de Pontevedra

O Goberno galego advirte de que os avisos poderán manterse durante varios días polos posibles efectos adversos para a saúde da poboación

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical