Dous equipos de estudantes galegos tomarán parte na gran final do certame nacional do Stockholm Junior Water Prize (SJWP) cos seus innovadores proxectos que propoñen un sistema ecolóxico para degradar as toalliñas hixiénicas (Maristas Santa María de Ourense) e un invernadoiro con autorrego de auga de mar (Plurilingüe Alborada de Vigo). Ambos os dous competirán o 24 de maio en Madrid para tratar de obter o posto de representante español na final internacional que terá lugar en Estocolmo en agosto.
SJWP é un certame que recibe cada ano máis de 10.000 proxectos relacionados co auga e o medio ambiente, procedentes de 30 países. En España a iniciativa é impulsada por Viaqua, Fundación Aquae e a Escuela del Agua. Na final de Madrid os equipos galegos deberán defender os seus respectivos proxectos nunha exposición oral de 20 minutos. O xurado elixirá ao gañador que viaxará en agosto a Suecia para participar no que está considerado como o premio Nobel da auga e no que estarán presentes investigadores, políticos e medios de comunicación.
O verme do mel pode ser un bo aliado na loita contra os tapóns nas depuradoras
Para desenvolver o seu proxecto, os estudantes ourensáns Miguel Aragón e Miguel Sequeiros baseáronse nas recentes investigación das universidades de Cantabria e Cambridge sobre a acción do verme do mel (Galleria mellonella) para degradar o polietileno de forma natural mediante a súa inxestión. Os mozos deron un paso máis na investigación ao demostrar que o verme tamén e capaz de descompoñer os compostos derivados do polietileno presentes nas toalliñas hixiénicas, sen xerar produtos contaminantes nin afectar ao ciclo vital do verme.
Lydia Castro, titora deste equipo, explica que pouco despois de ter finalizado o proxecto outro grupo de investigadores foi capaz de mellorar unha enzima de orixe bacteriano que pode desintegrar o polietileno. “o descubrimento animounos aínda máis xa que constata que atopámonos no bo camiño”, indicou Castro.
As toalliñas hixiénicas non son biodegradables e isto ocasiona perdas millonarias (mil millóns de euros anuais na UE) polo tapón que producen nas tubaxes. As toalliñas chegan a inhabilitar temporalmente as depuradoras de augas e crean graves problemas de saúde en moitas cidades. O propio Senado instou ao Goberno español recentemente a adoptar medidas para previr estes problemas.
O proxecto dos estudantes vigueses inspírase no “Xardín de Nemo”
Pola súa banda, o equipo integrado por Laura Costas e Inés Castro, estudantes do colexio Plurilingüe Alborada de Vigo, conseguiu o seu posto na final nacional grazas ao deseño dun invernadoiro cun autorrego de auga de mar. O seu traballo inspírase nun proxecto chamado “Xardín de Nemo”, baseado na construción de invernadoiros ancorados a seis metros de profundidade fronte ás costas de Italia.
Formado por biosferas con forma de globo, estes invernadoiros aproveitan as propiedades naturais do mar (temperatura constante, altas concentración de dióxido de carbono) para poder cultivar plantas. As estudantes viguesas utilizaron cubetas de semente mergulladas ou semi-mergulladas nun acuario para replicar as biosferas mergulladas no mar. Probaron diversos deseños de invernadoiros nos que plantaron lentellas, xudías ou perexil e conseguiron utilizar a auga de mar para regar dun xeito autosuficiente as plantas. Ao producir unha fonte de calor como é a propia luz do sol a auga evapórase e perde o sal por completo.
A final do SJWP celebrárase en Estocolmo a finais de agosto
Os finalistas de cada país viaxarán a Estocolmo e participarán na final internacional do SJWP entre o 26 e o 31 de agosto, en coincidencia coa Semana Mundial da Auga. O proxecto gañador recibirá 15.000 dólares, un diploma e unha escultura que entregará a princesa Victoria de Suecia, patroa deste galardón.
O obxectivo da SJWP é premiar grandes ideas que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas mediante a mellora da calidade da auga, a xestión dos recursos hídricos, a protección deste recurso ou o tratamento da auga, tanto potable como residual. Poden participar no certame alumnos de entre 16 e 21 anos que cursen Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional. O premio creouse en 1997 e está considerado como o premio xuvenil de proxectos sobre a auga máis prestixioso do mundo.