Un casco para evitar a caída do cabelo durante a quimioterapia

É un dos procesos máis duros, non só no eido físico, senón tamén no psicolóxico, que teñen que afrontar os pacientes de cancro que se someten a quimioterapia. As substancias que se empregan para destruír o tumor acaban chegando tamén ás células responsables de que se desenvolva o cabelo, e este acaba caendo en moitas ocasións. Desde hai anos, un método baseado nun casco de silicona pretende axudar ás persoas que se ven sometidas a este tratamento oncolóxico.

Agora, o hospital de Ourense é un dos primeiros centros públicos que ofrece aos pacientes de cancro a posibilidade de empregar de xeito gratuíto este dispositivo, a través da Fundación Biomédica Galicia Sur e coa participación da empresa Oncobel, pioneira en España na aplicación deste tratamento.

Publicidade

Esta semana realizouse unha demostración pública do tratamento cunha das pacientes que xa está empregando o casco, Társila Fernández, unha ourensana que padece cancro de mama. Declara que “a xente non che mira con cara de pena, ao conservar o cabelo ninguén se dá conta”, explica a Atlas.

A idea xa leva anos ensaiándose noutros países. O casco de silicona vai conectado a un sistema informático que fai circular un líquido, co que se arrefría a zona do cabelo para estreitar os vasos que achegan sangue aos folículos pilosos. Deste xeito redúcese tamén a cantidade de substancias empregadas na quimioterapia que chegan a esta zona, polo que o dano é menor e o cabelo non cae en tanta cantidade.

Publicidade

O sistema probouse durante anos e foi aprobado en 2015 pola Axencia de Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos. Os ensaios en 122 pacientes de cancro de mama en fase 1 e 2, con tratamentos asociados á perda de cabelo, demostraron que en máis do 66% dos casos perderon menos da metade do pelo.

Limitacións

Porén, o casco non se pode empregar en todos os casos de quimioterapia. Desaconséllase o seu uso en pacientes pediátricos e só se demostrou a súa eficacia no caso de tumores sólidos. Por tanto, non se pode empregar, por exemplo, en tipos de cancro como a leucemia ou o linfoma.

Do mesmo xeito, ten algúns efectos secundarios: dores de cabeza inducidos polo frío, molestias no pescozo e nos ombreiros, así como calafríos e dor relacionados co uso do casco durante o tempo que duro o tratamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña