Unha dorsal anticiclónica propiciará calor extrema na Península: así afectará a Galicia

O país esquivará as altas temperaturas da vindeira semana tras o paso dunha borrasca que estenderá as precipitacións ata o luns

A última semana de abril agárdanse temperaturas de verán en España. Os termómetros poderán superar ata os oito graos da temperatura media para esta época do ano, chegando aos 38 en algún punto da metade sur. Dende Meteored apuntan que “unha dorsal anticiclónica cobrará forza de novo sobre o suroeste do continente, e a ausencia de nubosidade e as subsidencias facilitarán que as temperaturas ascendan considerablemente dende o luns”. Sen embargo, Galicia manterá un clima estable e habitual para a primavera tras o paso dunha fronte que deixará precipitacións en todo o país e que poderán estenderse ata o luns.

Meteored apunta que á dorsal anticiclónica hai que sumarlle unha que “se situará en pleno Atlántico favorecendo que as masas de aire cálido de orixe africana migren algo máis ao norte e fortalezan a dorsal en todos os niveis. As temperaturas, polo tanto, seguirán ascendendo e esta vez si poden darse valores excepcionais para esta época do ano“. Dende Meteogalicia, explican que en Galicia o tempo estará moi cambiante e que é posible que a partir do martes suban as máximas ata os 23 graos, despois de que unha gran borrasca atlántica provoque unha caída térmica de 10 graos durante a fin de semana. Sen embargo, o escenario aínda se antolla complexo de dibuxar máis aló de catro días vista.

Publicidade

“Poden intervir moitos factores, nestas datas os días son máis longos e é doado que teñamos temperaturas por riba dos 25 graos“, explican dende Meteogalicia, que descarta por completo unha calor intensa como ocorrerá noutros puntos de España. A borrasca desta fin de semana pode estender as precipitacións ata o luns, cun 40% de probabilidade de chuvia. O martes recuperarase a influencia anticiclónica e subirán as temperaturas en todo o país, pero todo dependerá das nubes que entren, xa que non se esperan días completamente soleados. Tamén, poderán formarse brétemas no litoral que influirán no descenso térmico.

Esta montaña rusa é propia da estación primaveral, polo que dende Meteogalicia insisten na importancia de agardar para poder concretar se o clima será máis propio do verán ou da primavera. Tras un abril cálido e de sequía en varios puntos de España, chega esta fin de semana un tempo acorde ao mes no que nos atopamos, con precipitacións que aliviarán o período previo ao verán. Dende o venres as temperaturas comezan a baixar e poderán acumularse ata 50 l/m2 en puntos do oeste do país. Dende Meteored apuntan que esta masa de aire fría garantizará “uns días máis frescos, aínda que a calor volverá progresivamente durante os primeiros días da semana vén”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos