Martes 19 Marzo 2024

Cambiar a dieta das vacas para reducir as emisións de metano?

Investigadores da Politécnica de Madrid presentan un estudo no que amosan avances mediante a alimentación con semente e fariña de xirasol

É coñecido o impacto dos gases xerados pola alimentación do gando vacún no efecto invernadoiro. O metano (CH4) está menos presente na atmosfera ca o CO2, pero o seu efecto, nas mesmas proporcións, é sensiblemente maior que o do dióxido de carbono, pois ten una gran capacidade de absorción dos raios infravermellos. Debido á demanda de alimentos de orixe animal no planeta, cómpre buscar solucións a estes niveis de emisións. E a dieta podería ser unha delas, segundo un estudo realizado por investigadores do grupo de Produción Animal da Universidad Politécnica de Madrid. Científicos do CSIC xa crearan hai anos un ‘antiácido’ para buscar solucións á emisión deste gas.

Fronte a idea tradicional de que a xeración de metano no rume está condicionada sobre todo polas achegas de fibra na dieta, o traballo dos científicos españois demostrou que o metano tamén se produce pola fermentación das proteínas. Isto débese, segundo explican nun artigo en Journal of Animal Physiology and Animal Nutrition, á fermentación das cadeas carbonadas resultantes da ruptura dos aminoaácidos xerados na degradación das proteínas.

Publicidade

Tendo en conta estes resultados, e co obxectivo de reducir as emisións contaminantes que producen estes animais, os investigadores estudaron os efectos que produce na dixestión dos ruminantes o feito de minimizar os contidos de proteína degradable na dieta, pero asegurando sempre un nivel que non afecte negativamente ao crecimiento da microbiota no rume. Para isto aplicaron ás proteínas da dieta tratamentos que provocaban a súa desnaturalización, protexéndoas así da degradación no rume.

Os resultados revelan que a modificación de forma controlada contribúe a reducir a contaminación ambiental que produce a dixestión dos ruminantes. Os autores proban que o tratamento das proteínas da dieta pode chegar a reducir en máis dun 10% a emisión de metano producido na fermentación. Aínda que os resultados foron obtidos in vitro e terán que seren confirmados in vivo, abren posibilidades moi interesantes para o desenvolvemento de novas estratexias de nutrición animal que contribúan a mitigar a emisión deste gas.

Dieta de semente e fariña de xirasol

Á hora de elixir o alimento máis axeitado sobre o que aplicar o tratamento, buscáronse concentrados proteicos que tivesen un elevado contido en proteína altamente degradable e en aminoácidos esenciais. A semente e fariña de xirasol presentan estas características ao seren moi degradables e ricas en aminoácidos sulfurados e triptófano. Isto, unido a que en España o nivel de produtividade do xirasol en condicións de secaño é alto, fixo que gran parte dos estudos realizados se centraran na semente e fariña de xirasol.

O tratamento de protección desenvolto polo grupo de investigación consiste en tratar o alimento proteico cunha solución aceda e calor. “O ácido málico é o que proporcionou mellores resultados e ten a vantaxe de que é un ácido que tamén se utiliza como aditivo para mellorar a eficiencia de uso dos alimentos”, declarou unha das autoras, Dolores Carro.

Simuláronse in vitro os procesos dixestivos que os alimentos experimentarían no rume. Para iso, formuláronse dous tipos de dieta cun nivel moderado (13%) ou elevado (17%) de proteína que tiñan como únicos concentrados proteicos semente e fariña de xirasol e fixéronse estudos de emisións tras a dixestión tanto do alimento sen tratar como despois do tratamento con ácido málico e calor.

Referencias:Protecting protein against ruminal degradation could contribute to reduced methane production (Publicado en Journal of Animal Physiology and Animal Nutrition, decembro de 2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Os abellóns europeos poderían desaparecer nas próximas décadas

Máis do 75% das especies destes insectos poden estar ameazadas nos próximos 40 a 60 anos, segundo as proxeccións de poboacións levadas a cabo por varias institucións belgas

Substituír a metade da carne e o leite por vexetais reduciría as emisións globais

Se de aquí ao 2050 cambiamos o 50% dos produtos animais por outros de orixe vexetal, diminuirían un 31% os gases de efecto invernadoiro

A inquietante enfermidade hemorráxica que ameaza o gando: tamén afecta os humanos?

Hai uns meses detectáronse os primeiros casos desta doenza vírica en España, que afecta principalmente a cérvidos e ao gando bovino