O delfín Manoliño segue ferido: fracasa o novo intento de extraerlle o arpón

O equipo de rescate confirma que o golfiño segue a nadar con normalidade e o artefacto non danou ningún órgano vital

A situación é cada vez máis complicada. O delfín Manoliño leva unha semana cun arpón cravado nun dos seus costados e, ata o de agora, fracasaron todos os intentos de retirarllo. A Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma), encargada de organizar o dispositivo de extracción, recoñece dúas grandes dificultades: o aumento da desconfianza do golfiño e o propio medio, o porto do Freixo. O último intento fallido levouse a cabo o sábado 5 de novembro coa implicación de máis dunha trintena de voluntarios. Aínda así, dende o Cemma tamén queren salientar o positivo. “A boa nova é que segue con forza e nada con normalidade. O arpón non dana órganos vitais. Porén, debemos estar moi atentos. El intenta sacalo rascándose contra diferentes superficies, o que pode provocar maiores danos”, sinalan.

Manoliño xa é un vello coñecido da ría de Muros e Noia, onde vive, polas súas recorrentes interaccións con mariñeiros e nenos en praias e portos da zona. Hai unha semana, o 112 avisou ao Cemma de que o golfiño estaba nadando no porto do Freixo, en Outes, cun arpón cravado. Dende aquela, un equipo cada vez maior de expertos e voluntarios tratan de retirarlle o instrumento de pesca. Dende o primeiro momento, fontes do Cemma recoñecían a dificultade da operación, posto que o golfiño se mostraba desconfiado e non se deixaba capturar. A principios de semana, o biólogo Alfredo López aseguraba que “a situación está mal”. “Sabemos que o arpón foi cravado por un humano. Non sabemos se foi a propósito ou sen querer. Iso vaino determinar a investigación posterior”, aseguraba o biólogo galego.

Publicidade

“O arpón foi cravado por un humano pero non sabemos se foi a propósito ou sen querer”

ALFREDO LÓPEZ, biólogo e integrante do Cemma

Ademais da desconfianza, que xogou moi en contra en todos os intentos de retirar o arpón, o medio no que se move Manoliño non é o máis idóneo para levar a cabo a operación. Un dos inconvenientes aos que se enfrontaron nos intentos levados a cabo a mediados da semana pasada foi a marea vermella, que tinguiu a auga e impedía ver ben a Manoliño. “O arpón está moi cravado e o problema é que a auga era de cor chocolate, non se vían nin as puntas dos dedos. Sentiamos que estaba a un metro, que o tiñamos arredor da cintura, nos nosos pés, e aínda así non o viamos”, di López, lembrando as dificultades ás que se tiveron que enfrontar ao longo de toda esta semana de intento sobre intento. “En termos globais está a ser un fracaso porque non conseguimos levalo ata onde queriamos porque non nos permite collelo”, continúa explicando López.

Segundo advirtiron a GCiencia fontes do Cemma, e malia que o delfín segue nadando, o arpón é un artefacto moi perigoso que, máis alá de provocarlle unha infección ou un quiste tamén pode ser mortal. De igual modo, Manoliño pode facerse dano sen querer. De feito, o Cemma confirma que o delfín está a intentar rascarse contra diferentes superficies para sacar o arpón do seu costado, sen tampouco conseguilo. Ademais, o equipo de rescate enfróntase a outra gran dificultade: a imposibilidade de sedar o animal. “Estamos a falar dun cetáceo. A súa respiración é voluntaria e non podemos facer ningunha manobra que provoque que o animal deixe de respirar”, indicaban dende o Cemma. O tamaño e peso de Manoliño, que rolda os 300 quilos, tamén é un dos principais hándicaps á hora de realizar a manobra de extracción.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Un estudo con participación galega atopa proteínas relacionadas co alzhéimer en cetáceos

A investigación determina que a proteína AT100 asociada a doenzas neurodexenerativas indica envellecemento natural e dano neuronal agudo

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte