A alelopatía é un fenómeno biolóxico que estuda a comunicación entre plantas mediante a liberación de substancias químicas ao medio natural. Unha parte da fisioloxía vexetal sobre a que se sustenta a idea do herbicida natural patentado polas investigadoras da Universidade de Vigo (UVigo) Nuria Pedrol Bonjoch, Carolina González Puig e María Pardo Muras. Este é un composto de preemerxencia, isto é, para empregar antes de que nazan as malas herbas, que combina biomasa de eucalipto, xesta e mestraste nun formato de pequenos pellets.
O proceso ata chegar á aprobación da patente pasa por máis dunha década de traballo ata que se presentou en maio de 2022, e dous anos máis ata que se concedeu. Todo comeza en 2008 cando Pedrol volve a Vigo tras traballar nun centro de investigación agraria en Asturias. “Hai un problema xeneralizado”, explica, “o da busca de novos herbicidas para a agricultura, do que eu xa viña con certa bagaxe”. A investigación en herbicidas é lenta: non hai moitos, descóbrense moi lentamente e é extremadamente caro, ao que se suma o problema da resistencia das malas herbas, “parecido ao uso abusivo dos antibióticos”.
Control das malas herbas
Aí entra a alelopatía, na que se formara neste tempo, como unha ferramenta para o control de malas herbas. Ata ese momento, a investigación en herbicidas probaba os compostos de extractos naturais un a un para atopar un que tivese un novo modo de acción. Pero co Traballo Fin de Mestrado de González Puig en 2010, que seguiría na súa tese, introdúcese un cambio: por que, en vez de buscar un novo composto dentro da planta, non se emprega a biomasa? E, xa postas, que mellor que empregar plantas moi abundantes no ecosistema, que permitan ter acceso a gran cantidade de biomasa dunha forma sinxela: o eucalipto.
Así, o traballo de González Puig céntrase no emprego para control de malas herbas da biomasa dos filodios de eucalipto (Eucalyptus globulus), o que xeralmente se identifica como as follas da árbore, ás que xa se lles coñecían as súas propiedades alelopáticas. A investigación afondou en como a biomasa non solta ás substancias á vez nun único momento, como os herbicidas, senón que o fan de forma progresiva. Grazas a isto, a súa duración é moi prolongada e acompaña o proceso natural de xerminación das malas herbas, que tamén é gradual.
Mesturando especies
Pero o caso coa alelopatía é que non todas as plantas serven para o mesmo: cada unha ten unhas especificidades que permiten controlar unhas especies concretas. Co obxectivo de conseguir controlar máis tipos de malas herbas, cumpría diversificar. “Entón, chegou María e fixo a súa tese no noso toxo e a nosa xesta, o Ulex europaeus e o Cytisus scoparius, atopando que tamén tiñan ese potencial”.
Estas especies forman parte do mato atlántico e, por tanto, a súa presenza en Galicia é habitual, apunta Pardo Muras. “A xesta, na limpeza de montes, é toda esa biomasa que non se usa e se podería aproveitar”. Ademais, noutras latitudes, as especies son invasoras e deben retirarse, o que supón un importante potencial de emprego. Cando se comprobaron as propiedades no control de malas herbas do toxo e da xesta, as investigadoras fixeron a súa primeira patente, centrada no uso de biomasa como herbicida natural e exemplificada a través destas dúas especies; non se incluíu o eucalipto, posto que xa había publicacións sobre o tema.
A tese de María foi clave para entender como os compostos, que se ían liberando gradualmente, de forma individual son practicamente inocuos para as malas herbas. É cando se combinan cando se establecen sinerxías entre eles que son as causantes de que se fagan co control da xerminación e o crecemento das malas herbas.
“A única maneira de que actúen é o cóctel”, explica Pedrol, “o conxunto de todas as moléculas liberándose naturalmente dos seus contedores naturais”. Fronte aos herbicidas químicos, que liberan unha ou dúas moléculas cun ou dous modos de acción, estas combinacións presentan modos de accións moi diferentes. Isto fai que resistencia sexa practicamente nula: “Sería moi improbable”.
Capaz de estimular o solo
González Puig vai máis aló: explica que dende o comezo se realizaron estudos para comprobar o efecto nos microorganismos do solo e non é só que non afecten, senón que pode chegar a estimulalos, aportando nutrientes que melloran o chan.
En Galicia, exemplifica, o solo ten aluminio, un elemento que limita a fertilidade das terras; o seu herbicida diminúe a súa presenza. Nos seus estudos de campo comprobaron, ademais, que se reduce o banco de sementes de forma notable dun ano a outro. Porén, o obxectivo non é a erradicación total, xa que entenden que as malas herbas, controladas, tamén teñen as súas funcións, como preservar a humidade do solo.
Respecto da primeira patente, aprobada en maio deste ano, emprega unicamente eucalipto e xesta e inclúe mentraste (Mentha suaveolens): esa planta silvestre tan presente nos campos galegos que empregamos para calmar a comechón cando nos picamos cunha ortiga. Ten moita auga, polo que xera menos biomasa e a proporción no herbicida é menor, pero ao sumala comprobouse que ten especificidade de control contra outras especies ás que non chegaban o eucalipto e a xesta.
A combinación de métodos, a clave fronte as malas herbas
Este é un herbicida de preemerxencia, incide González: actúa sobre a xerminación das malas herbas, inhibíndoa ou retrasándoa, facendo que non sexa competitivo co cultivo. É unha ferramenta complementaria dentro do conxunto do control integrado de malas herbas, que debe completarse con métodos mecánicos, químicos ou biolóxicos.
O produto está xa máis que ben testado. “Xa quixera a maioría dos herbicidas ter detrás a experimentación que tivo este noso antes de chegar a ser unha patente”, afirma Pedrol. Noutros produtos, estas probas limítanse a tests en microalgas ou pequenos fungos, o que pode ter sido un dos factores de que agora haxa tanta reticencia contra herbicidas de síntese, destaca Pedrol, ademais do uso excesivo e inadecuado que se fai deles.
Os seguintes pasos
As novas políticas agrarias comunitarias van na dirección da preservación da biodiversidade, un escenario no que terán especial relevancia produtos que respecten a natureza. Falan doutros compostos de postemerxencia, como o glifosato, que malia ás polémicas que o acompañan, a Unión Europea vén de prorrogar o seu emprego.
Pedrol sinala que isto débese a que non existe unha alternativa clara para este elemento así que, pese á recomendación da Organización Mundial da Saúde, non se termina de retirar. Isto combínase co gran problema na agricultura: a aparición de resistencias no emprego de herbicidas. De aí a alternativa que supón o seu produto.
As dificultades do camiño
O equipo conta nos últimos anos cun novo colaborador, o profesor Eugenio López Periago, do Campus de Ourense da UVigo, e a idea a curto ou medio plazo, explica Pardo Muras, é continuar con probas de concepto e colaboracións; por exemplo, testar a aplicación en cultivos en liña, como viñedos.
Por suposto, o ideal sería poder comercializalo, pero o proceso de rexistrar un herbicida non é sinxelo nin económico e, ademais, elas teñen claro que son investigadoras e quererían seguir séndoo. Algo non sempre doado, posto que as condicións non son precisamente favorables: González e Pardo son contratadas con cargo a proxecto, cunhas condicións lonxe de ser óptimas, e, por tanto, dependen de que entre financiamento. Pese a todo, o ambiente é moi positivo: destacan o bo funcionamento no equipo e amósanse orgullosas do traballo que fan.
“É moi importante devolver á sociedade”, sinala Pedrol, “que é a que pon diñeiro para que nós investiguemos e traballemos”. “Moitas veces a investigación non chega á sociedade, se non é por accións así”, engade Pardo. “O meu concepto de investigación é achegar un beneficio á sociedade”, conclúe González. “Considero que o meu obxectivo profesional está cumprido”. Isto, porén, non é o final do camiño, senón unha motivación para continuar.














