Moi preto de San Andrés de Teixido, un lugar que segue enfeitizando a quen o visita, hai unha enorme alfombra encantada: miles de quilómetros cadrados de val levan moito tempo caendo cara ao mar. Porén, non hai ningunha forza sobrenatural e incomprensible tras disto: a ciencia pode explicar o que está a acontecer. Así é a historia da caseta ‘máxica’ de Teixidelo:
A mediados do século XIX, unha expedición liderada polo célebre químico Antonio Casares (que logo sería reitor da USC) atopou nesta zona de Ortegal, a carón dos grandes cantís de Herbeira, varios minerais cunha importante presenza de níquel, o que levou a facer prospeccións para estudar unha posible explotación mineira na zona, que finalmente non frutificou. Daqueles traballos quedan unha pequena boca da chamada mina Manolita e unha caseta de pedra, da que resisten as paredes, no medio do antigo val glaciar de Teixidelo.
Hai uns anos, o xeólogo Fran Canosa, un dos grandes impulsores do proxecto do xeoparque do cabo Ortegal, estaba estudando as imaxes aéreas da zona ao longo das últimas décadas. Quería comprobar como evolucionaba a paisaxe debido á erosión, nun litoral golpeado polos temporais todos os anos. Aquí veu parar, de feito, o Bonnie Carrier, un cargueiro que en 1986 encallou fronte ao val cando estaba sendo remolcado, obrigando a un gran dispositivo para a retirada dos seus restos, aínda que algúns deles seguen véndose hoxe.
De súpeto, mentres estudaba a zona nas fotografías, algo chamou a atención de Fran Canosa. No val de Teixidelo, parte da superficie ficaba case inmóbil co paso do tempo, pero outra parte importante do terreo, onde se ubicaba a caseta, aparecía cada vez máis preto do mar. As distancias non cadraban, polo que se tiña que tratar dunha especie de movemento desigual, que parecía ter o seu punto de partida na base do val, a uns 200 metros da liña de costa, no lugar onde aínda se poden ver as estrías do antigo glaciar.
Os cálculos adiantan que a este ritmo, en cinco ou seis décadas, a caseta será engulida polo mar debido ao esvaramento e á erosión
É unha das historias máis fascinantes que Canosa conta nunha das xeorrutas que percorren a zona. Alén disto, varios estudos científicos publicados nos últimos anos teñen descrito o fenómeno. Os diversos traballos, realizados polos xeógrafos Jesús Horacio García, Efrén Muñoz-Narciso, José Manuel Sierra-Pernas (tamén presidente da Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico de Cabo Ortegal) e Augusto Pérez Alberti, o xeólogo Fran Canosa ou Alan Trenhaile, (Universidade de Windor, Canadá) constata unha escorredura cara ao mar superior aos 30 metros desde 1945.
Ruta nas praias negras de Ortegal: un paseo de millóns de anos
Por que se move a caseta de Teixidelo?
Para comprender este esvaramento hai que mirar de preto o lugar. Aparentemente, a costa rochosa de Ortegal parece máis robusta cás praias ou os sistemas de dunas, que adoitan quedar a mercé do vento e do mar. Porén, baixo a capa superficial do solo, en Teixidelo hai un enorme volume de arxilas moi plásticas , de xeito que se poden deformar cun dedo. A cobertura sedimentaria abrangue unhas 12 hectáreas de extensión, que supera os 500 metros de lonxitude e os 400 de ancho. Tanto no sector intermedio do val como na zona intermareal, ao pé dun pequeno coído, onde o mar xa talla o terreo, é posible ver as arxilas a simple vista, e comprobar o plásticas que son.
As investigacións desenvolvidas a pé de campo, xunto coas medicións das fotografías, comprobaron que a velocidade de movemento da caseta e a súa contorna está en relación coas condicións do tempo: a máis chuvia, aumenta a velocidade de movemento do deslizamento debido á plasticidade das arxilas. Para comprobalo con precisión, os científicos contrastaron os movementos cos datos de estacións meteorolóxicas próximas. E tomouse como referencia a caseta porque se trataba do único elemento antrópico presente no lugar, aínda que tamén se tiveron en conta outros bloques grandes de rochas, que puideran ser estudados nas diversas imaxes aéreas.

E os resultados, alén do movemento constante provocado polas características xeomorfolóxicas do lugar, confirman a influencia das precipitacións na velocidade coa que a caseta e a súa contorna se achegan ao cantil. “Os temporais de mar actúan como un factor preparatorio ou acondicionador e os episodios de chuvias, como o factor desencadeante do movemento”, expón un traballo realizado polos mesmos autores en 2016, baseándose nos datos recollidos nos diferentes períodos medidos.
Nos posteriores estudos, como o publicado en Catena en 2019, afondouse no papel do mar e das chuvias como factor causante do fenómeno. Neste traballo chegouse á conclusión de que as chuvias máis miúdas e prolongadas no tempo son as que fan que a auga chegue máis a base de arxilas do val e, deste xeito, provoque unha maior velocidade no esvaramento.
A ciencia, por tanto, seguirá mirando fascinada cara a Teixidelo. Desde que se descubrira o particular esvaramento da zona, estanse realizando estudos bianuais mediante o monitoreo con drones e técnicas de fotogrametría dixital avanzada para estimar o volume de terra desprazada, e comprender o ritmo e a dirección do movemento deste val.
Cos datos actuais, os cálculos dos xeógrafos calculan que, en cinco ou seis décadas, chegará o momento. Despois de miles de anos de subida do nivel do mar, nun lugar onde o antigo glaciar chegou a estar a máis de 10 quilómetros da liña de costa, acabará pasando. Marea a marea, temporal a temporal, e empurrada por un chan que se move baixo ela, as pedras da caseta que lembra o efémero pasado mineiro de Ortegal terminarán sendo unhas rochas máis no coído de Teixidelo.
Referencias:
¡Super interesante! Gracias por compatrir esta historia.
Se o singular é Dron, en galego o plural será Drons.