Cando se achega o Nadal, moitos nenos escriben a lista dos xoguetes que esperan que lles traia Papá Noel. É normal. Os xoguetes danlle aos nenos a oportunidade de aprender, ser curiosos, utilizar a imaxinación e socializar. Porén, o 80% acaban en vertodoiros ou incluso no océano, di a psicóloga irlandesa Michelle Cowley-Cunningham. De feito, a industria dos xoguetes utiliza 40 toneladas de plástico por cada 900.000 euros de ingresos e ten unha pegada de carbono excesiva. “A publicidade do sector dirixida os nenos é un pesadelo ambiental”, di a experta.
Os xoguetes poden contribuír ao desenvolvemento dun neno e, ao mesmo tempo, ameazar a súa saúde e benestar a través da contaminación. Os anunciantes perpetúan este paradoxo, e os nenos son vulnerables ás súas tácticas persuasivas. Os anunciantes saben que os cativos son unha parte inevitable do ciclo de toma de decisións dos consumidores e sedúcenos para que lle pidan xoguetes os seus pais os xoguetes. Crear un vínculo emocional cos xoguetes na mente dos nenos é clave: os vínculos coa comida, a diversión, a roupa e a música crean unha espiral de desexo asociado á marca.
As populares, pero non reciclables pulseiras de goma son un exemplo clarificador. Esta moda infantil mundial, a miúdo utilizada como sinal de solidariedade cunha causa, provocou un diluvio de caucho con base de silicona que chega cada ano aos vertedoiros e aos océanos.
Ademais do márketing emocional —que funciona en nenos e adultos por igual—, os estudos demostraron que os nenos máis novos non poden distinguir se están a ver un programa de televisión ou un anuncio. Só a partir dos 9 ou 11 anos os nenos comezan a identificar as marcas e fanse conscientes da moeda social que representan. Aínda que cada vez entenden mellor a intención das marcas, tamén están nunha idade na que son propensos á presión de grupo e a utilizar o que os psicólogos chaman o seu “poder de molestar“.
Os nenos son claramente vulnerables a estas tácticas, e o resultado é un fluxo crecente de plástico no medio ambiente. Pero a investigación psicolóxica suxire que a capacidade de desenvolvemento dos nenos para comprender a crise climática e as súas consecuencias podería funcionar como antídoto. Dando ao nenos espazo para participar plenamente en decisións potencialmente prexudiciais para o medio ambiente, os pais poderían contrarrestar a susceptibilidade do neno á publicidade agresiva.
Dar máis autonomía aos nenos
Elaine Rogers, Alexis Carey e Michelle Cowley-Cunningham publicaron un estudo baseado en investigacións psicolóxicas e na consulta mundial da Organización das Nacións Unidas (ONU) a 16.000 nenos. Nesta consulta constatouse que os nenos de todas as idades non só demostran comprender a ameaza que supón o cambio climático, senón que propoñen solucións facilmente.
Cando se presenta a oportunidade, os nenos e adolescentes expresan empatía e angustia ante a situación, e incluso poden estar predispostos á ansiedade. O desacougo climático que experimentan os nenos pode ser por eles mesmos e a súa propia familia, polas xeracións futuras ou polo medio ambiente e outras especies. Estas conclusións suxiren que a capacidade dos nenos para comprender a crise climática podería contrarrestar a súa susceptibilidade á publicidade que provoca o consumismo que ten un impacto negativo no medioambiente.
Cowley-Cunningham, baseándose na súa análise de como a participación dos nenos pode xerar solucións aos problemas ambientais, elaborou unha serie de recomendacións que poden ser útiles para pais e titores neste Nadal.
Implicar a toda a familia
Fale co seu fillo sobre o bo ou malo que pode ser un xoguete para o medio ambiente. Por exemplo, algunhas marcas coñecidas comezan empregar plástico fabricado con etanol extraído da cana de azucre. Busque etiquetas ecolóxicas nos xoguetes e pescude que provedores teñen marcas de xoguetes ecolóxicos. Pregunte tamén polas vantaxes educativas de cada xoguete e axude o seu fillo a sopesar os puntos negativos e positivos. Tente equilibrar estas compras con outras máis comerciais.
Indague sobre como poden participar os nenos nos debates nacionais e internacionais sobre o cambio climático. Recentemente, a ONU explicitou que os anunciantes teñen a responsabilidade legal de garantir que o márketing non induza a erro aos nenos e concedeulles un gran valor á súa participación nestas cuestións. Neste sentido, elaborouse unha versión adaptada á infancia —e un vídeo complementario— no que se expón a súa posición respecto aos seus dereitos e o medio ambiente.
Bancos de xoguetes
Busque puntos de recollida de xoguetes usados. Os bancos de xoguetes poden empezar pola familia, os amigos e os veciños. Se non hai ningún preto da súa localidade, póñase en contacto cos comités residenciais e as administracións locais para crear un. Anime os seus fillos a reunir unha selección de xoguetes usados para envialos ás tendas de caridade locais en vésperas do Nadal.
Fomentar a lonxevidade
Cando os xoguetes teñen unha historia persoal, é máis probable que os nenos queiran xogar con eles durante máis tempo. Por exemplo, as “vacacións” ou a “estancia no hospital” dunha boneca ou dun oso de peluche poden reavivar o interese do seu fillo por ese xoguete.
Espazos seguros
Crear espazos seguros para o debate na casa, no colexio ou na comunidade axudará os seus fillos a pensar de forma crítica sobre como o márketing pode facelos cómplices da deterioración do medio ambiente. O debate debe ser seguro e non conflitivo. Lembre que os nenos teñen o poder adquisitivo da familia nas súas mans, con capacidade para persuadir os seus pais, titores e mesmo a Papá Noel para que lles traian os xoguetes que elixan.
Permitir que os nenos tomen decisións adultas sobre os xoguetes que lles gustaría ter ou conservar contribuirá a reducir o impacto negativo da publicidade no seu benestar.
A autora é Michelle Cowley-Cunningham, psicóloga colexiada e investigadora posdoutoral no Centro Nacional da Empresa Familiar da Universidade da Cidade de Dublín.
O artigo orixinal publicouse en The Conversation en inglés. Lea o artigo orixinal.














