O Nadal é unha das festividades máis esperadas durante todo o ano pola meirande parte da poboación. Os paseos polas cidades iluminadas, as visitas aos mercados de Nadal, as ceas e reunións con familia e amigos… Pero estas datas poden ser tan anheladas como estresantes. De feito, nesta época xúntanse moitos factores que poden causar ansiedade como, por exemplo, os agobios polas viaxes para visitar a familiares, as preocupacións económicas, ou mesmo ter que asistir a reunións nas que un se sente incómodo. A psiquiatra do CHUS Iria Veiga dá as claves para afrontar estas festas sen caer no estrés: “Ás veces menos é máis”.
“Se nos produce estrés non é adecuado”, engade. Nestas datas adóitanse asumir moitos compromisos que, en ocasións, son eludibles. “Temos que escoller aqueles eventos aos que realmente queremos ir ou ben aos que teñamos moralmente a obriga de ir. O resto poden esperar”, explica Veiga. Nestas datas é habitual sobrecargarse de reunións con familia, traballo, amigos, pero “temos que normalizar non asistir se non nos apetece”, continúa a psiquiatra. Para non ter estrés é conveniente reducir os compromisos se estes son excesivos.
Por outra banda, tamén cabe destacar o estrés que produce non só asistir a demasiadas reunións, senón preparalas. As altas expectativas por ceas e comidas que teñen que ser perfectas poden ser un agravante do malestar. Neste sentido, a doutora aconsella: “Implicar a toda a xente que vai acudir, facendo un reparto de tarefas”. Historicamente a función de organizar os eventos recae nas mulleres e isto pode ser moi dañino para a súa saúde mental, polo que cómpre encargar a cada persoa asistente un labor como “cociñar, limpar, adornar a casa, etc.”. Ademais, o perfeccionismo pode ser un inimigo nestas datas. Veiga asegura que “canto máis sinxelo sexa todo, maior é a posibilidade de éxito”. A forma de poder desfrutar das festas se hai que organizar comidas nos propios fogares pode ser facer unha boa planificación, “escoller as cousas ben e que sexan sinxelas de preparar”, sostén Veiga.
No artigo Unha neurocientífica explica como sobrevivir ao estrés do Nadal publicado en The Conversation, enuméranse unha serie de consellos para facer fronte ás diferentes situacións estresantes que podemos atopar ao longo destas datas. Por exemplo, Seena Mathew —a autora do artigo— sinala que “respirando lenta e profundamente pódese activar o sistema nervioso parasimpático, que á súa vez pode acougar os nervios e reducir as frustracións”. O cerebro ten diferentes reaccións ante os estímulos pero ao final “é esencial experimentar con diversas técnicas e non ter medo a afastarse das que non funcionan e achegarse ás que si”, afirma a autora.
As preocupacións que chegan co Nadal
O Nadal tamén é unha época do ano que implica moitos gastos: ceas, agasallos, viaxes, etc. aos que temos que facer fronte nun mesmo mes. Neste sentido, “hai unha correlación clara entre as persoas que están atravesando dificultades económicas e unha mala saúde mental”, afirma Veiga. Tamén pode aumentar o sentimento de frustración por non poder compracer os seres queridos.
Outro tema preocupante pode ser a soidade e o illamento. É un problema que se fai evidente durante estas datas. As persoas que acostuman a pasar moito tempo soas son aquelas que pasarán as festas sen compañía de familia. “Non é un problema que se agrave no Nadal pero si que é un sinal dun problema de saúde mental”, explica Veiga. En Galicia, ademais, temos unha poboación moi envellecida que vive soa e que en moitas ocasións non ten con quen pasar estas datas.
Por último, un factor que pode facer destas festas unha mala época é a ausencia de seres queridos. “Temos que asumir que o dó é un proceso natural é necesario”, apunta Veiga. A cuestión non está en mitigar a dor senón en non “sentirnos mal por desfrutar das festas”. Un problema moi recorrente na sociedade é “sentirse mal por sentirse mal”. Todas as emocións teñen o seu momento. Seguramente o Nadal, por tratarse dunha festa cun ton moi familiar, fai que se noten máis as ausencias. Con todo, temos que aprender a “darnos permiso para sentir tristeza, descargar esa parte de culpa; pero que non nos impida desfrutar dos momentos bos en familia”, explica a psiquiatra.
Se ben e certo que o Nadal é unha época que anima a pasar tempo en familia, a compartir agasallos e comidas, tamén é certo que pode xerar moito estrés. É por iso que Seena Mathew afirma o seguinte: “O adestramento do cerebro é máis unha maratón que unha carreira de velocidade”. Recomenda identificar as situación que causan estrés e tratar de buscar as solucións que lle funcionan a cada persoa. Ademais, engade que o proceso “incluirá ensaio, erro e mentalidade aberta, pero se te centras en identificar os teus causantes e adaptar as túas propias estratexias de afrontamento, é case seguro que mellorarás co tempo”.















Bo nadal!!!