Cando ciencia e pesca van da man: premiado un barco galego pola recaptura dunha quenlla

O exemplar de 'Prionace glauca', identificado e marcado por primeira vez no 2016 en Terranova, foi recuperado polo buque 'Punta do Xuncos' na mesma rexión seis anos despois

No 2016, un observador científico do Servizo Nacional de Peixerías Mariñas dos Estados Unidos identificou unha quenlla (Prionace glauca) ou tiburón azul nas xélidas augas de Terranova. O exemplar macho medía 101 centímetros, e foi devolto ao mar despois de ser marcado. Seis anos despois, nun día coma calquera outro, o buque galego Punta do Xuncos (Burela) atopábase traballando na mesma zona, tan conectada á historia dos mariñeiros galegos. Ao levantar o palangre Cándido Eiroa deuse conta de que unha das quenllas levaba unha marca científica: era o mesmo individuo, só que un pouco máis grande: dous metros e medio de tiburón azul.

De seguido púxose en contacto con Blanca García, investigadora responsable do programa de marcaxe do Instituto Español de Oceanografía da Coruña. Segundo García, a marcaxe baseada en accións de ciencia colaborativa e cidadá é unha fonte moi valiosa de información “sobre a migración, rutas crecemento e outros parámetros biolóxicos das poboacións de peixes”.

Publicidade

Non foi o primeiro exemplar marcado que recapturou o buque, e tampouco o último. Porén, aquela quenlla supuxo para o Punta do Xuncos un recoñecemento internacional, con motivo dos premios anuais que a Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT) outorga ás capturas de exemplares identificados polos científicos. A recompensa, de 500 euros e feita por un mecanismo de sorteo, busca fomentar e aumentar a colaboración dos mariñeiros nas tarefas de observación científica, así como amosar a gratitude polo seu necesario labor.

Toda a información posible

A marcaxe dos animais mariños é unha técnica de vital importancia para a bioloxía: grazas a ela, os investigadores poden coñecer aspectos básicos de cada especie, como os desprazamentos e migracións que fan. Segundo explica García, cando un animal é marcado anótanse unha serie de datos imprescindibles, como o seu tamaño, peso, posición xeográfica e data de liberación: “Tendo en conta que cada peixe leva unha marca identificativa debidamente numerada e única no mundo, estes datos poden ser comparados cos obtidos no momento no que o mesmo peixe sexa novamente capturado”. Así, contrastando os datos, os investigadores poden reconstruír algunhas facetas da vida do exemplar, o cal ten unha especial relevancia á hora de avaliar os recursos pesqueiros.

Publicidade

A día de hoxe existen distintos tipos de marca. O máis tradicional lévase a cabo colocando nunha zona identificativa unha etiqueta física, a cal inclúe un código ou número de identificación. Aínda así, a tecnoloxía actual ofrece moitas alternativas interesantes, como dispositivos electrónicos e ata satelitais.

Para a investigadora do IEO, a marcaxe tradicional ten unha gran utilidade ao medio-longo prazo, e o seu grado de éxito depende moito da información subministrada polas flotas en canto á cantidade de recapturas recibidas, así como a calidade e precisión dos datos.

Unha axuda imprescindible

A colaboración dos mariñeiros para a investigación científica é clave por varias razóns. Os buques comerciais non só informan cando recapturan un individuo cunha marca, senón que moitas veces son eles mesmos os que realizan a primeira captura e marcaxe de exemplares.

Ademais, en moitas ocasións os observadores científicos sóbense a bordo dos buques dos mariñeiros para realizar estas tarefas, xa que non é doado coordinar nin financiar unha expedición deste tipo: “Tamén realizamos campañas propias de marcaxe, mais estas son tremendamente custosas e, en ocasións, non son asumibles ao tratarse dunha peixería de longa distancia”, comenta García. Por iso, os investigadores ensinan aos patróns e tripulantes como os do Punta do Xuncos o modo de proceder.

“A flota de palangre de superficie coñece perfectamente os datos que teñen que achegar cando atopan un peixe con marca: anotan a posición e a data na que recuperaron o exemplar, ademais do tamaño, o sexo e o peso”. Ás veces, cando descargan o peixe no porto, os investigadores ata poden obter máis información, como a da contido estomacal: isto permítelles coñecer as relacións tróficas entre as especies e, no caso dos tiburóns hembra, o seu estado reprodutivo.

A flota galega, premiada

O exemplar de quenlla que recapturou o buque galego, premiado polo sorteo do ICCAT, amosou un crecemento máis rápido do estimado a partir dunha das interpretacións máis típicas para os tiburóns, a da banda anual nas vértebras: “Adicionalmente, os datos deste exemplar que estivo en liberdade ata seis anos apoia os estudos de crecemento levados a cabo recentemente polos investigadores do IEO da Coruña“, explica a científica.

Toda esta documentación, baseada en información precisa e que está sendo constantemente actualizada, é clave para reducir incertezas sobre o estado das poboacións de peixes salvaxes e sobre a saúde dos océanos, o cal permite levar a cabo as medidas de xestión dos stocks pesqueiros que sexan pertinentes en cada momento.

No caso de Eiroa, a colaboración cos observadores científicos mantense dende hai anos. En moitas ocasións, son os propios tripulantes do buque os que realizan as tarefas de marcaxe e se comunican directamente coa xente do IEO da Coruña para trasladarlles a información ou levarlles as capturas unha vez rematan a marea.

Porén, non son o único buque galego que foi premiado polo sorteo, tal e como sinala García: “Dentro do ámbito do ICCAT, nas especies que nos competen neste proxecto da Coruña e grazas á colaboración coa flota, a proporción de recapturas que reportamos é bastante elevada, e as posibilidades de que a lotaría toque a un barco galego non son nada despreciables”.

A investigadora do IEO agarda que este novo galardón para a flota galega sexa un incentivo para animar aos mariñeiros a manter a súa estreita colaboración coa ciencia, unha relación que leva xa máis de tres décadas na comunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O vigués ao mando do rastrexo de vítimas da DINA no mar: “É como buscar unha agulla nun palleiro”

Pablo Carrera, reponsable da operación do buque científico 'Ramón Margalef': "Estamos recibindo axuda psicolóxica"

Unha DINA achégase á península: cando e como afectará a Galicia

A chegada dunha masa de aire de orixe polar provocará un brusco descenso das temperaturas entre martes e mércores en todo o territorio galego

Galicia bate un récord histórico de temperatura con 25,3 graos na Coruña en pleno novembro

Pontevedra acadou o máximo valor con 26,8 graos nunha anómala xornada de calor en todo o territorio

Galicia é cada vez máis sedentaria, pero menos que Madrid: “Unha das claves é o rural”

A porcentaxe de poboación galega que pasa máis de 4,5 horas ao día sentada aumentou un 6,5% entre 2011 e 2020