Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Novembro despídese pasado por auga. Despois dunha semana anticiclónica, as baixas presións volven a Galicia con precipitacións e unha caída dos termómetros a partir do xoves. Nos vindeiros días, o tempo vén marcado pola influencia de varias frontes atlánticas. Dende este luns os ceos estarán cubertos por nubes, pero as precipitacións serán escasas. Agárdanse orballos na Coruña e no norte de Pontevedra. A partir do martes chegará unha fronte con chuvias máis intensas en todo o territorio, pero non se agardan temporais nin alertas por vento ou acumulacións de auga. Unha fronte fría traerá sarabia e neve na montaña dende o xoves.

Nesta semana, o anticiclón dos Azores desprázase cara o norte e estará situado no suroeste de Islandia, o que favorecerá que se abran as portas do Atlántico e entren unha sucesión de borrascas. Por iso, en toda a península, agárdase unha semana máis inestable, e será o norte peninsular o máis afectado polas precipitacións. Ao mesmo tempo, zonas do Mediterráneo peninsular estarán practicamente secas. Os ventos soprarán de compoñente oeste, asociados ás baixas presións, e Galicia poderá acumular máis de 50 l/m2. De momento, non hai alertas activadas.

Publicidade

O martes pola mañá entra unha fronte cálida e unha fría pola tarde, de maneira que na segunda metade do día as precipitacións serán xeneralizadas en toda a comunidade. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso e as máximas manteranse nos valores actuais. As nubes cubrirán os ceos dos mércores con chuvias máis frecuentes na metade oeste. Pola noite entra unha fronte fría, que deixará unhas temperaturas máis baixas para esta época do ano. Tanto as mínimas como as máximas baixan entre catro e cinco graos. Este descenso provocará sarabias e neves na montaña, aproximadante entre os 900 e 1000 metros.

Desta maneira, a última parte da semana será máis invernal para a península. Mentres que o luns e o martes as temperaturas manteñen uns niveis máis estables, dende o xoves veremos xeadas máis pronunciadas. De momento, aínda é cedo para predicir a situación atmosférica da fin de semana, mais todo apunta a que as chuvias serán máis ocasionais e non tan xeneralizadas. Iso si, o sábado e o domingo serán os días máis fríos da semana.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla