Xoves 18 Abril 2024

Biólogos da UVigo descobren dúas novas especies de hidrozoos

Foron atopadas sobre cunchas de bivalvos en augas profundas de Angola e Mauritania, e o grupo de investigación xa suma máis de 40 novas especies

Investigadores do grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, acaban de publicar un artigo na revista científica Deep-Sea Research Part I no que describen dúas novas especies de hidrozoos atopadas en augas frías da costa oeste do continente africano, a máis de 400 metros de profundidade. Este achado chega da man da investigadora Marta Gil, quen levou a cabo este estudo supervisada polos investigadores, Fran Ramil, do CIM-UVigo, e André Freiwald, director do instituto Senckenberg and Meert Wilhelmshaven , centro alemán de investigación en biodiversidade mariña.

As novas especies foron bautizadas como Rosalinda nowaldi e Rosalinda lundavi e pertencen ao xénero Rosalinda, no que ata o de agora se incluían catro especies: R. williamiR. incrustansR. marlina e R. naumovi, distribuídas xeograficamente por todo o mundo. Ambas apareceron sobre cadansúa cuncha de bivalvo: Rosalinda nowaldi foi atopada na cuncha de Acesta angolensis, no norte de Angola, e Rosalinda lundavi, sobre unha de Acesta excavata, en Mauritania. No artigo descríbense as súas características morfolóxicas, así como a súa distribución, diferenciándoas ademais do resto de especies do xénero Rosalinda descritas ata o momento.

Publicidade

“Ata o de agora o xénero Rosalinda pasara bastante desapercibido nos arrecifes de corais”

“Ata o de agora o xénero Rosalinda pasara bastante desapercibido nos arrecifes de corais. No obstante, e tras realizar un axeitado estudo e descrición das dúas especies no laboratorio, fíxose unha posterior revisión dos vídeos gravados durante as campañas e puidemos comprobar que se trata dun xénero bastante frecuente neste tipo de ecosistemas”, explica Gil, ao que engade que, pese a ter aínda poucas especies descritas,  o xénero Rosalinda “é un grupo cosmopolita e citado en todo o mundo”.

‘Rosalinda lundalvi’ sobre ‘Acesta excavata’ copyright T. Lundälv, Sven Lovén Centre, Sweden.

No caso das dúas novas especies descubertas caracterízanse por posuír cada unha un sistema de ancoraxe (hidrorriza) cunha forma característica, así como unha serie de cnematocistos (células urticantes características do filo Cnidaria) moi específicos. “Estas características, permitíronnos diferencialas das outras especies de Rosalinda xa descritas”, recalca a investigadora. Ademais, cada unha das especies descritas neste artigo, medran sobre o mesmo xénero de bivalvo (Acesta), no obstante, cada unha, medra sobre unha especie diferente de AcestaRosalinda nowaldi medra sobre Acesta angolensis mentras que Rosalinda lundalvi  medra sobre Acesta excavata, demostrando que é unha asociación exclusiva entre as dúas especies de Rosalinda e as especies de Acesta. “Esta asociación exclusiva é un factor importante e a ter en conta á hora de promover plans de preservación e conservación da fauna”, recalca a investigadora, quen nestes intres acaba de comezar unha estancia de investigación dun ano de duración no Institute Marine Research de Noruega, para participar nun proxecto de investigación no que se estudarán diferentes hábitats mariños deste país.

O artigo publicado agora nesta importante revista científica é froito das campañas oceanográficas realizadas en 2010 e 2016 nos fondos mariños das augas frías de Mauritania e Angola a bordo dos buques de investigación alemáns R/V Maria S. Meridien e o R/V Meteor. As mostras foron recollidas cun ROV (Remote Operate Vehicle), un robot equipado con varias cámaras e brazos articulados que lle facilitan a toma de mostras no fondo mariño. “Estes ROV’s lévanse a bordo do barco, desde onde se manexan, e nestas dúas campañas, o ROV foi operado en un caso por Nicolas Nowald e no outro por Tomas Lundälv, e decidimos empregar o seus nomes para darlle nome a estas dúas novas especies”, explica Gil.

Os hidrozoos son excelentes indicadores da calidade ambiental dun ecosistema

Con estes dous novos achados son xa máis de 40 especies e catro xéneros novos de diferentes grupos taxonómicos os que se sacaron á luz desde o grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, un equipo que centra boa parte da súa actividade no estudo da biodiversidade da fauna mariña bentónica e a súa conservación, prestando especial atención á fauna de augas profundas.

“Sempre é importante que coñezamos o ambiente que nos rodea e, neste contexto, os hidrozoos son un grupo relevante dentro da epifauna sésil e nas comunidades bentónicas”, recalca Gil, que fai tamén fincapé en que se trata dun grupo taxonómico capaz de formar ecosistemas tridimensionais facilitando o asentamento de outros invertebrados e incrementando a biodiversidade dos fondos mariños. “Ademais, son bos indicadores da calidade ambiental, xa que están presentes en todos os ecosistemas, de aí a importancia de seguir afondando no seu estudo”, subliña a autora do artigo, quen xa no 2018 publicara un artigo –tamén de maneira conxunta co investigador Fran Ramil– no que se describían catro novas especies de hidrozoos, que forman parte do filo dos Cnidarios, no que tamén se inclúen as anemones, corais e medusas, entre outros.

Máis estudos

Ademais deste artigo, Marta Gil e Fran Ramil, publicaron tamén recentemente outro estudo, fixérono nrevista Zootaxa e asinado con outro dos investigadores do grupo, José Ángel Ansín. Neste caso, os investigadores presentan as especies de hidrozoos bentónicos recolectados nos arrecifes de coral nas augas frías de Mauritania durante as campañas hispano-mauritanas Maurit-0911 e Maurit-1011 e a campaña alemá MSM 16/3, realizadas en 2009 e 2010 e nas que se identificaron un total de 35 especies, 26 xéneros e 16 familias, das cales 33 especies medraban neste hábitat.

‘Rosalinda lundalvi’ sobre ‘Acesta excavata’ copyright T. Lundälv, Sven Lovén Centre, Sweden.

Entre todas estas especies dúas delas son tamén de nova descuberta: Nemertesia freiwaldi, dedicada precisamente ao investigador alemán André Freiwald, e Nemertesia caboverdensis. “Leva ese nome porque cando estabamos a comparar o noso material recollido no arrecife de Mauritania con material de outras campañas descubrimos que era unha especie nova recollida en Cabo Verde”, explica Gil.

Segundo os resultados deste estudo a riqueza de especies de hidrozoos nos arrecifes de coral das augas frías de Mauritania é menor que a observada nos fondos adxacentes, pero comparable a de outros arrecifes de coral do Atlántico nororiental. En xeral, detectáronse dous grupos principais: especies cunha ampla distribución (52%) e especies atlánticas (48%). Dominaron as especies que están presentes a nivel global, seguidas polas atlánticas-mediterráneas e as atlánticas do leste, e soamente catro especies amosaron unha distribución a ambos lados do atlántico. Estes resultados resaltan a alta afinidade entre a fauna de hidrozoos dos arrecifes de coral das augas frías de Mauritania e da rexión atlántico-mediterránea, diferentes da que se dá nas augas tropicais do leste Atlántico.

Aquí podes ler o artigo no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos