“O banco máis fedento do mundo” está en Ordes

A asociación de afectados polo proxecto do vertedoiro na parroquia de Lesta "promociona" un lugar con vistas e cheiros do complexo de Areosa, en Cerceda

O banco
O banco "fedento" ten "vistas" ao vertedoiro de Areosa. Foto: Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta.

A parroquia de Lesta, en Ordes, xa ten o seu equivalente ao célebre banco de Loiba, en Ortigueira. Segue a mesma estratexia de promoción, un banco, un lema e unha paisaxe, mais a imaxe non sairá en tantas fotografías de Instagram. E os filtros que necesita, en todo caso, serían para non sentir o fedento cheiro que procede do vertedeiro da Areosa, unha gran superficie á que veu parar durante moitos anos o lixo da maior parte dos concellos de Galicia. É “o banco máis fedento do mundo“, segundo a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta. Porque por se non fora pouco, ao lixo de Areosa podería engadirse, se sae adiante, o vertedoiro proxectado nesta parroquia ordense.

A idea xurdiu hai uns meses, e recibiu de novo eco esta semana en La Voz de Santiago. Foi unha publicación nas redes sociais da entidade a que fixo pública e notoria a idea do “fedento” lugar, “un banco onde todo galego se debía ir sentar unha vez, para ver a barbaridade medioambiental que ocurre neste punto da nosa comarca”, denuncia a entidade veciñal. E recomenda: “Se ides, levade unha pinza para o nariz!”

No horizonte non hai mar nin cantís, senón o monte de lixo do vertedoiro da Areosa: o lugar onde se enviaban desde Sogama os residuos que non eran tratados na súa planta principal, a poucos quilómetros, en Morzos (Cerceda). O proxecto de ampliación de Sogama, actualmente en obras, reducirá os envíos de lixo a este punto ata niveis mínimos, pero non é a única planta instalada aquí.

En Areosa traballa tamén Gesuga (Gestión de Subproductos de Galicia), unha empresa dedicada ao tratamento dos animais mortos en explotacións gandeiras desde que se decretara a prohibición de enterralos. Segundo datos da propia compañía, procesan diariamente 250.000 quilos de subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano, dos que se obteñen 80.000 quilos de fariñas, grasas ou peles que son reutilizados como combustible e outros fins.

E aínda que o vertedoiro de Sogama pecharase definitivamente nos vindeiros meses, os veciños de Lesta advirten da inminencia da instalación do novo vertedoiro, que estará moi preto do chamado “banco fedento”, nos lugares de Porto Fieito e Fonte do Trigo. A Xunta fixo pública en agosto unha declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto, aínda que esixe o cumprimento de varias medidas correctoras. Un problema que viría aumentar o tamaño do lixo depositado na zona. “En vez dunha xestión máis local dos residuos, óptase por macrovertedoiros con grandes carencias de reciclaxe”, denuncian os veciños.

O plan do novo vertedoiro causou o rexeitamento dos veciños de Lesta, cuxa entidade se integrou na rede de plataformas que botou a andar a finais de 2018, en protesta polos proxectos mineiros e de xestión de residuos que están en marcha na área de Compostela.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.