A balea azul en Galicia: así foi o impacto das capturas no Atlántico sur de Europa

Un estudo analiza a caza baleeira en España e sinala que "a maior presenza desta especie na costa galega é o resultado de anos de protección"

Unha balea azul e o seu soplo característico cando emerxe á superficie
Unha balea azul e o seu soplo característico cando emerxe á superficie

Dende hai uns anos, cada vez é máis frecuente avistar na costa galega baleas azuis (Balaenoptera musculus). O número de exemplares observados dende Galicia parece ser un indicador de que a poboación se está a recuperar lentamente tras a presión que exerceu sobre ela a caza baleeira, que deixou a especie en perigo de extinción. Un novo estudo publicado na revista Scientific Reports e levado a cabo polos biólogos da Universitat de Barcelona Àlex Aguilar e Asunción Borrell, analiza o impacto da pesca de baleas azuis en España a partir dunha revisión bibliográfica dos rexistros existentes desta actividade.

A pesar de que as baleas azuis se protexeron en 1954, as capturas continuaron na rexión da plataforma atlántica do sur de Europa e nas augas inmediatamente adxacentes ata 1979. “O que fixemos no noso estudo é poñer a lupa en todos os rexistros de captura desta especie, xa que a partir da súa prohibición había certa intención de camuflalas e non declaralas”, indica Aguilar. E engade: “Un dos obxectivos era actualizar os datos e corrixir as posibles eivas nas estatísticas de apresamento deste cetáceo”.

O estudo

No estudo, titulado Capturas non declaradas, impacto da caza de baleas e estado actual das baleas azuis na plataforma atlántica do sur de Europa e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, estímase que o número de baleas azuis mortas na rexión foi de 61 en 55 anos (cun promedio de 1,12 individuos/ano). Desta cifra, 29 individuos foran correctamente declarados como baleas azuis, pero 31 foron etiquetados erroneamente como rorcuais comúns (Balaenoptera physalus). “Aínda que aproximadamente declararon a metade do que capturaron, o impacto da pesca española foi insignificante”, indica Aguilar.

Estímase que o número de baleas azuis mortas na rexión foi de 61 en 55 anos

Segundo o autor do estudo, a poboación de baleas azuis xa estaba moi mermada antes de que en España iniciaran a súa actividade as factorías baleeiras debido ás capturas que se fixeran no norte do Atlántico. “Este é un dos motivos polo que o número de apresamentos rexistrados é baixo”, explica. A este respecto, Bruno Díaz, doutor en Ecoloxía e director do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), situado no Grove, sinala que “o gran problema cando falamos de repercusión en relación á caza de animais, é que se ten que considerar a densidade da especie nese momento”.

figure 1
Localización das estacións baleeiras que operaban ao redor da Península Ibérica. Figura xerada por Albert Martínez co programa Freehand 10.

Díaz indica que faltan datos sobre a cantidade de baleas azuis que existían durante eses anos —e os que hai son da caza baleeira— polo que se descoñece información valiosa. “Cantas baleas se cazaban en proporción a cantidade total que había? É unha das preguntas clave que non poderemos resolver”, sinala. Un dato curioso que comenta Aguilar é que a última balea azul capturada do mundo —que se saiba— foi na costa galega, no ano 1979.

A presenza da balea azul en Galicia

“Cada ano vense máis baleas azuis en Galicia: incrementan en número e achéganse máis á costa. Este aumento é o reflexo do cese da explotación baleeira e o resultado da súa protección”, sinala Aguilar. Segundo o informe técnico do Proxeto Baleanatur II: Baleas azuis e cambio climático dentro da Rede Natura 2000 elaborado polo BDRI, entre os meses de marzo e outubro de 2021 observáronse un total de 32 baleas azuis, xunto con 116 rorcuais comúns e 21 rorcuais aliblancos (Balaenoptera acutorostrata).

Entre os meses de marzo e outubro de 2021, observáronse na costa galega un total de 32 baleas azuis

“A balea azul en comparación co rorcual común está moito menos presente en Galicia, pero aínda así estase observando un claro incremento no número de exemplares que veñen alimentarse ás nosas augas”, explica Bruno Díaz, director do BDRI. O que indica “unha recuperación gradual da especie tras a súa caza indiscriminada, que supuxo que moitas xeracións xa non pasaran pola nosa zona”, engade. Segundo Díaz: “Algo rechamante é que algunhas das baleas azuis avistadas regresan a alimentarse á nosa rexión tres ou catro veces tendo todo o océano Atlántico para facelo, o que resalta a importancia da plataforma continental da costa galega”.

Gráfica elaborada polo BDRI
Gráfica elaborada polo BDRI

Ante a expansión doutras especies mariñas, como o rorcual común —que pasou de estar en perigo de extinción a considerarse especie vulnerable— a balea azul estase a recuperar a un ritmo máis lento. Díaz engade: “As baleas azuis que avistamos ao longo destes anos son novas xeracións, non sabemos onde naceron nin se están emparentadas coas supervivintes á caza de baleas en España, só que cada vez a súa presenza no ecosistema mariño galego é lixeiramente maior”.

As baleas: unha peza clave

“En termos xerais, os cetáceos xogan un papel fundamental no equilibrio do ecosistema mariño” declara Díaz. O doutor en Ecoloxía explica que as baleas azuis só coa súa propia presenza facilitan a recuperación do ecosistema, pois as súas defecacións son un nutriente esencial que producen unha explosión de fitoplancto, que a súa vez propicia a posterior abundancia do zooplancto. “A maiores, a presenza deste animal sempre é positiva porque indica que hai alimento”.

Un dos principais factores de risco para os grandes cetáceos é o tráfico marítimo

Ata o de agora, en España non existe ningún plan específico de conservación para a balea azul, pero Díaz adianta que pronto “se vai elaborar un plan de conservación dos misticetos, o que é un primeiro paso importante para a recuperación das súas poboacións”. Se a presenza de baleas azuis segue en aumento, “é fundamental que se tomen paralelamente medidas para unha xestión axeitada”. Segundo explica Díaz, “coñecendo os puntos quentes e os períodos nos que a especie se achega ás nosas augas, pódese evitar que haxa actividades humanas que poidan provocar a morte dalgún exemplar”.

Neste sentido, é clave a xestión do tráfico marítimo, sobre todo a regulación da velocidade das embarcacións, por ser o principal factor de risco para os grandes cetáceos —polo perigo de colisión—. Durante os anos da sobreexplotación baleeira, o “ecosistema estaba un pouco danado, porque a balea azul deixou de ter o número de exemplares necesarios a nivel ecolóxico” explica Díaz. Non obstante “esta especie forma parte do quebracabezas do ecosistema mariño da costa galega, e sempre o fixo, aínda que durante moito tempo faltase esa peza”.


Referencia: Unreported catches, impact of whaling and current status of blue whales in the South European Atlantic Shelf (Publicado en Scientific Reports).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.