Sábado 20 Abril 2024

Os axentes forestais: “Ignóranse as causas de moitos incendios, e vaise ao fácil”

A vaga de lumes en Cantabria fai que as Administracións retomen a tese do "terrorismo incendiario" sen achegar apenas evidencias

Co tempo seco e solleiro dos últimos días volveron os incendios ao norte da península Ibérica. Cantabria e os Pireneos foron foco de centos de lumes que mobilizaron a un gran número de equipos de extinción. Houbo tamén dous incendios en Galicia (Laza e Lobeira, de novo Ourense) con máis dunha decena de focos simultáneos. Preto de 100 hectáreas que se suman ás máis de 500 queimadas nas primeiras semanas do ano en preto de 70 lumes. Ante estes novos lumes, comezou a difundirse de novo desde as Administracións (neste caso foi o presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla) a tese do “terrorismo incendiario” e as mans de supostos pirómanos detrás dos lumes, como xa se fixera en Galicia durante aos convulsos días de outubro de 2017. Unha tese moi criticada polos axentes forestais que traballan sobre o terreo.

Representantes de Aprafoga (Asociación Profesional de Axentes Forestais de Galicia) contan a GCiencia que “non se poden clasificar os incendios por intuición, porque isto só leva a erros: trátase de saber cal é o problema que temos para determinar que solución se debe aplicar, e isto só se sabe investigando”, conta un representante de Aprafoga.

Publicidade

Máis de 500 hectáreas queimadas en Galicia en menos de 15 días e en pleno inverno

E na investigación das causas, subliñan desde a asociación, é “onde se falla estrepitosamente, e parece que así seguiremos: ignóranse as causas de moitos incendios, e vaise ao fácil: noméanse como intencionados e fálase de tramas, pirómanos, etc.”. Isto, para entidades como Aprafoga, é unha actitude alarmista: “Non debemos aventurarnos a clasificar a causa dun incendio se non sabemos quen ou que o provocou, e moito menos determinalo como intencionado. En todo caso o máis axeitado e descoñecido”.

Incendios forestais en inverno

Os lumes en inverno, aínda que sen acadar as proporcións dos de épocas máis cálidas, son habituais en provincias como Ourense, a que máis arde de España. Son incendios ben provocados para xerar pasto na primavera, ou ben para queimar restos de cortas. “Sabemos que hai moitas queimas que se escapan”, din desde Aprafoga. De feito, esta mesma fin de semana morreu unha muller de 83 anos mentres queimaba uns restos vexetais nun lume que se descontrolou. Segundo explican os axentes forestais, “nos primeiros meses de 2018 tiñamos preto de 70 lumes, e máis de 50 foran por queimas descontroladas”).

Focos dos últimos sete días. Fonte: EFFIS.
Focos dos últimos sete días. Fonte: EFFIS.

Na análise dos lumes deste xaneiro de 2019 viuse que “unha alta porcentaxe aconteceron en zonas de media e alta montaña, polo que o cadro indicador destes incendios apunta a zonas de pastoreo con presenza de gando, grandes superficies queimadas anteriormente, mato de 2-3 anos… Todo indica que estes lumes son provocados (intencionados) para xerar brotes de arbustos e pasto”, aínda que coas precaucións debidas.

O panorama de Ourense, explican os axentes forestais, reúne varias condicións para que aparecen lumes con gran capacidade destrutiva. “Temos un clima favorable para a propagación de lumes, extensións continuas de monte, mato, abandono de fincas, ata as mesmas concentracións parcelarias estanse abandonando; a gandería e agricultura, salvo en zonas concretas, é case que simbólica. E se a isto lle engadimos as condicións meteorolóxicas extremas, con combustible en situación óptima para arder, calquera conato ten moitas posibilidades de converterse nun rápido e gran incendio forestal”.

Profesionalización dos servizos forestais

Unha das principais liñas de reivindicación dos axentes forestais, e tamén un problema que os levou a protestar con folgas nos últimos anos, é a da profesionalización dos servizos de prevención e extinción. “Hai anos contratouse persoal de cuadrillas a través dos concellos, e foi un erro maiúsculo; pois agora vólvese ao mesmo. Como pode ser efectivo o persoal que traballa tres meses cada ano? E con soldos cos que non chegan a mileuristas, así que en canto atopan algo mellor e máis estable, déixano”, lamentan as mesmas fontes.

Traballos de investigación realizados por axentes forestais. Fonte: Aprafoga.
Traballos de investigación realizados por axentes forestais. Fonte: Aprafoga.

“A formación específica é imprescindible”, insisten desde o colectivo de traballadores. “Tal e como evolucionan os incendios, é perentorio ter persoal preparado e formado, de todos os que están ao pé do lume: desde o  director de extinción, ata as cuadrillas e condutores das motobombas”. Neste sentido, lamentan tamén o “desequilibrio” dedicado aos gastos de extinción respecto á prevención. “Non entendemos o peche do 70% dos postos de vixilancia fixa, porque é preciso coñecer o inicio e evolución do incendio para que a resposta sexa rápida e efectiva: e as cámaras que se publicitan son máis efectistas ca efectivas”.

Os novos incendios

O aumento de episodios e extremos e cambio global, que están dando paso a unha nova xeración de lumes, tamén preocupa aos axentes. “Están aumentando os Grandes Incendios Forestais (GIF) de máis de 500 hectáreas, con comportamentos que obrigan ao director de extinción a modificar a estratexia de extinción a cotío, e por iso pedimos profesionalidade e formación. Debemos ser capaces de ir un paso por diante“, contan. Para isto, ven “fundamental retomar os postos de vixilancia fixa, aumentar os compoñentes das cuadrillas, aumentar o número das mesmas con persoal cualificado e profesional adicado a traballos de prevención e a extinción”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204