Venres 19 Abril 2024

As aves urbanas no confinamento: non eran máis, pero escoitabámolas mellor

Cando as rúas quedaron baleiras hai agora un ano, varios proxectos de ciencia cidadá puxéronse en marcha para analizar o comportamento das aves nas cidades. Nunhas urbes con moito menos ruído, era interesante saber como podería mudar a súa situación. Unha das investigacións foi ornitho.cat colaboración entre o Instituto Catalán de Ornitoloxía (ICO) e o Centre de Recerca Ecològica i Aplicacions Forestals (CREAF), naceu entón para estudar os efectos do peche total na natureza.

As primeiras conclusións, publicadas nun artigo en Proceedings of the Royal Society B., desmenten a teoría de que a natureza, neste caso as aves, invadiu as cidades silenciosas e baleiras.

Publicidade

As aves cambiaron o seu comportamento e pasaron a ser máis activas nas primeiras horas do día

Os datos demostran que, polo menos durante o primeiro mes do confinamento, non houbo máis paxaros, senón que os oímos e vimos máis porque cambiaron moi rápido o seu comportamento e pasaron a ser moito máis activos as primeiras horas do día. O artigo defende que os cambios inducidos polo confinamento foron demasiado drásticos e repentinos e non duraron o suficiente como para permitir procesos de colonización.

En condicións naturais, fóra das cidades os paxaros cantan e son moi activos ao amencer, algúns mesmo cando aínda é de noite. “En contornas urbanas, con todo, este momento do día coincide coa hora punta da mañá, cando hai máis persoas e ruído na rúa, o que lles impide comunicarse entre si cando cantan ou buscar tranquilamente alimento por culpa da tensión que lles causa a nosa presenza constante”, comenta Óscar Gordo, primeiro autor do artigo.

Durante o confinamento desapareceron estes inconvenientes e as aves cambiaron rapidamente o seu comportamento para recuperar un ritmo moito máis natural. “Unha vez máis, as aves urbanitas demostran ser extremadamente plásticas e adaptan o seu comportamento ás novas posibilidades que ofrecía o confinamento humano”, comenta Sergi Herrando, investigador do CREAF e do ICO.

126000 rexistros de 16 especies

Os resultados obtivéronse grazas á participación de máis de 400 ornitólogos voluntarios que recolleron máis de 126.000 rexistros de paxaros neste proxecto de ciencia cidadá que coordina o ICO. Para o estudo seleccionáronse as 16 especies de aves máis habituais en ambientes urbanos e que pasan todo o ano en Cataluña e comparáronse cos datos recolleitos en ornitho.cat das mesmas poboacións en anos anteriores (2015 ata 2019).

O comportamento mudou especialmente en especies como a gaivota patiamarela ou a pega rabilonga

Salvo os estorniños, todas as especies estudadas foron máis activas á primeira hora da mañá, o que demostra que a resposta foi moi xeneralizada. “En aves como a gaivota patiamarela (Larus michahellis) ou a pega rabilonga (Pica pica), animais moi intelixentes e adaptables, a drástica redución do tráfico e da presenza humana na rúa animounas a utilizar moito máis as primeiras horas da mañá para buscar alimento e, mesmo, a penetrarse máis nos núcleos centrais das vilas e cidades”, explica Gabriel Gargallo, director xeral do ICO.

“A ciencia confirma que o ruído, de maneira directa ou indirecta, asociouse coa diminución da densidade de aves, así como co empobrecemento das súas comunidades”, explica Lluís Brotons, investigador do CREAF.

E as aves, como están? Cara e cruz da corentena na natureza

A contaminación acústica dificulta a súa comunicación, aumenta os niveis de estrés e, mesmo, parece acelerar o seu envellecemento. Uns efectos negativos que se amplifican e complementan pola gran presenza de coches e persoas que hai polas rúas sobre todo en horas punta. Todo iso fai que moitas especies sexan incapaces de vivir en contornas urbanas e que as que si o fan estean sometidas a condicións pouco acolledoras, que a miúdo conlevan consecuencias negativas para a súa bioloxía.

Os resultados deste estudo suxiren que as aves urbanas teñen unha gran plasticidade de comportamento e que aproveitaron moi rapidamente algunhas das melloras ambientais que se produciron nas nosas contornas urbanas froito do noso confinamento.

“Está nas nosas mans facer que as cidades sexan máis acolledoras para os paxaros alén da crise da Covid-19. Os problemas que experimentan na súa comunicación e saúde son en boa parte homólogos aos que padecemos nós mesmos. Por tanto, se facemos os nosos pobos e cidades máis habitables para as aves e a natureza en xeral, seguro que nós tamén nos beneficiaremos. Escoitar e ver paxaros foi, sen dúbida, un dos mellores remedios para soportar con máis ánimo o confinamento de xusto hai un ano”, conclúen os autores.


Referencia: Rapid behavioural response of urban birds to COVID-19 lockdown (Publicado en Proceedings of the Royal Society B.).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos