Xoves 25 Abril 2024

As 33 praias de Galicia nas que vai ser mellor non bañarse este verán

O informe anual de calidade das augas de baño expón que o 88,5% destas zonas teñen calidade excelente, pero un 1,2% teñen altos niveis de bacterias fecais

A Axencia Europea do Medio Ambiente publicou este luns o seu informe anual sobre a calidade das augas de baño nos países membros da Unión. O documento constata, un ano máis, o descenso no número de zonas cuns niveis de bacterias fecais por riba do permitido, de acordo aos estándares de calidade da UE, xa que o 95% de todas as zonas, tanto marítimas como continentais, acadan polo menos a calidade “excelente”, “boa”, ou “suficiente” que fai que se permita o baño con garantías sanitarias. Galicia, unha das rexións con máis quilómetros de costa en todo o territorio europeo, aglutina tamén a maior cifra de puntos de mostraxe analizados en España (22,8% do total), e o 2,3% do conxunto de Europa. E a pesar de que mantén un elevado índice de boa calidade das augas, (un 86,7% das mostraxes ofrecen uns valores de “excelente“) ten, en termos absolutos, un importante número de ‘puntos negros‘ onde a contaminación, sobre todo de orixe fecal, obriga a cualificar esteas áreas como “insuficiente” en canto ao seu estado, segundo os criterios marcados pola Directiva europa 2006/7/CE. A análise mide a presenza de enterococos intestinais e Escherichia coli, bacterias que poden causar doenzas no organismo en caso de entrar en contacto con el.

O 86,7% dos puntos analizados teñen unha calidade excelente, e só un 1,2% manteñen uns niveis de bacterias fecais por riba do permitido para o baño

Así, segundo o informe europeo, só un 1,2% (6 de 510) das zonas de baño galegas (unha marítima e seis continentais), amosan unha calidade “insuficiente” (‘poor’ é o termo usado en inglés pola Axencia Europea do Medio Ambiente) nas análises realizadas no último ano. Galicia suma, deste xeito, un 21% do total dos puntos con niveis “insuficientes” en España, porcentaxe que se corresponde coa súa presenza en valores absolutos no conxunto do territorio estatal. A praia é a de Virxe do Camiño, na enseada de Muros; pola súa parte, as zonas continentais, situadas en cursos fluviais ou encoros, son no caso de Galicia as do río Rois, no concello do mesmo nome, río Furelos (Melide), río Parga (Guitiriz), río Neira (Baralla) e río Limia (Baltar). Os datos difundidos pola UE son recollidos todos os anos pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, a través do Programa de Vixilancia Sanitaria que toma mostraxes en máis de medio millar de puntos do país.

Publicidade

Zonas fóra do censo e prohibición permanente

Porén, ademais destas seis áreas, e tal e como indica a lexislación e informa a Consellería de Sanidade, nas zonas nas que se rexistran durante cinco anos consecutivos niveis insuficientes decrétase unha prohibición permanente do baño e elimínanse do censo oficial. Neste ano, respecto a 2019, Saúde Pública detalla que as áreas de Virxe do Camiño, a do río Tambre en Nináns-Brión e a do río Neira en Baralla eliminaranse do censo no vindeiro ano ao sumar cinco tempadas consecutivas con resultados desfavorables. Este ano xa non figuraba na listaxe a praia de Lires (Cee), que cumprira na tempada pasada os cinco anos con calidade insuficiente.

Estes espazos súmanse ás 20 praias costeiras e fluviais que xa estaban fóra do censo polos seus constantes niveis de bacterias fecais nas análises realizadas nos últimos anos. E outras sete, aínda que non figuran no censo oficial, están sendo analizadas ante a posibilidade de incorporalas a listaxe, e amosaron tamén unha calidade insuficiente.

Zonas de baño con calidade insuficiente en Galicia

Mapa das zonas de baño con calidade insuficiente ou prohibición permanente en Galicia. Fonte: Dirección Xeral de Saúde Pública.
Mapa das zonas de baño con calidade insuficiente ou prohibición permanente en Galicia. Fonte: Dirección Xeral de Saúde Pública.

Con estes datos, son 33 as áreas nas que o baño está desaconsellado pola contaminación fecal. Segundo a lexislación vixente (ver PDF) “nas praias con clasificación sanitaria insuficiente deberán adoptarse medidas de xestión adecuadas que incluirán a prohibición do baño ou a recomendación de absterse deste, para evitar a exposición dos bañistas á contaminación“. A listaxe compóñena:

Praias

Prohibición permanente: (cinco ou máis anos con calidade insuficiente): Penaoural (Burela), A Concha (Cariño), Barallobre (Fene), Centroña e Ver (Pontedeume), Santa Cruz-Porto (Oleiros), Regueiro (Bergondo), O Portiño* (A Coruña), Ría de Barrañán (Arteixo), Camelle e Area da Vila (Camariñas), A Concha e Lires (Cee), Virxe do Camiño (Muros), Testal-Taramancos (Noia), Peralto (Boiro).

Calidade insuficiente este ano (fóra do censo oficial**):Arealonga-dereita (Barreiros), Celeiro (Viveiro), Cabana (Ferrol).

Ríos

Prohibición permanente: Río Tambre-Nináns (Brión), río Neira (Baralla), río Saa (A Pobra do Brollón), San Clodio (Ribas de Sil), río Ourille (A Bola), río Arzoa (Vilardevós).

Calidade insuficiente este ano: río Furelos (Melide), río Parga (Guitiriz).

Calidade insuficiente este ano (fóra do censo oficial): Baamonde (Begonte), Chao do Pousadoiro (Ribeira de Piquín). Vilarello (Valga), Muíño do Pedroso (Narón).

Ademais, no caso do encoro das Conchas, que recolle as augas do río Limia, afectado de forma periódica por episodios de contaminación por cianobacterias, Saúde Pública recomenda “absterse do baño” no Corgo-A Rola (Muíños) e Portoquintela (Bande). A calidade é excelente tendo en conta o criterio de presenza de E. coli e enterococos, pero a presenza de cianobacterias, non detectable nestas análises, pode resultar daniña para a saúde.


*A prohibición do baño no Portiño débese a que está dentro dunha zona portuaria na que non se permite esta actividade.
** A cualificación das áreas de baño que están fora do censo oficial “deben interpretarse con carácter provisional”, segundo Saúde Pública.

Segundo os criterios sanitarios para evitar posibles problemas de saúde, a Consellería de Sanidade desaconsella o baño temporalmente cando, nun control, os niveis de Escherichia coli superen o valor de 1000 NMP/100mL e/ou os niveis de enterocos intestinais superen o valor de 600 NMP/100 mL. A exposición a estas bacterias, na súa maior parte de orixe fecal, debido a un deficiente saneamento ou con verteduras de residuos agrogandeiros, pode provocar problemas de saúde na pel, no aparello dixestivo ou respiratorio coas súas posibles complicacións.

A contaminación nos ríos

Nunha área como Galicia, cunha elevada presenza de áreas de baño fluviais (as zonas analizadas son 67, e o total de España, 252), mantéñense numerosos puntos cun sistema de saneamento deficiente, así como problemas causados pola actividade agrogandeira e industrial. Fernando Cobo, profesor da USC e director da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, especializada no estudo das augas continentais, explica que en case todos os casos “esta contaminación débese á materia orgánica, nomeadamente fecal, que é un ambiente acaído para que medren bacterias como as coliformes e os enterococos”.

Cobo alude á dispersión da poboación galega e á deficiente rede de saneamento nalgunhas zonas, así como á pouca conciencia de boas prácticas en algúns sectores, como razóns que explican a pervivencia destes puntos negros de contaminación. Engade, a demais, que “é posible que haxa máis zonas contaminadas por estas bacterias, como zonas de baño tradicionais que non entran dentro do censo establecido polas autoridades, o que podería aumentar o risco” de intoxicación.

“En Galicia temos un problema de contaminación difusa: hai aínda moitas vivendas que verten augas fecais sen o debido control e que, sumadas unha a unha, contaminan o curso do río abaixo, así como zonas que concentran moitas verteduras persistentes que en verán, con temperaturas altas, unha maior carga biolóxica nos ríos e unha menor dilución, con caudais máis baixos, fan aflorar estas eivas en forma de presenza de bacterias”, engade o profesor da USC.

Fernando Cobo pon o acento en hábitos que se manteñen nunha pequena parte da actividade gandeira, e que provocan episodios contaminantes derivados dos puríns. Neste sentido, os informes de Saúde Pública e a Unión Europea amosan os persistentes problemas de eutrofización causados polas cianobacterias na bacía do río Limia e no encoro das Conchas, no sur da provincia de Ourense.

A difusión do informe anual de calidade das augas de baño coincide coa publicación da listaxe do distintivo Bandeira Azul, que outorga ADEAC (Asociación De Educación Ambiental e do Consumidor). Dase a circunstancia de que algunhas praias nas que se desaconsella o baño pola presenza de bacterias fecais, como Barrañán, en Arteixo, posúen o distintivo da bandeira, a pesar das esixencias medioambientais que esta conleva.


Máis información:

European bathing water quality assessment (MAPA).

– Informe técnico do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2019 (PDF).

Vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.

4 COMENTÁRIOS

  1. Cómo están las playas fluviales de Mondariz y del Balneario de Mondariz (Cernadelas,Pías, Playa de Val) ?

  2. Paréceme correcta a publicación do artigo. Pero…todas as praias restantes, é dicir, as que non se mencionan son aptas para bañarse??? Gustaríame saber si a Praia da Ponte das Partidas , no concello de Ponteareas é apta para o baño? Hai veces que só con arrimarse ao río o cheiro que desprende a auga non é moi agradable. De quen é a competencia da Consellería de Sanidade ou do Concello?

    • Era meyor poner en unha fila os ríos que no se pueden bañarse ,,,,y otra fila que sí que se puede bañarse,,,,,,,,como las playas las que te puedes bañarte y las otras no ,,,,,,,con nombres.

  3. Agradécese o artigo, pero é lamentable que nunca se inclúan nestes análises os pesticidas, abonos, metais pesados e residuos farmacéuticos que abundan tanto en ríos coma no mar. Ós plásticos xa non os inclúo porque xa os levamos no sangue.
    Non nos afectan? Quen define os valores aceptables ou de risco?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais