Esta exposición virtual percorre a historia das epidemias en Galicia

O Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS) selecciona 50 documentos que rememoran a contención de doenzas infecciosas en séculos pasados

O 2 de outubro de 1918, o alcalde de Santiago de Compostela, Máximo Riva, escribía un oficio ao Gobernador Civil da Coruña: “Onte á tarde chegou (a Santiago) un enfermo procedente desa capital (A Coruña), falecendo no hospital ás poucas horas do seu ingreso, a consecuencia de enfisema pulmonar. Procédese á desinfección casas e edificios públicos, facéndose varrido de rúas despois de regadas e empregando solución cloruro”. O día 31 dese mesmo mes, o Consello Universitario acordaba suspender o inicio do curso. Son dous dos primeiros sinais do lembrado como outono do pánico en Galicia, nunha das últimas grandes pandemias que coñeceu o planeta, e que volveu á actualidade coa crise da Covid-19. Para compartir a memoria sobre as epidemias que viviu Galicia durante os últimos séculos, o Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS) acaba de elaborar unha exposición virtual coa que se conmemora o Día Internacional dos Arquivos, celebrado todos os anos o 9 de xuño.

A exposición percorre as vivencias e as medidas de contención das infeccións que afectaron ao territorio galego a través dunha selección de 50 documentos de tipoloxía moi variada pertencentes a varios dos fondos documentais que custodia. Abórdase a gripe do 1918, co inxente esforzo médico da Facultade de Medicina compostelá, pero tamén as vagas de peste do século XVI, que levaron á construción do hospital de San Roque, hoxe pazo; a expansión do cólera en 1854 que levou a habilitar para os enfermos o convento de San Francisco;, o confinamento da cidade dentro das murallas en repetidas ocasións, así como a dimensión relixiosa destas crises sanitarias, nunha sociedade dominada polo catolicismo, para pedir a Deus a superación das epidemias. Do mesmo xeito, a mostra tamén recolle a dimensión persoal destas epidemias, dando conta de partes de defunción, correspondencia entre profesionais sanitarios e outros documentos que amosan de primeira man como se viviron estas crises. É o caso, por exemplo, dos sanitarios falecidos pola gripe do 1918, como Narciso Carrera, Marcial Fernández ou Eduardo del Río, catedráticos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago.

Publicidade

Expedientes persoais de Narciso Carrero, Marcial Fernández e Eduardo del Río, catedráticos da USC falecidos pola gripe de 1918. Fonte: AHUS.
Expedientes persoais de Narciso Carrero, Marcial Fernández e Eduardo del Río, catedráticos da USC falecidos pola gripe de 1918. Fonte: AHUS.

Mediante esta mostra, preténdese poñer de manifesto o papel dos arquivos no ‘Empoderamento das Sociedades do Coñecemento’, lema elixido polo International Council on Archives (ICA) para as actividades realizadas esta semana en desenvolvemento desta efeméride internacional.

Tal e como se indica desde a USC, coa exposición virtual destes testemuños escritos, que presenciaron directamente as consecuencias dos distintos brotes epidémicos que tantos estragos causaron na contorna máis inmediata, e das medidas hixiénicas e de prevención que adoptaron as autoridades da época, o AHUS pretende amosar a sorprendente concomitancia “coa triste realidade que nos está tocando vivir como sociedade e que parece dar por bo o estereotipado carácter cíclico da Historia”, tal e como explica a directora do Arquivo, Désirée Domínguez Pallas.

Publicidade


Aquí podes consultar a exposición “A memoria epidémica de Galicia a través dos fondos do arquivo histórico universitario”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

Entre o “Teño, teño” e o “Carallo!”: a linguaxe da dor en Galicia (e en galego)

Dous documentos testemuñais de finais do século XX recompilan as expresións populares empregadas por pacientes para describir o seu malestar

Fronte á nova variante: así está a cambiar a epidemia de gripe

O impacto da mutación H3N2 e as limitacións da vacina nesta tempada marcan a evolución da enfermidade no terrritorio

Seis consellos de Europa ante a epidemia de gripe: “Non esperes a vacinarte”

A enfermidade respiratoria entra en fase de epidemia de forma máis temperá do habitual e Galicia xa rexistra 223 ingresos nunha semana