Publicidade

Antropoceno en Galicia: estes son os seus sinais

O Consello da Cultura Galega edita un libro no que recolle achegas de expertos en diversas materias para analizar a pegada humana no territorio

Apenas hai recuncho de Galicia onde o ser humano non deixara a súa pegada. As cidades son o máximo expoñente do impacto da actividade humana, pero a explotación dos recursos naturais, coa conseguinte modificación das paisaxes e alteracións nos ecosistemas son omnipresentes no territorio. Conceptos como o Antropoceno (unha nova época xeolóxica marcada pola acción do home en relación co planeta) ou a Grande Aceleración (nome co que se coñece ao comezo do consumo exponencial dos recursos terrestres pola humanidade), foron debatidos en 2017 nunha xornada organizada en Santiago de Compostela polo Consello da Cultura Galega (CCG). Agora, o recollido naquel encontro, no que participaron varios expertos que advertiron da necesidade de cambios neste sentido, toma forma de libro, cunha publicación coordinada polo catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros, que leva o título de “O Antropoceno e a Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia.”

Detalle da portada de "O Antropoceno e a Grande Aceleración". Fonte: Consello da Cultura Galega.
Detalle da portada de “O Antropoceno e a Grande Aceleración”. Fonte: Consello da Cultura Galega.

“Podemos manter todo isto así? Claramente non”, sentenciou Díaz-Fierros este mércores, na presentación do volume, acompañado pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Ciencia, Elena Vázquez Cendón. Para argumentar o seu discurso, o edafólogo ofreceu unha serie de gráficas que apuntaban que en Galicia tamén se produce un incremento exponencial de consumo de enerxía, repoboación forestal e outra serie de recursos. E tamén indicou que o aspecto diferencial de Galicia é que estamos nalgúns casos chegando a unha saturación do consumo de recursos. Para el, estamos nunha fase de diagnóstico no que xornadas como a celebrada en Santiago, nos converten en pioneiras no conxunto do Estado.

Publicidade

O Antropoceno e a Grande Aceleración

A publicación está estruturada en dúas partes. Na primeira ofrécese unha visión do problema global a cargo de Alejandro Cearreta, da Universidade do País Vasco, o único representante español dos 38 que compoñen o grupo mundial de traballo sobre o Antropoceno; de Jorge Riechman, coñecido divulgador ambiental da Universidade Autónoma de Madrid, e dos investigadores Pablo Ramil e Luis Gómez-Orellana, da USC.

Nunha segunda parte, a través da análise de impactos como a produción e o consumo de enerxía, o uso de fertilizantes, as repoboacións forestais, a construción de encoros, os procesos de urbanización e a produción e xestión de residuos, os expertos debullan as diferentes arestas do Antropoceno coa mirada centrada no territorio galego, relacionándoas cos impactos destas actividades na calidade biolóxica dos ríos, así como sobre as aves, réptiles e anfibios de Galicia. Son autores desta parte Xoán Doldán, Eduardo Rico Boquete, José María Tubío, Eduardo Corbelle, Francisco Ónega, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Cobo, Lourenzo Fernández Prieto, Beatriz Corbacho, María Teresa Barral, Xoán Rodríguez Silvar e Pedro Galán.

Publicidade

A publicación inclúe tamén algunhas gráficas que, segundo explica Díaz-Fierros, “amosan maioritariamente un proceso de crecemento exponencial que está a presentar unha saturación que nos levaría a pensar nun esgotamento dos recursos e, como consecuencia, nunha necesidade urxente de tomar medidas de conservación e regulamento”.


Podes descargar nesta ligazón (PDF) o libro “O Antropoceno e a Grande Aceleración. Unha ollada desde Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha guerra por un peixe: 30 anos do maior conflito pesqueiro de Galicia

Canadá disparou contra o buque 'Estai' en augas internacionais e detivo o seu capitán, o que causou un enfrontamento co Goberno español

Encaixan os galegos nas claves sociais do Informe Mundial da Felicidade? “Somos sociedade de comunidade e empatía”

Os ritmos de vida actuais levan a compartir menos tempo cos nosos, un factor que a psicoloxía liga estreitamente co benestar emocional

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana