Un anticiclón eleva as temperaturas en Galicia ata os 30 graos: canto vai durar?

O predominio do vento do nordés a partir do xoves baixará os termómetros ata os 18 graos de máxima na Coruña e Ferrol

Galicia está a vivir un mes moi inestable, con temperaturas por debaixo das habituais para esta época do ano e con abundantes precipitacións en todo o territorio. Porén, na recta final de mes parece que o tempo vai adquirindo as características propias do verán. Un anticiclón volve exercer a súa influencia sobre Galicia e deixará ata mediados de semana temperaturas que acadarán os 30 graos, especialmente no sur da comunidade. Con todo, os termómetros baixarán considerablemente a partir do xoves, especialmente no norte, onde dificilmente se superarán os 20 graos de máxima. Malia os valores, baixos para finais de maio, o tempo será solleiro, polo menos, ata a entrada da próxima semana.

Os días de máis calor serán o martes e o mércores, dado que o luns os valores máximos roldarán os 20 graos agás en Ourense, que acadará os 26; e en Pontevedra, que se chegará aos 25. Este breve pero intenso episodio de altas temperaturas comezará o martes, cando se agardan néboas matinais no interior que se irán disipando conforme avance a xornada. Tamén é probable que se producen néboas durante a tarde no litoral norte. Isto, que contribúe a que as temperaturas non aumenten tanto como deberían, compleméntase nas Rías Baixas cun vento do noroeste. No que respecta aos termómetros, os valores máximos volverá a acadalos Ourense, con 30 graos. O resto de cidades galegas roldarán os 25 agás A Coruña e Ferrol, que non superarán os 22. O mércores, o escenario atmosférico será moi parecido ao do día anterior.

Publicidade

O patrón comezará a cambiar a partir do xoves. Aínda que Galicia continuará baixo a influencia das altas presións, o vento do nordés baixará considerablemente as temperaturas, especialmente no norte de Galicia. Así, A Coruña e Ferrol quedarán nos 18 graos de máxima, que tamén se rexistrarán en Santiago. As cidades do sur, como Pontevedra, Vigo e Ourense, roldarán os 27 graos. Malia a incerteza do prognóstico de cara á fin de semana, está previsto que ata o vindeiro luns continúe raiando o sol sobre Galicia e con moi baixas probabilidades de precipitación. Porén, o predominio dos ventos de compoñente norte baixará considerablemente as temperaturas que, segundo Meteogalicia, serán baixas para a época do ano. De feito, a previsión é que non superen os 20 graos de máxima de cara á fin de semana.

O meteorólogo Mario Picazo explica nun artigo publicado no portal eltiempo.es que esta baixada das temperaturas a partir da segunda metade da semana débese pola chegada de aire frío debido ao paso de sistemas frontais que, de momento, non afectarán Galicia. “Aínda que a semana arrinca con tempo bastante estable e boas horas de sol en moitas zonas, ao longo da semana veremos como dende o Atlántico vai chegando algún sistema frontal para aumentar a nubosidade e deixar precipitacións”, explica. Isto acontecerá a partir do xoves, onde é probable que se rexistren chuvias illadas na Mariña, pero sen a intensidade nin a continuidade das últimas semanas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC profunda na figura da “adúltera castigada” do Pórtico de Praterías

O profesor José María Anguita Jaén vén de publicar unha extensa análise sobre a imaxe da muller cun cranio no colo que xa é mencionada no ‘Liber Sancti Iacobi’

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado

Novas filtracións na balsa tóxica de Alcoa: cal é o perigo do lodo vermello?

Os compostos da vertedura, que está a 75 metros das casas máis próximas, xorden da elaboración de aluminio, na que un quilo de alúmina produce dous do refugallo