O anticiclón resístese: novas frontes atlánticas traen chuvia durante toda a semana

O territorio experimentará un pronunciado descenso térmico entre o martes e o mércores que será máis acusado nas provincias do oeste

Galicia arrinca a segunda semana de xullo coa vista posta no Atlántico. As altas presións, retiradas ao sur dos Azores, deixarán paso a varias frontes atlánticas que provocarán tempo inestable, precipitacións febles e ceos nubrados durante toda a semana. A meirande parte do territorio tamén experimentará un acusado descenso térmico con valores que roldarán os 20 graos, sobre todo nas provincias atlánticas. Dende Meteogalicia prevese que o anticiclón comece a moverse en dirección norte cara ao final de semana, o que traería tempo estable e subida de temperaturas. Con todo, o prognóstico ata o xoves mantén un escenario marcado polo aire frío e as chuvias febles.

“Non é imposible pero si rechamante ver frontes frías como as desta semana atravesando o norte en pleno mes de xullo”, sinala o meteorólogo Mario Picazo nunha peza publicada no portal eltiempo.es. Galicia, de feito, recibirá as primeiras precipitacións da semana nas últimas horas deste luns, cando chova en todo o territorio agás nas montañas de Lugo e Ourense. O ambiente húmido continuará durante o martes, con chuvias “máis frecuentes en intensas na fachada atlántica”. No que respecta ás temperaturas máximas, variarán entre os 20 e os 23 graos. Son valores baixos para esta época do ano.

Publicidade

Ascenso das temperaturas

O escenario atmosférico do mércores será moi semellante ao do martes: ceos nubrados e chuvias febles en boa parte do territorio galego a causa das frontes atlánticas. Con todo, as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, especialmente no interior. Así é que Ourense acadará os 28 graos de máxima e Lugo os 26. O resto de cidades oscilarán entre os 21 e os 24 graos. Estes son valores que tamén se agardan para o xoves, unha xornada cunha “situación meteorolóxica moi indefinida en superficie”. Segundo o prognóstico de Meteogalicia, o aire frío nas capas medias e altas da atmosfera continuará provocando ceos nubrados e chuvias febles.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro