Saber mirar o camiño polo que pisamos, como fan moitos dos científicos que percorren o territorio galego como parte do seu traballo de campo, permite que de cando en vez se poidan atopar especies nunca antes vistas no noroeste da península ibérica. É o caso do que lle pasou a Juan José e Rubén Pino Pérez, investigadores da Facultade de Bioloxía e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que describen por primeira vez, nunha nota da Nova Acta Cientifica Compostelana, a presenza do clérido Dermestoides sanguinicollis en Galicia.
Foi, segundo explican os investigadores, que o achado produciuse de camiño ao cumio de Tres Bispos, na serra ancarense. “Atópabase baixo a codia dun carballo caído de Quercus petraea (carballo albar)”. Esta é unha das escasas citas na península ibérica para este clérido, que, segundo o artigo, foi citada por primeira vez en España nunha carballeira en Navarra no ano 2004, aínda que outros autores fan referencia a outra cita en Barcelona en 1870. Algúns autores apuntan a que se pode atopar en árboles atacados previamente polo capricornio das aciñeiras (Cerambyx cerdo), un insecto moi frecuente nos montes galegos, que adoita alimentarse da madeira de árbores como o carballo, as abeleiras, salgueiros ou freixos. Á súa vez, este clérido agora descuberto en Galicia adoita alimentarse de larvas dalgunhas especies presentes nestas mesmas árbores.
Segundo os autores do achado do clérido nos Ancares, “a tardanza en localizar esta especie en España está probablemente ligada a unha deficiente ou insuficiente prospección, pero tamén a que no grupo dos cléridos se trata dun taxon raro”. Así, salientan que mentres que en Europa se coñecen algo máis de 70 especies de cléridos, na península ibérica describíronse 37, e delas, 14 en Galicia.
As descricións anteriores sobre a presenza do Dermestoides sanguinicollis indican que diversos autores centroeuropeos teñen advertido da rareza e vulnerabilidade da especie, o que dá máis valor ao achado do clérido na montaña de Ancares. O exemplar está agora depositado no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.
Referencia: Un nuevo clérido para la fauna de Galicia (NO España): Dermestoides
sanguinicollis (Fabricius, 1787) (Coleoptera, Cleridae). Publicado na Nova Acta Cientifica Compostelana.