O CSIC obtén coltán de “alta pureza” na mina de Viana de Bolo

Un novo procedemento mellora a calidade das sales de niobio e tántalo, o chamado "ouro negro" dos teléfonos móbiles, extraídas de Penouta

A 1.300 metros de altitude, nos montes de Penouta, en Viana do Bolo, está a que é a única mina en Europa dun mineral que xa é o novo “ouro negro”: o chamado coltán, termo coloquial para designar a mestura en proporción variable de columbita e tantalita, rochas que conteñen niobio e tántalo, ten neste recuncho ourensán o único lugar onde se extrae en toda Europa. Este composto é un compoñente esencial para a industria tecnolóxica, xa que o tántalo se usa na súa forma de óxido para a elaboración de condensadores, acumulando carga eléctrica de maneira moi eficaz e libéraa de forma moi eficaz en circuítos integrados, presentes nos dispositivos electrónicos, desde os smartphones ata as consolas de videoxogos. Noutros sitios, como o Congo, o coltán é fonte de conflitos, violencia e espolio a gran escala nunha das zonas máis pobres do planeta.

Este martes, o CSIC anunciou nunha nota de prensa que un equipo do Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas (CENIM) desenvolveu un procedemento para recuperar o estaño da mina de Penouta e extraer, a partir da escoura resultante, niobio e tántalo. Trátase, segundo salienta o CSIC, “dos primeiros compostos desas materias primas sintetizados en España na primeira e única mina para a súa extracción de toda Europa”.

Publicidade

Fragmento de coltán (niobio e tántalo), visto ao microscopio. Fonte: CENIM.
Fragmento de coltán (niobio e tántalo), visto ao microscopio. Fonte: CENIM.

“O coltán é un mineral relativamente escaso que contén niobio e tántalo e forma parte dos minerais estratéxicos para a Unión Europea”, explica Félix Antonio López, investigador do CSIC no CENIM. López lidera o proxecto ESTANNIO, en colaboración coas empresas Strategic Mineral e KROWN, que busca deseñar procesos para aproveitar os residuos mineiros de Penouta. A empresa Rumasa explotou este xacemento ata o seu peche en 1982, o que provocou unha gran cantidade de residuos que conteñen estes valiosos minerais.

O coltán de Viana do Bolo

O rápido aumento da demanda e o feito de que a súa obtención “estea vinculada a zonas con explotación infantil e conflitos bélicos, como o Congo, fan esencial lograr unha alternativa que permita obter estes minerais en zonas libres de conflitos, caso dos países europeos”, apunta o CSIC.

“Desde que a empresa mineira renovou a actividade hai uns meses —explica Francisco Polonio, director de Strategic Minerals—, están a procesarse as balsas e vertedoiros da antiga mina e estase iniciando a explotación do xacemento ao descuberto, de onde se extraen estaño, tántalo e niobio, e adicionalmente cuarzo, feldespato e mica”.

A partir dos minerais extraídos na mina, un equipo de investigadores do CENIM desenvolveu un proceso que permite obter estaño de alta pureza e posteriormente, da escoria resultante, compostos de niobio e tántalo. “O niobio e o tántalo son dous elementos con moita afinidade química e a súa separación selectiva é complicada. Para iso, temos que separar primeiro o estaño e despois aplicar un proceso laborioso para obter sales comerciais tanto de niobio como de tántalo, e facelo ademais con rendementos e purezas atractivas para a súa explotación comercial”, explica o investigador do CSIC Félix Antonio López.

O método permite acadar “unha calidade comercial que non se pode lograr cos métodos tradicionais”

Os científicos desenvolveron unha serie de procesos químicos cos que conseguen separar estes valiosos metais, a través de distintas etapas de lixiviación e extracción con disolventes orgánicos, e alcanzar unha calidade comercial que non se pode lograr cos métodos tradicionais. “Obtivemos lingotes de estaño cunha pureza do 95% e as primeiras de sales de niobio e tántalo cunha calidade comercial de ata un 97% e un 99%, respectivamente”.

Estímase que a vida útil da mina será de 35 a 40 anos, como mínimo. Ademais, a diferenza doutros proxectos, segundo salientan os impulsores do proxecto, os traballos na mina de Penouta non produciron rexeitamento social, “xa que a súa reactivación xerou emprego no municipio”. Así mesmo, sosteñen que tampouco existe risco ambiental, pois “o proceso de obtención dos concentrados non o implica”, engade o director de Strategic Minerals. Con todo, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural cuestionaron no seu momento o proxecto.

A mina de Viana do Bolo sitúase nunha zona con décadas de actividade mineira. Entre 1965 e 1971 extraeuse granito e despois, ata 1985, extraeuse estaño e tantalio, ata que os baixos prezos dos minerais levaron ao peche da explotación. No lugar quedaron grandes volumes de rochas e gravas sen aproveitar, xerando ademais un importante impacto ambiental debido a que os responsables da restauración non cumpriron coas súas obrigas. Foi en 2013 cando se reactivou a actividade, nun contexto de revalorización do coltán pola súa importancia na industria tecnolóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha salina romana no xacemento do Aguncheiro de Oia

Os arqueólogos escavan unha primeira área de 100 m2 de pavimentos e estruturas cuxa extensión estimada podería alcanzar os 4.000 m2

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé