A problemática derivada da acumulación de algas de arribazón nas praias e o seu efecto negativo sobre os intereses do sector acuícola mariño continúa sendo unha materia pendente. Por este motivo, o Centro Tecnolóxico EnergyLab desenvolveu o proxecto de investigación VALORALGAE, que estuda unha nova vía de aproveitamento sostible para as
algas de arribazón, mediante a súa valorización como combustible renovable (biogás e
pellets), minimizando así o seu impacto negativo sobre o medio ambiente.
Son moitos os bancos marisqueiros cuxa mortaldade se viu incrementada pola acumulación e a descomposición nas praias das algas de arribazón. É por iso, que o sector demanda a adopción de estratexias de desenvolvemento sostible. VALORALGAE, basándose nos principios da economía circular, analizou a viabilidade do uso destes biocombustibles no sector acuícola e a súa contorna (en confrarías, portos, lonxas e outros entes) co obxectivo de poder transferir e facilitar a súa implantación e uso, abrindo con iso, unha nova oportunidade económica.
As algas, de residuo a recurso
Segundo os datos obtidos a través das confrarías de Galicia, estimouse que
a cantidade de algas de arribazón nas costas galegas oscila entre 5.000 e as 7.000 toneladas ao ano. Para a mostraxe seleccionáronse dúas praias de Galicia: a praia de A Barra (Redondela) e a praia de Castelete-O Rego (Vilanova de Arousa). As cantidades recollidas nos lugares seleccionados permitiron albiscar o potencial de recurso existente ao ano que na actualidade non se aproveita e que podería destinarse á obtención de enerxía
sostible.
Un dos obxectivos do proxecto era comprobar o potencial de obtención de biocombustible
gaseoso (biogás). Tras a realización dos ensaios conclúese que as algas estudadas teñen valor como materia prima para a produción de biogás. Con todo, para poder empregalas nun proceso de dixestión anaerobia, será necesario eliminar os compostos inorgánicos presentes, principalmente areas, xa que poderían causar problemas. Para eliminar as sales e areas das algas de arribazón, contouse cun equipo novo de limpeza desenvolto dentro do contexto do proxecto chamado GESTALGAR.
Cara novas fontes de enerxía renovables
Na última fase de VALORALGAE estudouse a viabilidade técnico-económica das
solucións propostas e avaliáronse os consumos enerxéticos, así como a
xeración de residuos en entes relacionados co sector acuícola, determinándose
que o potencial de enerxía renovable xerada mediante a combustión e a dixestión
anaerobia das algas estudadas, permitirían cubrir boa parte da demanda
eléctrica dos entes estudados.
En canto á obtención dun biocombustible sólido en forma de pellets, debido ao elevado contido de cinzas das especies estudadas, os pellets obtidos non cumpriron coas especificacións de calidade mínima requiridas segundo a normativa vixente (UNE EN ISO 17225:2014) e por iso só poderían ser empregados en instalacións de combustión especialmente deseñadas e axustadas para este tipo de biocombustibles. VALORALGAE contou coa colaboración de numerosos entes como o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) ou a Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).