Yuka foi atopado en Siberia en 2010. Foto: Cyclonaut / CC BY-SA 2.0.

Recuperan actividade biolóxica nun mamut de 28.000 anos

Un equipo de científicos xaponeses publica en "Scientific Reports" os avances dun experimento con Yuka, un mamut laúdo atopado en Siberia

Yuka (así o chamaron os científicos) é un mamut laúdo que viviu hai 28.000 anos en Siberia. É o protagonista dun importante logro da ciencia. Un equipo de investigadores xaponeses acaba de publicar en Scientific Reports un artigo no que dan conta da recuperación de actividade biolóxica a partir dos restos de Yuka. Os científicos recolleron as partes menos danadas de estruturas do núcleo da célula do mamut, pertencentes á médula ósea ou ao tecido muscular, e implantáronas en ovocitos de ratos vivos despois da transferencia nuclear.

E as análises demostraron a presenza de compoñentes nucleares nos restos estudados. “O noso traballo proporciona unha plataforma para avaliar as actividades biolóxicas do núcleo nas especies animais extintas”, contan os investigadores no traballo. Porén, a clonación está lonxe: “Os resultados amosan de novo a imposibilidade de facto de clonar o mamut coa tecnoloxía actual, pero a nosa achega abre o camiño para estudar estas actividades biolóxicas”, conclúen.

Diversas fases da actividade detectada no mamut Yuka. Fonte: Scientific Reports.
Diversas fases da actividade detectada no mamut Yuka. Fonte: Scientific Reports.

En total, 88 destas estruturas do núcleo recolléronse de 273,5 miligramos de tecido de mamut, e unha vez que os núcleos se inxectaron en ovocitos, varias das células modificadas demostraron sinais de actividade que precede á división celular.

A pesar da limitada actividade, o feito de que se poida observar é xa un avance notable, e suxire, segundo os investigadores, que “os núcleos celulares mantéñense, polo menos parcialmente, incluso nun período de máis de 28.000 anos”.

Os restos de Yuka foran atopados en 2010, e desde entón convertéronse nun codiciado obxecto de estudo. Os resultados “suxiren que, aínda cos anos que pasaron, a actividade celular aínda pode ter lugar e partes dela poden recrearse”, subliñou a AFP o enxeñeiro xenético Kei Miyamoto.

Referencias: Signs of biological activities of 28,000-year-old mammoth nuclei in mouse oocytes visualized by live-cell imaging (Publicado en Scientific Reports, 11 de marzo de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.