María José Alonso, a científica máis influente de España

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC xa se situara o ano pasado como a máis influente en Ciencias da Saúde, posto no que se mantén

Un novo fito na carreira de María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela. Segundo informou este martes a institución, converteuse na investigadora máis influente de España atendendo ao índice de citación dos seus traballos científicos. O ránking do índice h, o indicador máis relevante do impacto das publicacións científicas dentro dunha área específica, outórgalle un índice-h 71, a posición máis alta entre todas as investigadoras que figuran na lista en calquera dos ámbitos científicos indexados. O ano pasado, Alonso xa era a máis influente no eido das Ciencias da Saúde, no que se mantén neste 2019 á cabeza.

Segundo subliña a USC, o impacto das publicacións científicas asinadas por mulleres nas múltiples áreas do campo da investigación en Saúde atópase por debaixo dos seus compañeiros varóns na maioría dos ámbitos, con escasas excepcións, entre elas a área de Farmacoloxía e Farmacia, onde a profesora Alonso figura á cabeza.

Publicidade

Segundo a última actualización desta lista de referencia, a profesora Alonso conseguiu un índice-h 71, con máis de 16.300 citas das súas publicacións. María José Alonso mantén esta posición de máis influente nos últimos anos. Xa no 2010, o impacto dos seus traballos levouna a clasificarse no top 10 de investigadores no seu campo a nivel mundial (Times Higher Education International).

Esta lista reúne os datos dun total de 4.025 investigadores que traballan en España, dos que 2.329 figuran nos ránkings de 157 áreas de investigación. A media dos índices-h no conxunto destes ránkings sitúase nun 38.

Publicidade

María José Alonso graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Ao longo da súa traxectoria acumulou infinidade de méritos e recoñecementos de prestixiosas sociedades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN