O acivro, sen amparo legal en Galicia: “A súa desprotección non ten ningún sentido”

Fanse cinco anos dende que a Xunta derrogou a orde que defendía a árbore de talas indisciminadas e outras ameazas

A norma que protexía o acivro en Galicia derrogouse en 2018.
A norma que protexía o acivro en Galicia derrogouse en 2018.

Os seus brillantes froitos vermellos e as súas follas duras e espiñosas fan do acivro (Ilex aquifolium) unha especie única. A cultura popular, as lendas e o cristianismo convertérona nunha árbore vinculada ao Nadal, servindo como elemento decorativo por excelencia dunhas datas tan sinaladas. Esta tradición derivou en talas indiscriminadas que poñían en perigo o acivro, unha árbore de alto valor ecolóxico porque serve como alimento e refuxio durante o inverno de moitas especies de vertebrados. De feito, en 1984 ditouse unha orde para protexerlo; a mesma que derrogou a Xunta en febreiro de 2018. Cinco anos despois, os expertos e as entidades ecoloxistas seguen reclamando o amparo legal da especie. “A retirada da súa protección foi un paso atrás sen ningún sentido”, sostén o investigador do CSIC Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

“Foi unha medida arbitraria. A Xunta non tiña datos que avaliasen a súa decisión porque non había nada que indicase que a situación do acivro estivese mellorando”, apunta o experto. Fai fincapé, ademais, en que outra das grandes ameazas da especie, ademais das talas indiscrimadas, está nos lumes que arrasan recorrentemente os montes galegos e as zonas de alta montaña onde habita esta árbore. “Dende o ano en que se declarou a súa protección, a situación do acivro non mellorou en Galicia”, insiste González, tratando de explicar por que considera que se debería reverter a decisión e retomar o amparo legal dunha especie ameazada e de tanto valor ecolóxico. “A norma levaba completamente instaurada dende os anos 80 e non se entende a súa retirada“, reflexiona o investigador do CSIC.

“Dende o 1984 a situación do acivro non mellorou en Galicia”

SERAFÍN GONZALÉZ, presidente da SGHN

A tese que defende González é a mesma que seguiron outras entidades ecoloxistas e colexios oficias en 2018, cando se derrogou a norma. Sen ir máis lonxe, os biólogos galegos recordaban que o acivro foi unha das primeiras especies que se protexeron no país pola súa importancia como alimento durante o inverno, ademais de como regulador térmico e refuxio de predadores. Igual que lembra hoxe González, o colexio de biólogos denunciaba a falta de aval científico da decisión tomada pola Xunta en 2018 e reclamaban a súa inclusión no catálogo galego de especies ameazadas, tal e como solicitou por esas mesmas datas a SGHN. A decisión, por tanto, non só era unánime hai cinco anos, senón que a posición destas entidades segue a manterse na actualidade.

Alto valor ecolóxico

Malia que o acivro non conta hoxe en día con ningún tipo de amparo legal, a Consellería de Medio Ambiente fai referencia a el como “especie clave” en Galicia, salientando o seu “alto valor ecolóxico” e insistindo na súa importancia para animais como o corzo (Capreolus capreolus), os leiróns careto (Eliomys quercinus) ou a pita do monte, onde a haxa. E non só porque sirva como alimento nunha época do ano onde todo escasea, senón porque se emprega como refuxio. De feito, un folleto publicado pola Xunta en 1985 —tan só un ano despois de que entrase en vigor a orde para protexer o acivro— recollía que no interior desta árbore pode haber entre 3ºC e 5ºC sobre a temperatura do exterior. “A súa mesta follaxe supón unha axeitada cobertura contra as xistras e nevaradas”, ademais de servir como refuxio a diferentes tipos de paxaros, como o azor ou o miñato.

Distribución do acivro pola península ibérica, Illas Baleares e norte de África. Crédito: Anthos / The Conversation

A importancia ecolóxica do acivro, por tanto, ninguén a pon en dúbida, pero si o seu amparo legal. “Protexeuse cando existía unha Consellería de Agricultura e desprotexeuse con unha de Medio Ambiente. Isto demostra canto lle preocupa á consellería a súa protección”, sentencia González. “Oxalá estiveramos equivocados e mañá sairamos a felicitar á Xunta. Oxalá nos deran motivos”, continúa o presidente da SGHN. Pero, de momento, a única mensaxe que lle lanzan ao goberno autonómico é de advertencia. O investigador do CSIC explica que a falta de protección do acivro está dificultando a súa protección natural e que sen datos científicos nin conflitividade social —como si pode haber co lobo— non se entende a derrogación da norma. “Isto amosa unha falta de interese pola protección real do patrimonio natural“, sinala. E insiste: “Afortunadamente hai posibilidades de volver introducilo nalgunhas zonas e facer plantacións con sentido común. Pero a súa falta de protección repercute: imos precisar medidas de recuperación e non se conservación”.

Declaración como especie ameazada

A Xunta, en 2018, tamén expuxo os argumentos que a levaron a tomar tal decisión. Segundo fontes da Consellería de Medio Ambiente, a norma de 1984 que se derrogaba ditárase en desenvolvemento do Real Decreto 3091/1982 sobre protección de especies ameazadas de flora silvestre. Un decreto que xa quedara anulado en 1990 por outro que regulaba o Catálogo nacional de especies amezadas, no que non se incluía o acivro. Polo tanto, a Xunta defendía hai cinco anos que, na práctica, o acivro xa non gozaba de ningún réxime de forma especial e o único que se fixo foi derrogar a orde de forma expresa. Ademais, deixaban a porta aberta á declaración do acivro como especie ameazada. Algo que, a día de hoxe, aínda non aconteceu, malia que os expertos seguen reclamando a súa protección.

A Xunta defendeu en 2018 que o acivro non contaba con ningún réxime de protección especial dende 1990

Onde si se alerta da situación da especie é na Lista Vermella de Especies Ameazadas, elaborada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Un documento que se actualizou precisamente en 2018 e onde se declaraba o acivro como especie protexida coa categoría LC, é dicir, de “preocupación menor”. Así o expresaba a bióloga e investigadora da Universidade de Jaén Fátima Aguilera nun artigo publicado en The Conversation a comezos de decembro de 2022. Ela, que tamén reclamaba a súa protección, insistía en que ten un “gran valor ecolóxico” e facía fincapé na súa lonxevidade, posto que poden chegar a vivir un século ou máis. Ademais, a árbore é orixinaria do sur e oeste de Europa, cunha salientable presenza en Galicia e noutros puntos do norte da península ibérica.

Aguilera, ademais de coincidir na importancia ecolóxica que defenden González e a propia Xunta, poñía o foco nas ameazas ás que está sometida esta especie. Ademais das talas indiscriminadas para decoración e elaboración de mobles, o “incremento sucesivo de temperaturas como consecuencia do cambio climático” está repercutindo negativamente sobre o futuro desta árbore. A investigadora tamén sinalaba que o acivro conta con protección en numerosos territorios, malia que Galicia non entre nesa lista. Os expertos, por tanto, semellan ter unha opinión semellante e fundamentada, pese a que isto non se reflicta no plano legal. As súas voces, pasados cinco anos da derrogación da norma, seguen a ser unánimes: necesítase protección para o acivro. E, sobre todo, necesítase xa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.