Xoves 18 Abril 2024

O Centro de Furacáns dos EUA advirte dunha cicloxénese tropical preto de Galicia

A peculiar situación atmosférica no Atlántico, con cinco ciclóns simultáneos, pode influír na aparición de fortes tormentas a partir do xoves

A Axencia Estatal de Meteoroloxía anunciou este martes ao mediodía que a partir do xoves 17 e ata o luns 21, a Península Ibérica vai estar afectada por unha situación “pouco habitual para esta época do ano“, por mor da evolución dunha borrasca situada na actualidade fronte a Galicia, que se desprazará cara ao sur e intensificarase. Ao adquirir humidade de orixe subtropical, advirte a Aemet, fará aumentar cantidade de precipitacións, mesmo en forma de treboadas e saraiba, e unha baixada notable das temperaturas. Con todo, a incerteza e a inestabilidade da mesma impiden facer polo momento predicións sobre as zonas concretas que se verán máis afectadas.

Da situación xa advertira o pasado domingo MeteoGalicia, no momento no que algunhas zonas do norte do país, como A Coruña, estaban a vivir un dos días máis cálidos en setembro dos que se ten rexistros, debido á chegada de aire quente desde o sur, algo pouco habitual en situacións nas que predomina o anticiclón. Ao tempo, unha borrasca cargada de aire frío, e desprendida desde latitudes setentrionais, adentrouse cara ao sur, xerando un escenario de inestabilidade para estes vindeiros días.

Publicidade

As razóns hai que buscalas, entre outros factores, no peculiar panorama destes días do Océano Atlántico. Desde 1971 non se xuntaban cinco ciclóns tropicais ao mesmo tempo (Paulette, Rene, Sally, Teddy e Vicky), como está a acontecer nos últimos días. A actividade destes fenómenos está sendo tan intensa que, como lembraba este martes a Organización Meteorolóxica Mundial, o 2020 será con moita probabilidade o segundo ano da historia, despois de 2005, no que se agote a lista de nomes previstos para os furacáns.

E esta sucesión de furacáns, que inflúen uns nos outros como parte dos complexos sistemas que se moven polo océano, garda relación co que se podería esperar en Galicia nos vindeiros días. As predicións apuntan a que un dos ciclóns activos no Atlántico, Paulette, se moverá cara ao leste, influíndo no movemento do anticiclón que fica arredor das Azores e, ao seu tempo, alimentará a borrasca que está a profundizarse cara ao sur antes de impactar na Península a partir do xoves. Así, o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos está analizando a evolución dos sistemas no océano, e advirte de que hai un 10% de posibilidades de que nas vindeiras 48 horas (a porcentaxe sobe ao 20% nos vindeiros 5 días) a borrasca situada fronte a Galicia desenvolva características tropicais ou subtropicais debido ao encontro con augas máis quentes. Segundo o experto en dinámica atmosférica Juan Jesús González Alemán, trátase dunha situación pouco habitual nesta área do océano, cunha “cicloxénese extratropical con potencial de adquirir características tropicais”.

De confirmarse esta situación, tal e como apunta David Domínguez, de Redmeteo, podería producirse o fenómeno coñecido como DANA (depresión illada en altos niveis da atmosfera), que se asocia a fortes tormentas, durante o xoves.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Francisco Infante, delegado da Aemet: “En Galicia está cambiando o patrón de precipitacións”

O experto apunta que a comunidade suma meses máis cálidos do normal e que non será unha excepción á subida do nivel do mar

Unha profunda borrasca atlántica azouta Galicia esta fin de semana con chuvia, vento e neve

O centro de baixas presións situado sobre Irlanda enviará unha fronte fría na madrugada do sábado