Martes 30 Abril 2024

Exemplos do que NON hai que facer na historia das vacinas

O biólogo Antonio Figueras, do CSIC en Vigo, analiza os casos de vacinas que tiveron erros e saíron mal por diversas razóns

Os problemas con vacinas no pasado amosan que meter présa agora para acadar unha vacina contra o coronavirus sería “colosalmente estúpido”. Un informe de 2018 publicado o ano pasado por Wellcome Trust atopou que, a nivel mundial, o 21% dos 140.000 enquisados cre que as vacinas non son seguras ou non o saben. Nos Estados Unidos e en Europa, a desconfianza ou a incerteza alcanzaron o 28% das respostas.

Esta percepción ten por consecuencia un menor número de vacinacións e a “reaparición de epidemias de parotidite, tose ferina, sarampelo e varicela”, segundo un artigo publicado en outubro do ano pasado na revista francesa  Revue des Maladies Respiratoires. A seguridade é a principal preocupación das persoas que desconfían das vacinas, seguida da desconfianza nas autoridades sanitarias.

Publicidade

Polo menos parte desa desconfianza débese ao fracaso da vacina contra a gripe porcina de 1976, que erosionou a confianza nas vacinas en xeral. Esa vacina aumentou o risco de desenvolver a síndrome de Guillain-Barré (GBS) en 1 de cada 100.000 vacinados. Con máis de 40 millóns de persoas xa vacinadas esa tempada de gripe, a inmunización contra a gripe porcina cesou ata que se comprendeu mellor o risco. Os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) aínda non coñecen a causa do aumento do risco naquela crise.

Desde aquela, oito vacinas asociáronse con riscos para a saúde e retiráronse do mercado, segundo os CDC. Desas oito, comprobouse que só dúas tiñan riscos: a mencionada vacina contra a gripe porcina de 1976 e a vacina contra o rotavirus de 1998-99, que aumentou o risco de invaxinación intestinal nos bebés.

A vacinación é unha arma moi poderosa pero non hai que acelerar os pasos. Hai que garantir a seguridade e a eficacia. A historia amosa que as présas non son boas.

O 12 de abril de 1955, o goberno anunciou a primeira vacina para protexer aos nenos contra a polio. En cuestión de días, os laboratorios produciran milleiros de lotes da vacina. Os lotes feitos por unha empresa, Cutter Labs, contiñan accidentalmente virus da poliomielite vivo e provocaron un gromo.

Máis de 200.000 nenos recibiron a vacina contra a polio, pero nuns días o goberno tivo que abandonar o programa. Corenta mil nenos contraeron polio. Algúns tiñan niveis baixos, aproximadamente douscentos quedaron con parálises e uns 10 morreron. O goberno dos Estados Unidos, suspendeu o programa de vacinación ata que puidese determinar que saíu mal.

Con todo, un incremento no nivel de supervisión non logrou evitar outro problema coa vacina contra a polio. Desde 1955 ata comezos de 1963, millóns de persoas foron expostas de maneira inadvertida ao virus simio 40 (SV40), un contaminante de vacinas de poliovirus; o virus atopábase nos cultivos de células renais de mono utilizados para a preparación da vacina, e non foran detectados. O SV40 foi descuberto en 1960 e eliminado das vacinas. O SV40 é un potente virus tumoroxénico con tropismo por moitos tecidos, que induce tumores en roedores e transforma as células cultivadas de moitas especies.  Segundo os CDC, ningunha vacina actual contén o virus SV40, e non hai evidencia de que a contaminación danase a ninguén.

En 2020, declarouse a erradicación da poliomielite en África. A enfermidade só continúa transmitíndose en Afganistán e Paquistán.

En 1976, os científicos predixeron unha pandemia dunha nova cepa de influenza chamada gripe porcina. Máis de 40 anos despois, algúns historiadores chaman a este episodio a “epidemia de gripe que nunca existiu”.

Os asesores do presidente Ford, informáronlle dun gromo de gripe pandémica chamada gripe porcina que podería ser tan daniña como a gripe española. Ford tomou a decisión de facer obrigatoria a vacinación. O goberno lanzou o programa en aproximadamente sete meses e 40 millóns de persoas vacináronse contra a gripe porcina, segundo os CDC. Esa campaña de vacinación relacionouse máis tarde con casos dun trastorno neurolóxico chamado síndrome de Guillain-Barré, que pode desenvolverse despois dunha infección ou, en raras ocasións, despois da vacinación cunha vacina viva.

Os CDC afirman que o aumento do risco era de aproximadamente 1 caso adicional de Guillain-Barré por cada 100,000 persoas que recibiron a vacina contra a influenza porcina.

Por iso está claro que a vacina ten que ser segura. Se unha vacina non ofrece unha protección completa ou moi elevada, a xente terá unha falsa sensación de seguridade e o risco de novos contaxios vai incrementarse.

Paciencia, a vacina chegará pero non cando queramos ou cando nos din. Isto é bioloxía e saúde pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral