Investigadores da Coruña, nun proxecto de oftalmoloxía mediante 5G

Os científicos Marcos Ortega e Jorge Novo participarán na iniciativa Ocuexplorer 5G, que achegará o coidado dos ollos a pacientes por teleasistencia

Os científicos Marcos Ortega e Jorge Novo, do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, forman parte do equipo do proxecto Ocuexplorer 5G, que ten por obxectivo facer máis accesible o coidado oftalmolóxico de pacientes, principalmente a persoas maiores, persoas con problemas de mobilidade e procedentes de lugares con difícil acceso aos centros médicos mediante a tecnoloxía de telecomunicacións 5G, intelixencia artificial e novas técnicas ópticas e telecontrol.

Ocuexplorer, coordinado polo Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA) e liderado por Telefónica, é unha das iniciativas impulsadas polo Goberno español a través dunha convocatoria pública de axudas cun presuposto agregado de máis de 36 millóns de euros, dos que máis de 10 serán cofinanciados pola Entidade Pública Empresarial Red.es a través dos fondos FEDER da Unión Europa. O proxecto inclúe oito casos de uso que se desenvolverán en Galicia a cargo da Unión Temporal de Empresas composta por Telefónica, Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet Redes Inteligentes e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Fernández-Vigo.

Publicidade

O prototipo de teleoftalmoloxía avanzada Ocuexplorer 5G, segundo expón o CiTIC, “constitúe un mecanismo de axuda para os oftalmólogos, que permita chegar a unha maior poboación de forma máis eficiente, avanzando no desenvolvemento dunha oftalmoloxía preventiva para toda a poboación”.

A teleoftalmoloxía, engade o centro coruñés nunha nota de prensa, pode ser unha ferramenta clave durante a pandemia da Covid-19, xa que sería posible facilitar as consultas a distancia, evitando desprazamentos aos centros médicos e evitando así parte do risco de exposición ao SARS-CoV-2. O prototipo desenvolvido polo consorcio formado polo Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA), Telefónica, Idronia e o CITIC consta dun dispositivo que toma imaxes de alta definición do ollo, que posteriormente filtra utilizando técnicas de Intelixencia Artificial. As imaxes envíanse ao oftalmólogo en tempo real, aproveitando o ancho de banda que permite a rede móbil 5G.

Publicidade

O cometido de Marcos Ortega e Jorge Novo é o de desenvolver o software de Intelixencia Artificial capaz de analizar retinografías e identificar potenciais riscos de patoloxías oculares. O sistema permite realizar un cribado de cantidades masivas de información e notificar ao oftalmólogo cada vez que se identifique unha retinografía con parámetros fóra da normalidade, para que sexa examinada de forma axeitada. Desta maneira, Ocuexplorer 5G achegará progresos na prevención e diagnóstico das enfermidades do ollo, conseguindo un sistema de oftalmoloxía preventiva máis avanzado e intelixente a través da nova xeración de tecnoloxía móbil 5G.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | O Shazam da música tradicional galega

A investigadora do CITIC Hilda Romero Velo mestura partituras, computación e bioloxía na súa tese para avanzar na investigación etnográfica musical

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

A UDC crea unha plataforma de IA para personalizar o tratamento da incontinencia urinaria feminina

O proxecto XINE-IA combinará datos clínicos, tecnoloxías terapéuticas e experiencia de pacientes para apoiar aos profesionais sanitarios