Venres 19 Abril 2024

Atopan en Siberia restos do oso das cavernas, o xigante extinto que habitou Galicia

Científicos da Universidade de Yakutsk analizarán o corpo atopado por pastores de renos nas illas Lyakhovsky, no Círculo Polar Ártico

Na Cova Eirós de Triacastela viviu nalgún momento, hai decenas de miles de anos, o oso das cavernas (Ursus spelaeus), un animal semellante ao actual oso pardo, pero que o superaba nun 30% en tamaño. Científicos galegos atoparon e estudaron algúns dos fósiles nos últimos anos, pero nunca, ata agora, se conseguira atopar un exemplar tan ben conservado. O achado produciuse nas illas Lyakhovsky, na Siberia oriental, e xa dentro do Círculo Polar Ártico, onde uns pastores de renos localizaron un exemplar, posiblemente xuvenil, do mítico oso das cavernas. Conservado en moi bo estado por efecto do xeo, é un fotograma do mundo que desapareceu antes de que os seres humanos desenvolveran a escritura.

Detalle da cabeza do oso das cavernas. Fonte: Siberian Times.
Detalle da cabeza do oso das cavernas. Fonte: Siberian Times.

Científicos da Universidade Federal do Nordeste en Yakutsk, a capital da República de Sajá, na Siberia Oriental, encargaranse agora de estudar os restos, que son de “importancia mundial”, segundo Lena Grigorieva, unha das máis destacadas expertas rusas no estudo das especies extintas da Idade do Xeo. Tal e como destaca a investigadora, o único que se atoparan ata agora eran ósos ou fósiles, pero neste caso presérvanse tecidos brandos, os órganos internos e moito detalles que permitirán un estudo en profundidade da especie.

Publicidade

Ilustración dun oso das cavernas. Imaxe: Sergio de la Rosa - CC BY-SA 3.0.
Ilustración dun oso das cavernas. Imaxe: Sergio de la Rosa – CC BY-SA 3.0.

As análises preliminares realizadas ao oso das cavernas atopado apuntan a que ten unha antigüidade de entre 22.000 e 39.500 anos. “É preciso facer unha análise de radiocarbono para determinar a idade precisa”, apuntou o investigador Maxim Cheprasov, do laboratorio do Museo do Mamut de Yakutsk. Segundo Lena Grigorieva, a investigación está planificada a unha escala “tan grande como a que se fixo no estudo do famoso mamut Malolyakhovsky”, atopado no mesmo arquipélago hai uns anos, e do que mesmo foi posible extraer pingas de sangue grazas ao bo estado de conservación do animal, duns 10.000 anos de antigüidade.

Nos últimos anos, e como consecuencia do acelerado desxeo nas zonas árticas de Rusia, coa consecuente degradación do permafrost, foron atopados numerosos restos de mamuts, rinocerontes laúdos, poldros da Idade de Xeo ou leóns cavernarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades