Sábado 20 Abril 2024

As 200.000 mortes do “Prestige”

O sábado 16 de novembro de 2002, hai agora 16 anos, a fenda no monocasco do Prestige ía abríndose a medida que se afastaba da costa, estendendo aínda máis a marea negra que xa comezaba a chegar á costa de Galicia. “Botar o barco mar adentro foi, para as aves mariñas, a peor decisión posible”, conta o científico Ignacio Munilla, que naquel momento dirixía a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo. Aqueles días, vendo a magnitude do desastre medioambiental que se albiscaba, con aves que comezaban a aparecer cubertas de petróleo, Munilla e os seus colegas comezaron a idear un método que lles permitira calcular cal ía ser a cantidade total de aves mortas polo vertido.

“As principais afectadas adoitan ser as aves mariñas mergulladoras, como araos e alcas. Morren petroleadas e os cadáveres aparecen nas praias”. Porén, as que se ven non son todas as que son. “A dificultade – conta Munilla – consiste en coñecer a relación que existe entre o número de aves que se atopan nas praias e a cifra total”.

Publicidade

500 tacos lanzados ao mar

Tacos utilizados para o estudo realizado en xaneiro de 2003 sobre a marea negra do "Prestige". Imaxe cedida por Nacho Munilla.
Tacos utilizados para o estudo realizado en xaneiro de 2003 sobre a marea negra do “Prestige”. Imaxe cedida por Nacho Munilla.

Dous meses despois do accidente, entre os días 14 e 15 de xaneiro de 2003, os científicos subiron a un helicóptero e adentráronse no mar desde a costa de Galicia. Á altura de Cíes, Corrubedo e cabo Touriñán, e a unha distancia de 5, 15 e 25 quilómetros mar adentro, lanzaron 500 tacos de madeira cun lastre de metal, cos que se intentaba imitar o comportamento na auga dun cadáver de ave mariña aboiando no mar. “Os tacos levaban un código de identificación e un número de teléfono para quen o atopara puidera dar aviso”.

E só se recuperaron o 10 % deles. Un ano despois da marea negra, SEO/BirdLife publicou, a partir das achegas de  centenares de investigadores, institucións e voluntarios, un informe do impacto do Prestige sobre as aves mariñas en toda a costa atlántica e cantábrica. Segundo os datos recabados, entre o 16 de novembro, día no que se recolleu a primeira ave con restos de fuel, ata o 31 de agosto de 2003, rexistráronse 23.181 aves de máis de 90 especies. Delas, 17.061 estaban mortas e 6.120, vivas. Máis do 50 % foron recollidas nas costas galegas.

 

Aves recollidas entre o 16-11-02 e o 16-5-03. Fonte: SEO/BirdLife.
Aves recollidas entre o 16-11-02 e o 16-5-03. Fonte: SEO/BirdLife.

Por tanto, “os cálculos suxiren que a cifra total de vítimas directas da marea negra do Prestige superou as 200.000 aves mariñas“, expón Ignacio Munilla. A peor parte, como adiantaba o científico galego, levárona os alcidos, e sobre todo o arao. “As aves que morreron foron, sobre todo, individuos orixinarios de colonias de cría das illas Británicas. En varias desas colonias detectouse unha pegada fonda e clara da mortalidade asociada ao Prestige.

Un problema que persiste

Unha das principais poboacións afectadas pola marea negra foi a do corvo mariño das Illas Cíes. “Os efectos aínda son evidentes hoxe en día”, expón Munilla. Algúns estudos realizados tempo despois sinalaban que a reprodución reducirase un 45%. 16 anos despois, “a colonia segue a esmorecer e non da recuperado o número de efectivos que tiña antes do Prestige“.

As causas, con todo, non hai que buscalas só a simple vista, destaca o ecólogo galego. “A marea negra contaminou os leitos de area arredor das illas, nos que os corvos adoitaban alimentarse de bolo, un peixe moi nutritivo que vive enterrado na area e que daquela era moi abundante. Agora os corvos mariños de Cíes xa non teñen bolo que comer, o que provoca que non se dean reproducido ben, xa que os alimentos alternativos -o corvo mariño aliméntase exclusivamente de peixe vivo- son menos nutritivos e atópanse lonxe das colonias”.

Referencias:

Mass mortality of seabirds in the aftermath of the Prestige oil spill, publicado en 2011 na revista Ecosphere (ligazón)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204