Venres 29 Marzo 2024

A marea negra do Prestige reducíu un 45% a reprodución do corvo mariño

Un corvo mariño aniñando. Foto: Duvi.
Un corvo mariño aniñando. Foto: Duvi.

Existe unha opinión xeneralizada, incluso dentro da comunidade científica, de que os efectos dos grades vertidos de petróleo no medio mariño en xeral e, particularmente, nas aves mariñas, prodúcense só a curto prazo. Unha idea, que non obstante, vén de ser rebatida no traballo Long-term reproductive impairment in a seabird after the Prestige oil spill publicado polos investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Álvaro Barros, David Álvarez e Alberto Velando, no que se apunta que os efectos dun gran vertido, como foi o do petroleiro Prestige, poden ser importantes tamén no longo prazo, e polo tanto, as medidas de recuperación das zonas e especies afectadas deben ser formuladas tamén con esta perspectiva.

Segundo informa María del Carmen Echevarría no DUVI, o estudo levado a cabo polos tres investigadores da Universidade de Vigo e que recolle datos tomados durante 19 anos (1994-2012) en dezaoito colonias de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), confirma que a marea negra do Prestige reduciu nun 45% o éxito reprodutor desta especie que, segundo criterios da IUCN, International Union for Conservation of Nature, en Galicia está catalogada como Vulnerable, nas Rías Baixas como En perigo de extinción e no Parque Nacional das Illas Atlánticas como En perigo crítico de extinción.

Publicidade

O corvo mariño atópase tras o Prestige en “perigo crítico de extinción”

“O Prestige afectou ao corvo mariño cristado non só a curto prazo, coa morte inevitable de aves por contacto directo co cru, senón tamén ao longo prazo”, explica Álvaro Barros, que sinala que o petroleiro produciu un deterioro nas condicións do medio mariño tal “que 10 anos despois estas aínda non se recuperaron”. A calidade da información, a súa orixinalidade e o impacto desta publicación, son segundo Barros as razóns de que este traballo fose referenciado na prestixiosa publicación científica Nature “o que fai resaltar aínda máis a importancia deste estudo, que radica basicamente no feito de que estudos ben fundamentados sobre o efecto a longo prazo dos grandes vertidos de cru son moi raros a nivel mundial”.

Sorprendidos polo impacto

Os autores do estudo publicado na revista Biology Letters, consideran como “esperable” o feito de que o Prestige afectase á poboación da zona máis petroleada, sen embargo recoñecen quedar sorprendidos polo grao de afectación, que claramente, consideran, pode explicar boa parte da diminución da poboación nos últimos anos, concretamente no Parque Nacional. E é que segundo revela o estudo “sete das colonias estudadas, todas no sur de Galicia, foron consideradas como moi afectadas polo vertido e outras 11, todas asturianas e dúas do norte de Galicia, foron consideradas como pouco afectadas”, detalla Barros.

No estudo se recolleron datos de 2.426 niños de corvo mariño

Fronte a outros traballos que analizan exclusivamente as consecuencias dos grandes vertidos unha vez que estes se producen, o estudo dos investigadores da Universidade de Vigo achega información sobre o estado das poboacións, neste caso de corvo mariño cristado, antes da marea negra do Prestige. Concretamente o estudo recolle datos tomados entre os anos 1994 e 2012 en 18 colonias de corvo mariño, das que nove se sitúan en Galicia e outras nove en Asturias e nas que, ao longo de case dúas décadas, se recolleron datos de 2.426 niños. “Este é o principal valor do noso estudo e pon de manifesto a importancia dun monitoreo continuado no tempo das poboacións das especies máis sensibles”, explica Barros, que lembra que o problema deste tipo de traballos é que dado o imprevisible dos grandes vertidos é habitual que haxa moita información despois de que suceda, pero raramente existe ese coñecemento sólido sobre o estado das poboacións antes de que se produza o incidente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

Aparecen “galletas” de chapapote en praias da Illa de Arousa

Salvamento Marítimo desprega un dispositivo na zona e un buque está retido no Porto de Vigo baixo a sospeita de ter verquido augas residuais

Atopan un fungo capaz de facer desaparecer o chapapote

Un novo método empregando Aspergillus niger conseguiría limpar as praias de verteduras accidentais de diésel