Sábado 20 Abril 2024

Ramón Núñez: “Os Museos Científicos naceron como algo revolucionario”

O artífice da creación da rede museística da Coruña presenta este martes un libro de conversas escrito polo xornalista Jacinto Ruiz

Como chegou A Coruña a converterse nun referente para a divulgación e a cultura científica? Moitas das respostas hai que buscalas nas palabras de Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946), creador da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae, os tres Museos Científicos Coruñeses, así como da sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt). O balance desta traxectoria vital plásmase no libro Cuatro casas para la ciencia, escrito polo xornalista Jacinto Ruiz e editado polo servizo de publicacións da Universidade da Coruña, que recolle máis de medio cento de entrevistas e moitas horas de conversa con Núñez. A obra preséntase este martes na Domus.

– Como se ven estes catro ‘fillos’ agora que están maiores?

Publicidade

– Con moi boa saúde, moi ben dirixidos e cun gran futuro por diante. Aguantaron ben os anos difíciles de crise e vese que seguen captando a atención de moita xente e as cifras así o amosan, con máis de 400.000 visitantes durante o 2019. Están embarcados en proxectos internacionais moi interesantes e cun nivel de actividades que entusiasma. E eu moi feliz de velos así.

– O libro fala das decisións e acontecementos que levaron a que A Coruña teña hoxe catro museos científicos. Cales foron eses momentos?

– Para min o feito determinante foi a chegada á alcaldía de Paco Vázquez. O seu equipo tiña un proxecto que vía a educación e a cultura como áreas primordiais de actuación, e así se fixo desde o principio. Naquel momento, os museos científicos naceron como algo revolucionario, porque non había nada semellante en España que estivera impulsado pola administración pública. E a partir diso viñeron os demais.

O que pasou na Coruña é que por primeira vez se asignan, dentro dos orzamentos de Cultura, partidas que corresponden a cultura científica, e non só para música, literatura ou pintura. O Concello asume que unha parte destes cartos hai que investilos en actividades de educación na ciencia, e iso sentou un precedente.

– Ata onde cre que influíu isto na sociedade coruñesa e galega?

– Os estudos que hai ao respecto din que os museos científicos contribúen alí onde están a cambiar a percepción da ciencia que ten a cidadanía. A ciencia comeza a vincularse a recordos agradables, alegres e de satisfacción na infancia. Hoxe na Coruña xa estamos vivindo coa segunda xeración que pasou pola Casa das Ciencias. Os cativos que veñen hoxe chegan acompañados polos seus pais, que de pequenos tamén a visitaron. Iso intégrase na conciencia popular, e permite que se poida manter unha programación constante de conferencias, exposicións e outras actividades que á xente lle interesan, e vai velas. Ese é o legado máis importante, porque se integra a ciencia dentro do abano de oportunidades de ocio e tempo libre.

“Os cativos que van hoxe á Casa das Ciencias veñen cos seus pais, que tamén viñeron de pequenos”, salienta Núñez

– Quedou algo pendente de facer?

– Eu creo que non. Hai que ser realistas, e temos que pensar que A Coruña, económicamente, tampoco pode sustentar máis da oferta que ten, porque podería saír mal. O que hai que facer, e se está facendo, é manter unha programación atractiva, con contidos que se van renovando. Hai que intentar que a xente volva, que non diga ‘eu á Casa das Ciencias xa fun’, senón que volva e aprenda cousas novas porque os contidos que pode ver son distintos.

– Onde está a clave para divulgar ben?

– Eu vexo imprescindible comprender ben as cousas que se queren contar. Se isto non se consegue, é difícil transmitilo e traducilo á xente. Pero unha vez que se entende, todo é máis sinxelo.

– En que nos pode axudar o pensamiento crítico e racional no mundo de hoxe?

– Creo que é esencial presentar a ciencia cun enfoque vinculado á vida e á realidade que a xente experimenta no seu día a día. Ás veces, os enfoques académicos afástanse da vida cotiá, e iso afasta ás persoas. O espírito crítico foméntase moito mellor se as persoas ven como isto lle repercute nas cousas que experimentan directamente. Hai que facer as cousas auténticas e relevantes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias celebra o seu 30 aniversario

A entidade, que colabora cos Museos Científicos Coruñeses e o Muncyt, tamén organiza dúas conferencias sobre a relación entre música e ciencia