A Coruña é unha cidade de ciencia, e este sábado volverá demostralo. O Parque de Santa Margarida, onde se inaugurou hai máis de 30 anos a Casa das Ciencias, marcando un antes e un despois na divulgación científica en Galicia, acollerá o 23º Día da Ciencia na Rúa. Centos de nenos e mozos de máis de 40 centros educativos aprenderán divertíndose. E ademais, os tres museos científicos (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium), xunto co Muncyt, o museo arqueolóxico, a Torre de Hércules e a Fundación Gas Natural Fenosa, terán as portas abertas a todo o público, de xeito libre e gratuíto, desde as 11 ata as 19 horas.
Cada un dos centros educativos, procedentes de diversos puntos da provincia da Coruña presentará na rúa varios proxectos científicos desenvolvidos durante o curso. Haberá tamén presenza de institucións como a Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos ou a Facultade de Ciencias da UDC, O Centro Oceanográfico da Coruña, o Inibic, o Servizo Municipal de Educación, a Axencia Galega de Doazón de Órganos ou o Muncyt, nos que tamén se explicarán os traballos que desenvolven no seu día a día.
En canto á parte máis lúdica haberá, entre outros atractivos, un xadrez xigante de 3×3 metros, animación con xigantes e cabezudos, un concerto da Banda Municipal de Música, espectáculos teatrais, obradoiros de cestería, grafiti e arte urbana, deseño de produtos electrónicos, radio, e xogos tradicionais.
A actividade está organizada polo Concello da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses e a Asociación de Amigos Casa das Ciencias, que precisamente este ano cumpre o seu 25º aniversario. O Día da Ciencia na Rúa conta tamén co patrocinio da Fundación Española de la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), Emalcsa e a Deputación da Coruña.
Podes consultar a programación ao completo nesta ligazón.