O Xouva conta cunha plataforma de acceso que facilita a entrada ás persoas con mobilidade reducida, un problema habitual nos barcos. Imaxes: xouvaboats.com.
O Xouva conta cunha plataforma de acceso que facilita a entrada ás persoas con mobilidade reducida, un problema habitual nos barcos. Imaxes: xouvaboats.com.

Xouva 4.90: o barco eléctrico, sen carné e accesible para todos

A xouba (ou parrocha, dependendo da zona) é un manxar para moitos comensais, que mesmo a prefiren antes que a sardiña, de maior tamaño. Pequena tamén é a Xouva 4.90, e iso é o que a fai especial. O enxeñeiro naval José Manuel Ballester, o seu deseñador, creou unha embarcación que se move mediante baterías eléctricas e ten un tamaño o suficientemente pequeno para non precisar de carné para manexala.

O barco Xouva pretende fomentar tamén o turismo de observación ornitolóxica e mariña. Foto: xouvaboats.com.
O barco Xouva pretende fomentar tamén o turismo de observación ornitolóxica e mariña. Foto: xouvaboats.com.

“Navegar é unha paixón que teño desde pequeno e, coa miña formación, sempre tiven na cabeza deseñar un barco”, explica Ballester. Coñecendo proxectos que se están facendo noutros países de Europa no sector dos barcos de alugueiro para turistas, este enxeñeiro galego viu unha oportunidade interesante para trasladar aquí.

“As premisas foron as de facer un barco de menos de cinco metros, para que poida conducilo calquera, e facelo tamén accesible ás persoas con mobilidade reducida, que moitas veces teñen dificultades para subirse a un barco”, explica. Comezou así o deseño estético e hidrodinámico.

O resultado é o prototipo da Xouva 4.90 que xa se pode ver no peirao deportivo de Sanxenxo. Destaca tamén, segundo subliña o seu creador, por ser insomerxible, xa que os dous cascos que o compoñen están separados en cinco compartimentos estancos que minimizan a inundación en caso de que haxa unha vía de auga.

A Xouva 4.90 está homologada para que viaxen a bordo ata sete persoas e as súas baterías contan cunha autonomía de seis horas a máxima velocidade. Recárgase de forma sinxela, conectándoa á toma eléctrica do peirao. Porén, de saír ao mercado, José Manuel Ballester contempla tamén a opción de engadir placas solares á embarcación para aumentar a súa autonomía.

Un turismo diferente coa Xouva

A embarcación pretende ser un punto de partida para “encamiñar o turismo cara a outros tipos de oferta máis sostible; non queremos ofrecer só sol, praia, festa e rebumbio. Buscamos un público que valore máis a paisaxe, a natureza, o silencio, a calma, a tranquilidade e as actividades de observación ornitolóxica ou mariña“, expón Ballester. E non só na costa, senón tamén en augas interiores de ríos navegables, encoros e lagos.

O feito de ter propulsión eléctrica, o que reduce a contaminación acústica e atmosférica xerada polas embarcacións que se alimentan de combustibles fósiles, son outros dos valores que ofrece a Xouva 4.90.

Por agora, o proxecto non dou o salto ao mercado, aínda que xa se pode ver na auga. “Queremos que a xente veña a Sanxenxo a vela, que probe e que decida. Se vemos que hai interese, pensaremos en dar o paso e iniciar a produción en serie”.

Máis información sobre o proxecto na web xouvaboats.com.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.