Xoves 25 Abril 2024

Unha tese do CSIC en Vigo confirma que o Atlántico está a volverse ácido

O aumento do CO2 atmosférico debido á actividade humana ten sido suavizado pola absorción oceánica. Pero non sen consecuencias para as masas de auga do planeta, xa que esta absorción provoca unha serie de cambios químicos denominados acidificación oceánica. Os efectos son máis severos nos océanos de latitudes altas e as augas profundas das rexións nas que os movementos verticais son rápidos, é dicir, aquelas onde se forman masas de auga, como o Atlántico norte, están expostas máis rapidamente á acidificación. No estudo deste proceso céntrase a tese de doutoramento de María Isabel García Ibáñez, a primeira presentada ao abeiro do programa de doutoramento DO*Mar e realizada no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) baixo a dirección de Fiz Fernández. Deste xeito, a investigadora converteuse onte xoves na primeira doutora do programa de posgrao do Campus do Mar, que arrancou hai tres anos. O balance deste primeiro período segundo o seu coordinador, Manuel Varela, é positivo, cumpríndose as expectativas de calidade da formación e de matrícula, con 131 estudantes inscritos de 14 países diferentes.

Xuntanza de doutorandos do Campus do Mar o pasado verán.
Xuntanza de doutorandos do Campus do Mar o pasado verán.

A tese de García Ibáñez céntrase na acidificación e os transportes de masas de auga e CO2 no Xiro subpolar do Atlántico norte (NASPG), entre o norte de España e Groenlandia. Para determinar o efecto dos cambios da circulación oceánica na captación e almacenamento do CO2 atmosférico producido polo home, a investigadora estudou a distribución, transporte e transformación das masas de auga do NASPG na primeira década dos 2000, concretamente entre 2002 e 2010. Ademais tamén analizou a variabilidade interanual na estrutura das masas de auga entre 1997 e 2010.

‘Dentro de 50 anos o nivel de carbonato cálcico no Atlántico será cero’

Os datos obtidos no seu estudo corroboran a peor das predicións do IPCC, o Panel Intergubernamental do Cambio Climático: o nivel de carbonato cálcico nesta zona do Atlántico “dentro de 50 anos será 0”, explica a doutora. E é que o proceso de captación de CO2 por parte dos océanos provoca a acidificación da masa de auga e isto tradúcese no descenso do PH, o aumento de bicarbonato e o descenso de calcio. Polo tanto, as conclusións da investigación de García Ibáñez amosan que se camiña cara o peor dos escenarios previstos polos expertos do IPCC. Esta drástica redución da concentración de carbonato cálcico nesta zona do planeta terá un forte impacto sobre moitos organismos vivos, xa que como apunta a investigadora, este composto é imprescindible por exemplo “para a formación das cunchas de bivalvos como o mexillón ou a ostra e do esqueleto externo dos corais”.
O programa de doutoramento ‘Marine Science, Technology and Management’ (DO*MAR) comezou a impartirse o curso 2012-2013. Este título é a grande aposta do Campus de Excelencia en materia de formación de posgrao e nel colaboran as tres universidades galegas xunto con tres do norte de Portugal (Aveiro, Minho e Tras os Montes- Alto Douro), o CSIC e o IEO.

Publicidade

Sobre a acidificación dos océanos, podes atopar máis información
nesta reportaxe de GCiencia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte